Como vén ocorrendo durante os últimos anos na segunda fin de semana de xullo celébrase unha das festas máis populares e multitudinarias das que teñen lugar no Concello de Meis. O domingo, 14 de xullo, o entorno da Praza de España do núcleo urbano de O Mosteiro encherase de xente para disfrutar da Festa dos Callos. Con anterioridade ao gran banquete do mediodía centenares de esforzados deportistas percorrerán os diversos enclaves do Concello para participar na BTT Callos. Este ano cumprirase a sexta edición, e nin o traxecto, nin as características, nin a organización da proba variarán excesivamente. E, ao igual que en anos anteriores, A Armenteira terá un especial protagonismo nesta competición que conxuga deporte, aventura e diversión. Para facilitar un mellor desenvolvemento da proba, tanto a entidade organizadora, o Club Ciclista Armenteira e Punto, como o Armenteira C.F. ou a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, están reclutando un equipo de voluntariado para colaborar nas distintas tarefas que precisa o evento. Segundo sinalan estas entidades, os voluntarios e voluntarias que desexen aportar o seu gran de area ao éxito que de seguro volverá ser a BTT Callos só terán que porse en contacto con calquera dos seus representantes e desta maneira xa poderán ir distribuíndo tarefas. Estas centraranse principalmente en atender o punto de avituallamento que se situará nas proximidades do mosteiro cirterciense e en controlar o tráfico de ciclistas en determinadas encrucilladas. A recompensa virá non só en forma da satisfacción persoal por contribuír ao crecemento deste gran evento deportivo, senón tamén en forma de detalle por parte dunha organización que con tanto afán leva traballando dende fai anos na promoción dun deporte para o que tanto a parroquia de A Armenteira como o Concello de Meis ofrecen enormes posibilidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario