Buscar neste blog

luns, 21 de xaneiro de 2019

A Federación da a coñecer o calendario da segunda fase para o equipo infantil do Armenteira C.F.

A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer a última hora da tarde deste luns o calendario da segunda fase da Segunda autonómica infantil na que participará o equipo infantil do Armenteira C.F. O cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez quedará finalmente encadrado no grupo 62, que estará composto por outros catorce conxuntos que disputarán unha competición a unha soa volta. Trátase dun grupo formado por equipos das comarcas de Arousa, Ulla, Pontevedra e O Morrazo, no que o desprazamento máis longo que terá que realizar a escadra verdinegra será ata a localidade de Cangas do Morrazo, onde en menos dun mes se medirá á E.F.B. Cangas no campo de Montecarrasco, unhas instalacións deportivas que, ao igual que o campo de O Leixo, contan cun terreo de xogo cunha superficie de terra. A tenor dos resultados acadados na primeira fase o Caldas C.F., o C.E.D. Cotobade, a E.D. Arousa S.D. "B" e o C.D. Moaña "B" son a priori, xunto co propio Armenteira C.F., os máximos favoritos a ocupar os postos altos da táboa. E será precisamente ante o E.D. Arousa "B" cando a próxima fin de semana o cadro verdinegro comece esta fase no campo de A Pelada, en Faxilde, onde curiosamente fai un mes se viron as caras estes dous conxuntos. Naquela ocasión venceran os de O Leixo por tres goles a cinco, nun partido que se fora ao descanso cunha vantaxe de cero tantos a catro para os visitantes, pero no que o dominio do esférico e a gran segunda metade do equipo vilagarcián fixeran que tivese un final apretado, con moita emoción, ata que un penalti transformado por Íñigo nos últimos minutos, levou a tranquilidade á bancada dos de A Armenteira.


Ningún comentario:

Publicar un comentario