Buscar neste blog

sábado, 15 de febreiro de 2020

Animada participación no torneo de billarda que finalmente non puido disputarse en O Leixo

As malas condicións meteorolóxicas impediron que a duodécima xornada da Liga Nacional de Billarda se puidese disputar finalmente en O Leixo. Fallaron as previsións, que anunciaban un día anubrado e con posibilidade de néboas, pero libre de chuvia, e cando todos os detalles estaban preparados para que a competición se celebrase no campo de O Leixo, á altura do mediodía, a organización e a Concellería de Deportes do Concello de Meis decidiron que, dadas as circunstancias, a mellor opción para o torneo era que tivese lugar no Pavillón de Deportes de O Mosteiro. O motivo non era outro que a chuvia fina que comezou a caír sobre a zona, e que ameazaba con extenderse ao longo da tarde. Axiña se mobilizaron os representantes da Xunta Directiva do Armenteira C.F., entidade que colaborou activamente na organización do evento, e desprazáronse ata o campo de O Leixo para transportar algúns enseres da cantina cara as instalacións deportivas de O Mosteiro, onde colocaron un improvisado posto de bebidas. Agás algún participante despistado, que non recibiu a tempo a noticia do cambio de escenario do torneo, o resto da participación presentouse sen problemas no Pavillón Municipal e puido disfrutar dunha xornada na que este xogo popular foi o gran protagonista. Xentes de todas as idades. provistos das ferramentas axeitadas, o pau grande, ou palán, e a peza de pau de pequeno tamaño, a billarda ou estornela, practicaron, competiron e ofreceron un espectáculo deportivo que se iniciou ás 14:00 horas e que se prolongou ata as 20.00 horas. A única nota negativa foi a lesión da concelleira de Deportes, María Sancho, precisamente cando trataba de introducirse na práctica deste deporte. A mala fortuna fixo que o golpeo da billarda acabase impactando nun pé, provocando unha forte contusión, motivo polo cal tivo que ser trasladada de urxencias a un centro hospitalario, onde foi atendida de urxencias. Polo demais, a xornada discorriu sen incidencias, e a competición reanudarase en aproximadamente dúas semanas, coa vista posta na Final Liga Nacional de Billarda, que porá colofón a unha temporada na que, se o tempo acompaña, A Armenteira conta con moitas opcións de acoller algún dos torneos que restan por disputarse.




Ningún comentario:

Publicar un comentario