Buscar neste blog

mércores, 19 de xuño de 2019

Armenteira prepara o seu equipo para o torneo interparroquial

Un novo torneo ponse en marcha este ano no Concello de Meis. Trátase dun evento que se viña celebrando en municipios veciños e que agora, grazas á iniciativa do C.D. Mosteiro, desenvolverase tamén en territorio meisino. O sábado 6 de xuño, como anticipo da festa de San Benito e da popular e multitudinaria Festa dos Callos, celebracións fixadas para a semana e a fin de semana seguintes, terá lugar no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, o I Torneo Interparroquial do Concello de Meis. Na modalidade de fútbol-7 e en horario de mañá e tarde, competirán equipos de San Salvador de Meis, San Tomé de Nogueira, San Vicente de Nogueira, San Lourenzo de Nogueira, Paradela, San Martiño e A Armenteira, ademais dun conxunto dunha parroquia colindante, aínda pertencente ao municipio de Barro, como é o caso de Curro. No que respecta á nosa parroquia, será o clube local, o Armenteira C.F., quen se encargue de movilizar e organizar un combinado de xogadores ou xogadoras nacidos ou residentes en A Armenteira para participar na competición. O único requisito é ter cumpridos os 18 anos e abonar os custos da equipación e do seguro deportivo ante posibles lesións, unha cantidade simbólica que rondará os oito ou nove euros. Dende a entidade verdinegra animan a todas aquelas persoas afeccionadas ao deporte do balompé, e que queiran disfrutar da práctica deportiva ao tempo que comparten unha xornada de convivencia con veciños e veciñas doutros lugares de Meis, a que se poñan en contacto coa Xunta Directiva para deixar xa configurado o plantel de futbolistas ao longo deste sábado ou deste domingo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario