Buscar neste blog

sábado, 29 de xuño de 2019

Valoración exitosa da celebración do San Pedro´2019

A celebración do San Pedro de A Armenteira, que este ano tiña lugar por primeira vez de forma conxunta para todos os veciños e veciñas da parroquia e para todas as persoas que desexasen asistir, foi valorada de forma exitosa por parte da organización. A causa das previsións de mal tempo para a noite de San Xoán a Xunta Directiva da Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira viuse obrigada a trasladar esta festa para a noite do venres 28 ao sábado 29 de xuño. Entre churrasco, sardiñas, empanada, pan de millo, bebidas ou sandía transcurriu unha noite na que o ambiente estivo amenizado pola música de DJ Bruno Canario. O artista de Barrantes deleitou cos seus ritmos ao máis dun centenar de persoas que se congregaron no campo da festa e que prolongaron a verbena ata altas horas da madrugada. Queda por realizar o balance final, pero dende a organización salientan a bo desenvolvemento de todo o relacionado co evento, dende a colocación das mesas e cadeiras e outros elementos necesarios, as tarefas de asado, a distribución de comidas de bebidas ou o funcionamento da barra na parte final da festa. Agradecen tamén a colaboración do Concello de Meis, que contribuíu cos trámites e autorizacións precisos e aportou o material que lle foi solicitado. Botouse quizais en falta a presenza de peregrinos, que se fixeran habituais nos eventos que se veñen realizando no campo da festa ao longo do ano. Dado o éxito desta edición, a vista xa está posta no 2020, no que previsiblemente o día de San Xoán pasará a ser festivo, co cal, se as circunstancias acompañan, se agarda xuntar a un gran número de persoas para compartir en torno ao lume da fogueira unha das noites máis máxicas e misteriosas do ano.







mércores, 26 de xuño de 2019

O equipo de voluntariado de A Armenteira para a BTT Callos comeza a organizarse

Como vén ocorrendo durante os últimos anos na segunda fin de semana de xullo celébrase unha das festas máis populares e multitudinarias das que teñen lugar no Concello de Meis. O domingo, 14 de xullo, o entorno da Praza de España do núcleo urbano de O Mosteiro encherase de xente para disfrutar da Festa dos Callos. Con anterioridade ao gran banquete do mediodía centenares de esforzados deportistas percorrerán os diversos enclaves do Concello para participar na BTT Callos. Este ano cumprirase a sexta edición, e nin o traxecto, nin as características, nin a organización da proba variarán excesivamente. E, ao igual que en anos anteriores, A Armenteira terá un especial protagonismo nesta competición que conxuga deporte, aventura e diversión. Para facilitar un mellor desenvolvemento da proba, tanto a entidade organizadora, o Club Ciclista Armenteira e Punto, como o Armenteira C.F. ou a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, están reclutando un equipo de voluntariado para colaborar nas distintas tarefas que precisa o evento. Segundo sinalan estas entidades, os voluntarios e voluntarias que desexen aportar o seu gran de area ao éxito que de seguro volverá ser a BTT Callos só terán que porse en contacto con calquera dos seus representantes e desta maneira xa poderán ir distribuíndo tarefas. Estas centraranse principalmente en atender o punto de avituallamento que se situará nas proximidades do mosteiro cirterciense e en controlar o tráfico de ciclistas en determinadas encrucilladas. A recompensa virá non só en forma da satisfacción persoal por contribuír ao crecemento deste gran evento deportivo, senón tamén en forma de detalle por parte dunha organización que con tanto afán leva traballando dende fai anos na promoción dun deporte para o que tanto a parroquia de A Armenteira como o Concello de Meis ofrecen enormes posibilidades.

luns, 24 de xuño de 2019

Máis de cen quilos de churrasco e case trinta de sardiñas no San Pedro de A Armenteira

