FICHA TÉCNICA
MONDARIZ C.F. F.F. - ARMENTEIRA C.F. - 5 -0
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Rocío, Lara; Bea, Sara Rey, Banesa; e Nerea.
GOLES: 1-0. Minuto 1. Lidia Barros. 2-0. Minuto 9. Estela Mariño. 3-0. Minuto 57. Laura Rivas. 4-0- Minuto 58. Laura Rivas. 5-0. Minuto 59. Estela Mariño.
ÁRBITRO: González Martínez. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo terceira xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, que se disputou no campo de A Lagoa-2, en Mondariz, ante uns vinte espectadores, nunha mañá fresca e moi chuviosa, nunhas instalacións afectadas polas obras que se están acometendo e sobre un terreo de xogo empozado, no que o balón circulaba con dificultade.
CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. competiu con dignidade, nunhas circunstancias compricadas por varios motivos, no partido que disputou na mañá deste sábado ante o Mondariz C.F. F.F. no campo de A Lagoa-2, nesta localidade da comarca do Tea. Eran numerosas as adversidades ás que se enfrontaba o conxunto que dirixe Marcial Prado. As ausencias de xogadoras importantes no equipo como Paula, Fátima, Vanesa, Paula, Sara Torres e Patricia deixaban ao equipo en cadro. Con só sete futbolistas se presentou a escadra verdinegra nunhas instalacións deportivas que se atopan inmersas nunhas obras que as dotarán dunhas novas zonas de vestiarios, feito do que informou con antelación e xestionou con gran eficiencia o Mondariz C.F. F.F., que colocou unhas casetas provisionais con duchas, baños e espazos para cambiarse que resultan sorprendemente confortables e útiles para a función ás que foron destinadas. Dende o inicio do encontro a superioridade do cadro local foi manifesta, e nada máis comezar a rodar o balón xa se adiantaba por mediación de Lidia Barros, nunha acción na que se viu favorecida por unha situación de fóra de xogo. Pouco despois sería Estela Mariño que, ante os problemas para despexar das defensoras verdinegras, acababa recollendo o coiro na área para ampliar vantaxe. A partires de entón o Mondariz C.F. F.F. administrou con comodidade o resultado. O partido desenvolvíase fundamentalmente na metade do campo que defendía un Armenteira C.F. que tiña nas opcións a balón parado, lanzamentos de falta executados na maior parte dos casos por Lara, as mellores ocasións de aproximarse ás inmediacións da gardamallas Tania Rodríguez. No segundo período, ao tempo que a chuvia arreciaba, o panorama apenas variou. As locais exercían o dominio e o Armenteira C.F. agardaba no seu terreo de xogo tratando de manter a orde e de recuperar o coiro para trenzar algunha xogada que as levase a campo contrario. Unha polémica decisión do colexiado González Martínez, que penalizou con cesión un corte de Rocío que recolleu Anabel coa man, o que provocou as airadas protestas de Marcial Prado, permitiu que as de Mondariz acadasen o tres a cero. O reforzo anímico que supuxo esta acción deu máis forza ás locais que, con goles de Laura Rivas e Estela Mariño, nos minutos 58 e 59, colocaban a sentenza no marcador. As acertadas intervencións de Anabel, de novo unha das máis destacadas do seu equipo, non impediron que o Armenteira C.F. acumulase unha derrota que, aínda que inapelable, resultou tremendamente digna, dadas as circunstancias tan desfavorables e a entrega e o sacrificio que nestas condicións mostraron as futbolistas verdinegras. Este resultado mantén ás de A Armenteira na décimo sétima posición, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao Club Deportivo Agaela, de Cangas do Morrazo, un conxunto que ocupa a zona media-alta da táboa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario