Buscar neste blog

venres, 7 de febreiro de 2020

A Liga Nacional de Billarda chega a A Armenteira o sábado, 15 de febreiro

A parroquia de A Armenteira volverá ser escenario doutro importante evento deportivo. O sábado, 15 de febreiro, o campo de O Leixo acollerá a duodécima xornada da Liga Nacional de Billarda, na que está previsto que compitan arredor de cen participantes. Esta competición ten a súa orixe na Mariña luguesa, onde un grupo de persoas comezaron a traballar para recuperar un dos xogos populares máis tradicionais en Galicia, e que se fora deixando de practicar durante as últimas décadas. Deste xeito, a partires do ano 2003 comezaron a organizarse torneos que acabaron dando lugar á creación da Liga Nacional de Billarda, co que pouco a pouco están conseguindo normalizar a práctica dunha actividade física, lúdica, cultural e deportiva de gran arraigo na nosa terra e que só se conservaba na memoria da xente de maior idade. Dividida en tres conferencias, a Conferencia Norleste, a Conferencia Noroeste e Conferencia Rías Baixas, a competición é unha liga aberta, na que calquera pode participar ou incorporarse ao longo da temporada, e disputa unha serie de xornadas durante o ano ata que, ao final da temporada celébrase a Final Liga Nacional de Billarda, á que unicamente terán acceso aquelas persoas que lograron clasificarse polas súas respectivas conferencias. Como soe ser habitual, a organización, para facilitar a participación, encargarase de prestar o material necesario a quen non dispoña do mesmo, co cal persoas interesadas, provistas de chándal ou roupa cómoda, soamente terán que inscribirse no propio campo de O Leixo para disfrutar dunha xornada que se iniciará ás 16:00 horas e que se prolongará ata a noitiña. Coa promoción e colaboración do Armenteira C.F. e da Concellería de Deportes do Concello de Meis, que dirixe María Sancho, este evento convertirá a A Armenteira nunha das capitais dos xogos populares e atraerá a un numeroso grupo de practicantes e curiosos a un entorno tan privilexiado como é o das instalacións deportivas de O Leixo e os seus arredores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario