Buscar neste blog

luns, 24 de xuño de 2019

Máis de cen quilos de churrasco e case trinta de sardiñas no San Pedro de A Armenteira

Que opinarías se che ofrecen un menú composto por empanada, churrasco, sardiñas, pan de millo, refrescos, viño, cerveza ou postre por tan só dez euros? Que opinarías ademais se ese prezo se reduce a cinco euros se posúes o carnet de socio ou socia? Cal sería a túa opinión se nese caso, os teus fillos ou fillas menores de dezaséis anos, non tivesen que pagar absolutamente nada? Pois isto é o que ofrece a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira para a noite de San Pedro. As malas previsións meteorolóxicas, ás que se uniu a desgraciada nova do falecemento dun membro dunha das familias máis comprometidas e implicadas coas actividades que organiza a asociación, a familia Rodiño, provocaron que se decidise un cambio de data. Durante os anos 2016, 2017 e 2018 os veciños e veciñas da parroquia e dos distintos lugares da contorna congregáronse no campo da festa para celebrar a noite de San Xoán, pero este ano a cita será na noite do venres 28 ao sábado 29 de xuño. Os ingredientes desta tradicional celebración serán os habituais. Non hai variacións substanciais respecto de edicións anteriores, e as sardiñas, o churrasco, o pan de millo, a empanada, os refrescos, o viño, as cervezas ou as sandías en forma de postre estarán presentes nun acto festivo mediante o cal as xentes de A Armenteira queren rendir o seu particular culto ao solsticio de verán. Segundo sinalan dende a sociedade veciñal son máis de cen quilos de churrasco e case trinta de sardiñas os que teñen reservados. Lembran asismesmo que, para facilitar as tarefas de organización, nas que levan semanas traballando, sería recomendable que as persoas interesadas en asistir contacten previamente coa Xunta Directiva para anotarse. A festa, a música e o excepcional ambiente arredor do lume da fogueira están agardando. E parece que nesta ocasión o tempo de verán non vai fallar.









Ningún comentario:

Publicar un comentario