Buscar neste blog

mércores, 5 de xuño de 2019

O 10 de xuño, data límite para asociarse e disfrutar do San Xoán de A Armenteira

Cando quedan apenas dúas semanas para a celebración da tradicional fogueira de San Xoán a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira vén de acordar, na reunión da súa xunta rectora desta semana, que se fixa o 10 de xuño como data límite para renovar ou dar de alta os carnets da sociedade veciñal para o exercicio de 2019. Lembran dende a entidade que, tal como se aprobou na asemblea xeral ordinaria que tivo lugar o pasado mes de marzo, consérvase o sistema de cotas do ano anterior, establecéndose estas polo tanto en 10 euros por unidade familiar e en 5 euros a título individual, sexan as persoas veciñas ou non da parroquia. A condición de socios e socias permite disfrutar dunha serie de actividades que organizan ao longo do ano, que os dirixentes da sociedade xestionan e promoven, sendo posible levar a cabo unha parte delas ao contar co número de asistentes esixible, mentres que noutros casos, a falta de interese por parte da masa social e da veciñanza fai inviable o desenvolvento das actividades. A horta ecolóxica comunitaria, pilates, zumba e judo en colaboración coa ANPA do CEIP de Armenteira, ou diversas charlas sobre aspectos de enorme utilidade, como é o caso das estratexias de trampeo fronte a praga da vespa velutina, forman parte da oferta que a asociación veciñal pon a disposición das persoas interesadas e que saíron adiante con éxito, aínda que non sempre contaron co número de asistentes que se agardaba. No referente á festa do San Xoán, sen lugar a dúbidas o evento estrela dos que organiza a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, recalcan que a condición de asociarse supón unha vantaxe indiscutible. Indican que unha persoa que teña adquirido o carnet de socio ou socia en ningún caso terá que abonar máis diñeiro por asistir ao San Xoán que aquelas persoas que non estean asociadas. Poñen por exemplo unha persoa que adquira o carnet a título individual, polo que abonaría 5 euros, e que nesta situación podería acudir á festa pagando unicamente 5 euros, co cal o cargo que soportaría sería de 10 euros, a mesma cantidade que abonaría por asistir á festa sen gozar da condición de asociado. Máis vantaxes tería unha parella con fillos ou fillas, xa que adquirindo o carnet por unidade familiar pagaría 10 euros, a cantidade que abonaría cada unha destas persoas por asistir ao San Xoán se non posuísen a condición de asociados, ao que habería que sumar os 5 euros que custaría o prato de cada menor de 16 anos, co cal o aforro sería notorio. Como sinalan dende a asociación os prezos acordados pretenden ser accesibles a todos os petos e buscan unicamente unha pequena marxe de rendabilidade para engadir ao modesto fondo co que entidade sufraga todos os proxectos que desenvolve ao longo do ano. Pero máis aló do aspecto económico o que valoran dende a asociación veciñal é o beneficio social e cultural que conleva a realización de actos como o San Xoán, o magosto ou o parque infantil con inchables durante as festas de verán da parroquia, que non só manteñen vivas as tradicións, senón que ademais contribúen a que a xente se xunte, colabore e coopere, obxectivos que fan que a labor absolutamente desinteresada e altruísta que desempeñan os membros da Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira pague realmente a pena.



Ningún comentario:

Publicar un comentario