Buscar neste blog

mércores, 16 de xaneiro de 2019

O San Antonio Abad abre o panorama festivo do ano en A Armenteira

O ano comeza con festa en A Armenteira. E non é unha festa calquera, senón unha das que conta con máis arraigo e tradición na parroquia. No lugar de San Amedio, a escasos metros do famoso mosteiro cisterciense, atópase unha pequena capela que só permanece aberta para os fregueses e freguesas dous días ao ano: o 17 e o 18 de xaneiro. Nesas datas celébrase a festividade de San Antonio Abad, un santo que, segundo narra a historia, viviu nas terras de Exipto aló polos séculos III e IV despois de Cristo. Canso da vida mundana, Antón abandonou todos os seus bens terrenais para retirarse a unha ermida, onde continou practicando a vida monacal e onde recibía frecuentes visitas de comunidades de monxes que buscaban nel consello e exemplo de piedade cristiá.  Ata 105 anos dise que chegou a vivir este personaxe, que xeralmente aparece representado na compaña dun porquiño, ao que ao parecer curou dun extrano mal. Por este motivo, dende tempos remotos as xentes encomendábanse ao San Antonio Abad para procurar protección para os seus animais fronte ás enfermidades e os depredadores. Nunha parroquia eminentemente agraria como A Armenteira, aínda que profundamente transformada polo paso do tempo e a imposición duns modos de vida e unhas actividades económicas máis propias dos tempos modernos, a presenza dos animais segue tendo un papel significativo. Agora xa non son as vacas, antaño base da economía de boa parte das familias, as que teñen o protagonismo, senón os cans, os gatos e outras mascotas que reciben o agarimo e os coidados duns veciños e veciñas que ademais seguen conservando galiñas, galos, ovellas, cabalos ou porcos como parte desa esencial rural que se resisten a perder. Na aldea de San Amedio, pero tamén en Castiñeira, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras ou Gondes, a parte situada ao noroeste da parroquia, zona na que este santo exerce de patrón, serán unhas xornadas especiais. O programa das festas non variou en exceso respecto a anos anteriores. Así, a misa soleme, que nesta ocasión se celebrará nunha única sesión ás 13:00 horas, irá de novo acompañada de procesión, música, foguetes e as tradicionais poxas que, como vén ocorrendo durante as últimas décadas, volverán estar dirixidas por Argimiro Torres. Xa nos fogares, e tamén segundo marca a tradición, o día 17 será o "día do cocido", mentres que o 18 será o "día dos callos", por ser estes os manxares habituais en cada unha destas datas festivas. Como non podería ser doutra maneira o panorama festivo do ano 2019 en A Armenteira inaugúrase da mellor maneira posible: cumprindo coas costumes, na compaña da familia e dos amigos e amigas e arredor dunha boa mesa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario