Buscar neste blog

sábado, 29 de febreiro de 2020

O Armenteira Veteranos agasalla con tres puntos ao Salud S.D. Veteranos en O Leixo

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - SALUD S.D. VETERANOS - 1 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Charles, Óscar Barreiro, Moncho;  Manolo, Jorge Castro, José Pérez, Víctor; Rubén e Galiñanes. Tamén xogaron Rafa e Yumas.
GOLES: 0-1. Minuto 29. Javier Lago. 1-1. Minuto 87. Jorge Castro, de penalti. 1-2. Minuto 90. David Fragua. 1-3. Minuto 92. Javi Lago. 
ÁRBITRO: Esperón Moldes. Mostrou cartóns amarelos a Jeremy Yves Blessin e a Fernando Caeiro por parte do Salud S.D. Veteranos, e cartóns vermellos directos a Miguel Vidal e a Antonio Caeiro, por parte tamén do Salud S.D. Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo novena xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, de A Armenteira, ante uns dez espectadores, nunha tarde fresca, anubrada e chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
 CRÓNICA
O Armenteira Veteranos volveu facer gala da súa inmensa xenerosidade. Na última xornada da primeira fase do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos o cadro verdinegro recibía ao Salud S.D. Veteranos, un conxunto do Concello de Valga, e de novo facíao cunha longa listaxe de baixas. Carlos Castro, que se recupera da forte contusión que sufriu na cabeza no partido da pasada fin de semana no campo de Godos, Javi González, Richi, Óscar Muñiz, Martín ou Javi Limeres formaban parte dese notable grupo de ausentes. Con todo, o Armenteira Veteranos afrontaba o encontro coa intención de rematar co mellor sabor de boca a primera fase da liga. Co clásico 4-4-2 sobre o campo, con Jorge Castro retrasando a súa posición para acompañar a José Pérez na zona de mediocentros, o conxunto local tratou de asumir o dominio do xogo dende os primeiros minutos. As accións desenvolvíanse basicamente na zona do campo defendida polos de Valga, aínda que os verdinegros, superiores nas disputas e nas aproximacións á área contraria, non eran quen de enviar entre os tres paus os lanzamentos a portería. Non ocorrería o mesmo co Salud S.D. Veteranos, pois na primeiro lanzamento a meta dos visitantes, Javier Lago, colacaba o seu disparo dende fóra da área no fondo das mallas defendidas por Sirra. O tanto provocou certo desconcerto nas filas locais, pero axiña lograron refacerse. Faltaba puntería, e cando esta aparecía, atopábanse con Jeremy Yves Blessin. Foi o caso dun remate de cabeza de Rafa na área pequena, que o gardamallas valgués logrou raspar baixo o longueiro para envialo a córner. O futbolista de A Escusa, que regresaba ao equipo tras varias semanas de ausencia, tivo escasa fortuna na que foi a ocasión máis clara dos verdinegros na primeira metade. Tras a reanudación mantívose a tónica do primeiro período. O dominio local era unha constante, favorecida aínda máis pola expulsión de Miguel Vidal despois de propinarlle unha labazada na cara a Rubén. Recurrindo en exceso ao fútbol directo, o Armenteira Veteranos non era quen de traducir en gol o seu asedio sobre a meta dos das terras do Ulla. Faltaban penetracións e centros dende os costados, e os numerosos balóns colgados eran repelidos pola defensa visitante e, cando conseguían conectar algún disparo, non soía ir entre os tres paus. O agasallo ao esforzo e ao traballo realizado polos verdinegros por fin semellaba vir na recta final do encontro. Jorge Castro, tras internarse na área, mentres trataba de acomodarse para disparar a portería, era trabado por un defensor do Salud S.D. Veteranos. Sería o propio Jorge Castro o encargado de transformar unha pena máxima, que polo menos servía para evitar unha derrota que, a tenor do observado sobre o terreo de xogo de O Leixo, parecía absolutamente inxusta. En cambio, o Armenteira Veteranos decidiu deixar de lado a xustiza para dar paso á xenerosidade. A relaxación que seguiu ao tanto do empate e as persistentes dificultades para iniciar as xogadas dende a zona defensiva ben puideron ser a causa da debacle final. Dous lanzamentos que pasaron pegados ao pau da meta defendida por Sirra non serían nada máis có aviso do que ocorrería nos minutos do tempo engadido. Primeiro tras un barullo na área, no que a defensa local foi incapaz de despexar o balón, e despois tras un balón entregado na frontal da área á dianteira adversaria, os locais brindaríanlle a ocasión ao Salud S.D. Veteranos para que, por mediación de David Fragua e de Javier Lago, acadara dous tantos, que lle permiten finalizar a primeira fase da Terceira Galicia de Veteranos na oitava posición, con trinta puntos. Pola súa contra, o Armenteira Veteranos finaliza esta fase da competición na décimo sétima posición, con trece puntos, unha clasificación e unha puntuación que non se corresponden co potencial que teoricamente posúe o plantel do cadro de O Leixo. Na segunda fase, na que compartirá grupo cos equipos que remataron na parte baixa da táboa, tanto os pertencentes ao grupo da área de Arousa-Salnés como os do grupo da área Pontevedra-Morrazo, o Armenteira Veteranos tratará de resarcirse deste mal inicio de liga, confiando en poder loitar por situarse nos postos de privilexio, sempre e cando as lesións e as ausencias de xogadores, por desgracia frecuentes dende que comezou a temporada, non supoñan un lastre para competir nunhas condicións minimamente óptimas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario