FICHA TÉCNICA
SANTOMÉ S.D. - ARMENTEIRA VETERANOS - 3 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Óscar Barreiro, Carlos Castro, Charles, Richi; Manolo, Javi, José Pérez, Marcial; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Javi Limeres, Jorge Dávila e Yumas.
GOLES: 0-1. Minuto 1. Manolo. 0-2. Minuto 3. José Pérez. 1-2. Minuto 31. Luis Manuel Renda. 2-2- Minuto 56. Luis Manuel Renda. 3-2. Minuto 70. Luis Manuel Renda. 3-3. Minuto 86. Marcial.
ÁRBITRO: Arís Arribas. Mostrou cartóns amarelos a Miguel Pereira por parte do Santomé S.D. e a Jorge Dávila por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de Chan de Piñeiro, de San Tomé de Piñeiro no Concello de Marín, ante uns dez espectadores, nunha tarde fresca e chuviosa, e sobre un terreo de xogo que nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol pese a chuvia que caíu ao longo do día.
.
.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos deixou escapar de novo a posibilidade de lograr unha vitoria. Desta volta foi nun partido con sensacións contrapostas, xa que, tras un inicio fulgurante, o cadro de O Leixo cría ter sentenciado o encontro nos primeiros minutos, mentres que ao final, despois de permitir a remontada da S.D. Santomé, acabou dando por bo o punto conseguido tras o gol de Marcial nos últimos minutos. Todo se puxo de cara para os verdinegros. Nada máis sacar de centro unha xogada pola banda esquerda remataba co balón no segundo pau, onde Manolo, rodeado de defensores rivais, conectaba un certeiro disparo que batía ao meta local Benito González. E apenas dous minutos despois, un lanzamento bombeado dende fóra da área de José Pérez sorprendía cun efecto de folla seca ao gardamallas marinense e colábase polo centro da portería pegado ao longueiro. Parecía que o encontro ía discurrir de forma cómoda para o Armenteira Veteranos. O control do xogo, a posesión e as continuas aproximacións á área adversaria facían pensar que o terceiro tanto non tardaría en chegar, e con el o ansiado triunfo para un conxunto que leva máis de dous meses sen levarse os tres puntos. Nesta ocasión tampouco sería. Co paso dos minutos a relaxación dos visitantes e a tímida reacción do S.D. Santomé comezaban a indicar que o encontro ía ter emoción. Pouco a pouco o Armenteira Veteranos cedía a posesión e mostraba dúbidas e certa debilidade defensiva ante as escasas chegadas do rival. Nunha xogada individual, na que logrou burlar a varios adversarios, Luis Manuel Renda, empalmaba un disparo dende o vértice dereito da área, e o coiro, tras bater contra o corpo de Sirra, acababa no fondo da rede. O toque de atención fixo espertar ao cadro visitante, que tomou novamente o control da situación nos última fase do primeiro período, e preto estivo de acadar o terceiro tanto, especialmente tras unha serie de remates que lograron repeler entre o porteiro e os defensas marinenses, e nos que deu a impresión de que o balón rebasaba a liña de gol. De nada valeron as reclamacións de Javi Limeres, autor do últimos lanzamentos. Acusaba o Armenteira Veteranos os problemas físicos que leva arrastrando dende fai unhas xornadas o seu goleador Jorge Castro, que non era quen de sacar proveito da súa velocidade nin podía entrar plenamente na disputas cos rivais. Nada máis iniciarse o segundo período Yumas tivo na súa cabeza a sentencia, pero o testarazo do futbolista de Couso foise lixeiramente desviado do pau dereito defendido por Benito González. Foi a primeira das varias ocasións das que disfrutaron os visitantes nesta segunda metade. Un mal entendemento entre Sirra e Charles, na que o defensor cabeceou o balón cara a portería, pillando a media saída ao meta de Couso, deixou o balón nos pés de Luis Manuel Renda, que non desperdiciaba a oportunidade para colocar a igualada. Este infortunio non foi motivo para que o Armenteira Veteranos se rendise, a pesar da súa falta de acerto nos metros finais. Quen tampouco se rendía era Luis Manuel Renda que, tras recibir un balón en profundidade pola zona esquerda do ataque, desfacíase dos defensores, e mediante un lanzamento axustado ao pau longo da meta de Sirra, situaba o tres a dous no marcador. Deprimidos, desesperados, os visitantes parecían ver unha vez máis como se lle escapaba un partido que tiveran nunha situación favorable. Pola contra o Santomé S.D., motivados e co ánimo ao máximo despois da remontada, víase en condicións de acatar o cuarto tanto e de deixar sen opcións ao adversario. Superou esta breve crise o Armenteira Veteranos e un centro dende a banda esquerda, que non foi quen de atallar o meta local, chegou a Marcial, e o extremo de O Marco enganchou unha volea a media altura que foi directa ás mallas marinenses. Non houbo tempo para moito máis, e o reparto de puntos deixaba medianamente safisteitos a ambolos dous conxuntos. O Santomé S.D. continúa na décimo sétima posición, con dez puntos, mentres que o Armenteira Veteranos sitúase un posición por debaixo, cun punto menos que os de San Tomé de Piñeiro. Na próxima xornada a escadra verde e negra recibirá no campo de O Leixo ao Noalla Veteranos, pechacancelas do grupo, con menos dous puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario