Buscar neste blog

sábado, 8 de febreiro de 2020

O Armenteira Veteranos golea en O Leixo a un debilitado Noalla Veteranos

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - NOALLA VETERANOS - 8 - 0
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Richi;  Manolo, Charles, Javi González, Marcial; Martín e Yumas. Tamén xogaron Rubén, Moncho, Javi Limeres e Rafa.
GOLES: 1-0. Minuto 11. Marcial. 2-0. Minuto 16. Richi. 3-0. Minuto 36. Javi Limeres. 4-0. Minuto 56. Javi González. 5-0. Minuto 58. Manolo. 6-0. Minuto 60. Javi González. 7-0. Minuto 83. Rubén. 8-0. Minuto 88. Rubén.
ÁRBITRO: Otero Otero. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, de A Armenteira, ante uns dez espectadores, nunha tarde soleada e temperada e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
 CRÓNICA
O Armenteira Veteranos por fin volveu atoparse coa vitoria. E foi unha vitoria con maiúsculas. Oito goles a cero endosou o cadro que capitanea José Luis Galiñanes ao Noalla Veteranos. A escasa oposición dun debilitado rival e a paciencia e a seriedade coa que afrontou un partido no que partía como claro favorito, explican o sucedido na tarde deste sábado no campo de O Leixo. Con baixas tan notorias como Sirra, José Pérez ou Jorge Castro, o Armenteira Veteranos evitou todo tipo de confianzas, pese a que a clasificación e o feito de que os de Noalla se presentasen en inferioridade numérica, parecían indicar que ía ser un partido cómodo. Antes de comezar gardouse un emotivo minuto de silenzo polo pasamento do pai do futbolista do Armenteira Veteranos José Pérez, e pai tamén de Cristina, presidenta do Armenteira C.F. nos catro primeiros anos de andaina do clube na categoría sénior. Nada máis poñerse a rodar o balón o partido tomaría un rumbo que non variaría ata o final. Dominaban os locais, que trataban de tocar e trenzar xogadas elaboradas, algo ao que que non están demasiado acostumados. O coiro circulaba dun lado a outro, de banda a banda, con Javi González na zona central como perfecto director de orquestra. Aparentaban non ter présa os verdinegros á hora de buscar un primeiro tanto que ninguén dubidaba que non tardaría en chegar. Pero había que abrir a lata. E foi tras unha falta na que Javi González foi derrubado no borde da área, e que Marcial, un dos especialistas do equipo a balón parado, enviaba ao fondo da rede defendida por José Carlos Gonzalo. Con vantaxe no marcador xa todo parecía máis fácil para os de A Armenteira. Richi tras unha xogada individual polo carril esquerdo, na que superou a varios adversarios, empalmaba un disparo dende a frontal da área ante o que nada puido facer o meta visitante. Ía soltándose o Armenteira Veteranos, que apenas sufría en defensa, pero que non quería ningún tipo de confianzas mentres o encontro non estivera totalmente sentenciado. Unha gran xogada de Javi González remataba co balón no segundo pau, e Javi Limeres só tiña que empurrar o esférico cara o fondo da portería. Despois duns minutos de relativa relaxación, o cadro verdinegro volvía ampliar a diferenza no segundo período. Primeiro Javi González, e apenas dous minutos despois Manolo, en xogadas de factura similar, acadaban dous novos tantos. Sen tempo a que o Noalla Veteranos puidese ter sequera unha tímida reacción, outra vez Javi González, era o encargado de colocar o seis a cero. O mediocentro de Couso, xogou a pracer este sábado e volveu deixar mostras da súa enorme clase, con detalles que encandilaron ao escaso público que se congregou nas bancadas de O Leixo. Dos seus pés saíron case todas as accións de perigo dos locais, aínda que na recta final do encontro quen cobraría protagonismo sería Rubén. O atacante de Vilar, moi activo no encontro, encargaríase de anotar os últimos goles da tarde. Culminando en velocidade unha xogada colectiva e mediante un zapatazo a un lanzamento de falta, Rubén parecía querer lembrar a aquel mozo que, na súa etapa como futbolista do Armenteira C.F. na categoría sénior, era un verdadeiro puñal pola banda e un pesadelo para os rivais nos golpeos a balón parado. Decidiu non prolongar en exceso Otero Otero, ante as súplicas dun Noalla Veteranos que disputou con dez homes boa parte do choque. Con este triunfo o Armenteira Veteranos sitúase na décimo sétima posición, con doce puntos. O enfrontamento da próxima xornada será especial para o conxunto verdinegro, xa que tras varias temporadas sen poder facelo volverá medirse ao Dorrón C.F. Veteranos. O campo de O Revel, escenario habitual dos partidos como local do equipo da parroquia veciña mentres non rematen as obras que dotarán de céspede artificial ao campo de O Cruceiro, albergará un apaixoante "derbi de O Castrove", ao que nesta ocasión os verdinegros acuden con tres puntos máis na clasificación que o rival do sábado, 15 de febreiro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario