Buscar neste blog

xoves, 13 de xuño de 2019

Unha homenaxe na que non faltará o churrasco

Como adoita ser costume na nosa terra cando se celebra algo nada mellor que facelo arredor dunha boa mesa. Este venres, 14 de xuño, o Armenteira C.F. rendirá unha merecida homenaxe ao seu equipo infantil, que vén de proclamarse campión do grupo 62 da Segunda autonómica infantil. Ao acto, que terá lugar no campo de O Leixo, a partires das 20:30 horas, están convidados, ademais do plantel de xogadores e xogadoras, os seus familiares, os afeccionados e afeccionadas da entidade verdinegra, así como todas aquelas persoas que dalgunha maneira ou outra contribuíron a este éxito do Armenteira C.F. Tamén se agarda a presenza de autoridades locais, representando tanto á Corporación Municipal saínte como á que tomará posesión na sesión plenaria deste sábado. Por confirmar queda a asistencia dunha representación da Real Federación Galega de Fútbol, que de acudir a O Leixo encargaríanse de entregar a Copa do campionato aos rapaces e rapaces do equipo que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. Tratarase dun acto co selo indiscutible dos que organiza o Armenteira C.F., coidando ata o máis mínimo detalle, e acompañado dun pincho no que terán un papel protagonista as tortillas, as empanadas, a pizza ou o churrasco. Todo elo entre o ambiente de amizade e compañeirismo que sempre caracterizou a un clube verde e negro que, ao tempo que pecha a temporada 2018/2019, un curso tremendamente difícil e esixente, no que tivo que enfrontarse a numerosos obstáculos, prepárase xa para iniciar unha nova e ilusionante singladura a partires do próximo verán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario