Buscar neste blog

martes, 15 de xaneiro de 2019

O mellor peche a un punto e aparte

Os fútbol, como a vida, ten bos e malos momentos, a súa parte doce, pero tamén unha parte amarga. Este verán o Armenteira C.F. viviu uns momentos extremadamente díficiles. Problemas internos, magnificados de forma intencionada, ataques externos que só buscaban  o beneficio para determinadas persoas e colectivos, e  actitudes absolutamente miserables nalgún dos casos a piques estiveron de desmantelar por completo a estrutura do clube. Pero como xente acostumada a sufrir e a loitar en situacións de máxima dificultade, a Xunta Directiva, sempre apoiada por un grupo de pais, nais, e de xogadores e xogadoras, que demostraron o seu verdadeiro compromiso coas cores verdes e negras, logrou sacar adiante un novo proxecto. O sacrificio, a entrega, a capacidade de negociación e xestión e a amor puro polo clube e por todo o que significa permitiu que a entidade de O Leixo se mantivese a frote e sobrevivise a aquel naufraxio promovido, provocado e inducido por espúreos intereses. Na temporada 2018/2019 o equipo sénior feminino e o equipo infantil fan posible que a bandeira do Armenteira C.F. siga ondeando no panorama do fútbol galego. Este domingo, 13 de xaneiro, rematou a primeira fase da liga na Segunda autonómica infantil. Tras un inicio compricado o conxunto que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez logrou encauzar o rumbo cunha traxectoria en permanente progresión, que se viu coroada con tres triunfos e dous empates, uns resultados moi meritorios tendo en conta as circunstancias. O triunfo por seis goles a tres no partido fronte ao Unión Dena C.F. disputado no campo Municipal de Meis, e que se baseou nun enorme esforzo colectivo e na brillante actuación de dous dos xogadores franquicia do clube, Manu Meixús e Íñigo, que se resistiron aos cantos de serea e as estratexias de captación de futbolistas verdadeiramente censurables que aplican outros clubes, serviu de excelente colofón a esta parte do campionato. Cunha xornada por disputar para o resto dos equipos do grupo, agás a C.D. Portas, o equipo infantil do Armenteira C.F. afrontará unha fin de semana de relax, de reflexión e recuperación de cara á segunda fase da liga. A retirada da competición do equipo do Viajes Interrías F.F. para esta categoría, na cal só chegou a participar en dúas xornadas, é a razón de que isto ocurra. Será, sen dúbida, o mellor peche para un punto e aparte antes de enfilar a recta final dun campionato no que estes rapaces e rapazas parten coas máis altas aspiracións. E todo co respaldo dunha Xunta Directiva, dunha afección e dunha xente que día a día se sente máis orgullosa de seguir vivindo, de seguir sentindo e de seguir soñando en verde e negro, e que se defenderá ata as últimas consecuencias fronte a quen trate de arrebatarlle esta posibilidade.



Ningún comentario:

Publicar un comentario