Que opinarías se che ofrecen un menú composto por empanada, churrasco, sardiñas, pan de millo, refrescos, viño, cerveza ou postre por tan só dez euros? Que opinarías ademais se ese prezo se reduce a cinco euros se posúes o carnet de socio ou socia? Cal sería a túa opinión se nese caso, os teus fillos ou fillas menores de dezaséis anos, non tivesen que pagar absolutamente nada? Pois isto é o que ofrece a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira para a noite de San Pedro. As malas previsións meteorolóxicas, ás que se uniu a desgraciada nova do falecemento dun membro dunha das familias máis comprometidas e implicadas coas actividades que organiza a asociación, a familia Rodiño, provocaron que se decidise un cambio de data. Durante os anos 2016, 2017 e 2018 os veciños e veciñas da parroquia e dos distintos lugares da contorna congregáronse no campo da festa para celebrar a noite de San Xoán, pero este ano a cita será na noite do venres 28 ao sábado 29 de xuño. Os ingredientes desta tradicional celebración serán os habituais. Non hai variacións substanciais respecto de edicións anteriores, e as sardiñas, o churrasco, o pan de millo, a empanada, os refrescos, o viño, as cervezas ou as sandías en forma de postre estarán presentes nun acto festivo mediante o cal as xentes de A Armenteira queren rendir o seu particular culto ao solsticio de verán. Segundo sinalan dende a sociedade veciñal son máis de cen quilos de churrasco e case trinta de sardiñas os que teñen reservados. Lembran asismesmo que, para facilitar as tarefas de organización, nas que levan semanas traballando, sería recomendable que as persoas interesadas en asistir contacten previamente coa Xunta Directiva para anotarse. A festa, a música e o excepcional ambiente arredor do lume da fogueira están agardando. E parece que nesta ocasión o tempo de verán non vai fallar.









venres, 21 de xuño de 2019

O mal tempo obriga a trasladar a festa de San Xoán á noite de San Pedro

As previsión meteorolóxicas adversas que se agardan para o domingo, 23 de xuño, obrigaron á Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira a trasladar a festa que estaba fixada para ese día á noite do 28 e 29 de xuño, a noite de San Pedro. Aínda que as últimas informacións sinalan que a choiva pode remitir nas horas finais da tarde, a Xunta Directiva da sociedade veciñal decidiu non arriscar e cambiar a celebración para unha data na que parece que as condicións meteorolóxicas serán máis favorables. O cambio non implica ninguna modificación no programa festivo, manténdose a sardiñada, a churrascada, os postres, as bebidas ou o tradicional sorteo de agasallos, así como a música ambiental, que nesta ocasión terá como gran protagonista ao DJ Bruno Canario. O artista de Barrantes estréase nun evento que vai xa pola súa cuarta edición, e que se iniciou para dar a benvida ao verán do 2016, cando a daquela nacente asociación, capitaneada nese momento por Martín Casais, Cristina Gallo e Jorge Dávila, puxo en marcha un acto que trata de reunir á veciñanza en torno ao lume da fogueira nunha noite tan máxica como esta. Co paso dos anos a celebración do solsticio de verán en A Armenteira foi consolidándose e converténdose nunha cita ineludible no calendario festivo da parroquia. Son moitas as lembranzas que se gardan na memoria das persoas que asistiron ás últimas edicións da festa, nunhas noites cargadas de anécdotas que de seguro se volverán repetir de novo na noite do venres 28 ao sábado 29 de xuño.

mércores, 19 de xuño de 2019

Armenteira prepara o seu equipo para o torneo interparroquial

Un novo torneo ponse en marcha este ano no Concello de Meis. Trátase dun evento que se viña celebrando en municipios veciños e que agora, grazas á iniciativa do C.D. Mosteiro, desenvolverase tamén en territorio meisino. O sábado 6 de xuño, como anticipo da festa de San Benito e da popular e multitudinaria Festa dos Callos, celebracións fixadas para a semana e a fin de semana seguintes, terá lugar no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, o I Torneo Interparroquial do Concello de Meis. Na modalidade de fútbol-7 e en horario de mañá e tarde, competirán equipos de San Salvador de Meis, San Tomé de Nogueira, San Vicente de Nogueira, San Lourenzo de Nogueira, Paradela, San Martiño e A Armenteira, ademais dun conxunto dunha parroquia colindante, aínda pertencente ao municipio de Barro, como é o caso de Curro. No que respecta á nosa parroquia, será o clube local, o Armenteira C.F., quen se encargue de movilizar e organizar un combinado de xogadores ou xogadoras nacidos ou residentes en A Armenteira para participar na competición. O único requisito é ter cumpridos os 18 anos e abonar os custos da equipación e do seguro deportivo ante posibles lesións, unha cantidade simbólica que rondará os oito ou nove euros. Dende a entidade verdinegra animan a todas aquelas persoas afeccionadas ao deporte do balompé, e que queiran disfrutar da práctica deportiva ao tempo que comparten unha xornada de convivencia con veciños e veciñas doutros lugares de Meis, a que se poñan en contacto coa Xunta Directiva para deixar xa configurado o plantel de futbolistas ao longo deste sábado ou deste domingo.



