A Concellería de Benestar do Concello de Meis tivo que resolver este mércores, 12 de febreiro, un novo caso de abandono de cans na parroquia de A Armenteira. Na noite anterior, o departamento que dirixe María Sancho recibiu a alerta do achádego dun grupo de cánidos no lugar de O Busto. En concreto foron seis animais, dúas femias adultas e catro cachorros, os que foron abandonados nas instalacións deportivas de O Leixo. Esta conmovedora estampa foi a que se atoparon o adestrador e as compoñentes do equipo feminino do Armenteira C.F. cando chegaron ao campo para adestrar. A carón dun dos colectores de lixo que hai nas instalacións foran depositadas as mascostas, coa única compaña dunha morea de penso. Nada máis advertir a presenza dos animais informaron á Xunta Directiva, que contactou co Concello de Meis para que determinase a maneira de actuar. Así, seguindo as pautas establecidas para este tipo de casos, persoal municipal desprazouse ata o campo de O Leixo a primeira hora da mañá deste mércores para recoller os cans e entregalos no Centro de Acollida e Adopción de Animais (CAAN) que a Deputación Provincial de Pontevedra posúe en A Armenteira. Lamentablemente, o abandono de animais, principalmente cans, na parroquia de A Armenteira, e particularmente no entorno do campo de fútbol de O Leixo, vén sendo un feito frecuente nos últimos anos. Na maioría das ocasións os animais que se abandonan son femias con crías, as cales, a causa do frío e da falta de alimento, non sempre logran manterse con vida ata o momento en que son recollidos polos responsables do Concello. Dende a Concellería de Benestar Animal lembran que este tipo de actuacións teñen a consideración de delito, polo cal, no momento no que se teña coñecemento das mesmas débese comunicar ás autoridades competentes e presentar a pertinente denuncia. En España, segundo o Código Penal, o abandono de animais en condicións nas que poida perigar a súa vida ou a súa integridade física pode ser castigado cunha pena de multa de un a seis meses, que na práctica se traduce en sancións económicas que poden ir dende os 450 ata os 4.320 euros, e cunha inhabilitación especial de tres meses a un ano para o exercicio de calquera tipo de profesión, oficio ou comercio que poida ter relación cos animais, ou incluso coa privación da tenencia destes seres vivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario