Buscar neste blog

sábado, 29 de xuño de 2019

Valoración exitosa da celebración do San Pedro´2019

A celebración do San Pedro de A Armenteira, que este ano tiña lugar por primeira vez de forma conxunta para todos os veciños e veciñas da parroquia e para todas as persoas que desexasen asistir, foi valorada de forma exitosa por parte da organización. A causa das previsións de mal tempo para a noite de San Xoán a Xunta Directiva da Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira viuse obrigada a trasladar esta festa para a noite do venres 28 ao sábado 29 de xuño. Entre churrasco, sardiñas, empanada, pan de millo, bebidas ou sandía transcurriu unha noite na que o ambiente estivo amenizado pola música de DJ Bruno Canario. O artista de Barrantes deleitou cos seus ritmos ao máis dun centenar de persoas que se congregaron no campo da festa e que prolongaron a verbena ata altas horas da madrugada. Queda por realizar o balance final, pero dende a organización salientan a bo desenvolvemento de todo o relacionado co evento, dende a colocación das mesas e cadeiras e outros elementos necesarios, as tarefas de asado, a distribución de comidas de bebidas ou o funcionamento da barra na parte final da festa. Agradecen tamén a colaboración do Concello de Meis, que contribuíu cos trámites e autorizacións precisos e aportou o material que lle foi solicitado. Botouse quizais en falta a presenza de peregrinos, que se fixeran habituais nos eventos que se veñen realizando no campo da festa ao longo do ano. Dado o éxito desta edición, a vista xa está posta no 2020, no que previsiblemente o día de San Xoán pasará a ser festivo, co cal, se as circunstancias acompañan, se agarda xuntar a un gran número de persoas para compartir en torno ao lume da fogueira unha das noites máis máxicas e misteriosas do ano.







Ningún comentario:

Publicar un comentario