xoves, 13 de xuño de 2019

Unha homenaxe na que non faltará o churrasco

Como adoita ser costume na nosa terra cando se celebra algo nada mellor que facelo arredor dunha boa mesa. Este venres, 14 de xuño, o Armenteira C.F. rendirá unha merecida homenaxe ao seu equipo infantil, que vén de proclamarse campión do grupo 62 da Segunda autonómica infantil. Ao acto, que terá lugar no campo de O Leixo, a partires das 20:30 horas, están convidados, ademais do plantel de xogadores e xogadoras, os seus familiares, os afeccionados e afeccionadas da entidade verdinegra, así como todas aquelas persoas que dalgunha maneira ou outra contribuíron a este éxito do Armenteira C.F. Tamén se agarda a presenza de autoridades locais, representando tanto á Corporación Municipal saínte como á que tomará posesión na sesión plenaria deste sábado. Por confirmar queda a asistencia dunha representación da Real Federación Galega de Fútbol, que de acudir a O Leixo encargaríanse de entregar a Copa do campionato aos rapaces e rapaces do equipo que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. Tratarase dun acto co selo indiscutible dos que organiza o Armenteira C.F., coidando ata o máis mínimo detalle, e acompañado dun pincho no que terán un papel protagonista as tortillas, as empanadas, a pizza ou o churrasco. Todo elo entre o ambiente de amizade e compañeirismo que sempre caracterizou a un clube verde e negro que, ao tempo que pecha a temporada 2018/2019, un curso tremendamente difícil e esixente, no que tivo que enfrontarse a numerosos obstáculos, prepárase xa para iniciar unha nova e ilusionante singladura a partires do próximo verán.

mércores, 5 de xuño de 2019

O 10 de xuño, data límite para asociarse e disfrutar do San Xoán de A Armenteira

Cando quedan apenas dúas semanas para a celebración da tradicional fogueira de San Xoán a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira vén de acordar, na reunión da súa xunta rectora desta semana, que se fixa o 10 de xuño como data límite para renovar ou dar de alta os carnets da sociedade veciñal para o exercicio de 2019. Lembran dende a entidade que, tal como se aprobou na asemblea xeral ordinaria que tivo lugar o pasado mes de marzo, consérvase o sistema de cotas do ano anterior, establecéndose estas polo tanto en 10 euros por unidade familiar e en 5 euros a título individual, sexan as persoas veciñas ou non da parroquia. A condición de socios e socias permite disfrutar dunha serie de actividades que organizan ao longo do ano, que os dirixentes da sociedade xestionan e promoven, sendo posible levar a cabo unha parte delas ao contar co número de asistentes esixible, mentres que noutros casos, a falta de interese por parte da masa social e da veciñanza fai inviable o desenvolvento das actividades. A horta ecolóxica comunitaria, pilates, zumba e judo en colaboración coa ANPA do CEIP de Armenteira, ou diversas charlas sobre aspectos de enorme utilidade, como é o caso das estratexias de trampeo fronte a praga da vespa velutina, forman parte da oferta que a asociación veciñal pon a disposición das persoas interesadas e que saíron adiante con éxito, aínda que non sempre contaron co número de asistentes que se agardaba. No referente á festa do San Xoán, sen lugar a dúbidas o evento estrela dos que organiza a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, recalcan que a condición de asociarse supón unha vantaxe indiscutible. Indican que unha persoa que teña adquirido o carnet de socio ou socia en ningún caso terá que abonar máis diñeiro por asistir ao San Xoán que aquelas persoas que non estean asociadas. Poñen por exemplo unha persoa que adquira o carnet a título individual, polo que abonaría 5 euros, e que nesta situación podería acudir á festa pagando unicamente 5 euros, co cal o cargo que soportaría sería de 10 euros, a mesma cantidade que abonaría por asistir á festa sen gozar da condición de asociado. Máis vantaxes tería unha parella con fillos ou fillas, xa que adquirindo o carnet por unidade familiar pagaría 10 euros, a cantidade que abonaría cada unha destas persoas por asistir ao San Xoán se non posuísen a condición de asociados, ao que habería que sumar os 5 euros que custaría o prato de cada menor de 16 anos, co cal o aforro sería notorio. Como sinalan dende a asociación os prezos acordados pretenden ser accesibles a todos os petos e buscan unicamente unha pequena marxe de rendabilidade para engadir ao modesto fondo co que entidade sufraga todos os proxectos que desenvolve ao longo do ano. Pero máis aló do aspecto económico o que valoran dende a asociación veciñal é o beneficio social e cultural que conleva a realización de actos como o San Xoán, o magosto ou o parque infantil con inchables durante as festas de verán da parroquia, que non só manteñen vivas as tradicións, senón que ademais contribúen a que a xente se xunte, colabore e coopere, obxectivos que fan que a labor absolutamente desinteresada e altruísta que desempeñan os membros da Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira pague realmente a pena.