Buscar neste blog

sábado, 11 de febreiro de 2017

Cómoda vitoria do equipo alevín do Armenteira C.F. para afianzarse no segundo posto

O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu unha clara e cómoda vitoria na visita que na mañá deste sábado realizou ao campo Príncipe Felipe para medirse á Integración Deportiva Pontevedra C.F. Este clube pontevedrés con apenas tres temporadas en competición, é xunto coa entidade verdinegra, un dos poucos clubes que non cobran cotas de inscrición, polo que, o partido serviu para poñer en contacto dous conceptos de fútbol sensibles coas economías familiares e que apostan unha eficiencia de recursos que non lles impide competir e dispoñer de medios equiparables aos de calquera outro rival. O cadro que adestran Luis e Alba Barral deixou claro dende o inicio a autoridade que lle atribuía a súa situación na táboa. Con apenas cinco minutos un centro dende a banda dereita de Manu Meixús tras unha boa xogada colectiva era culminado por Sara Rey co abdome para bater a Jonatan Pombo. Catro minutos despois, nunha xogada similar, de novo un centro de Manu Meixús era rematado ao unísono cara o fondo das mallas contrarias por Sara Rey e Íñigo. O festival ofensivo do Armenteira C.F. continuaría a partires de entón e no minuto catorce o conxunto verde e negro xa vencía por cero goles a seis. A relaxación que provocaba esta vantaxe sumiu aos visitantes nuns minutos de zozobra, nos que a escasa fluídez no fútbol de toque que pretendían practicar e o descenso da intensidade defensiva deron a oportunidade aos pontevedreses para anotar tres tantos e facer cundir un relativo nerviosismo entre a afección de A Armenteira. Pero os de Luis Barral volveron a dar un apretón na recta final do partido, na que os goles na portería contraría se sucedían unha e outra vez, demostrando o talento e a capacidade para definir dun conxunto que xornada a xornada quere presentar a súa candidatura a acadar o campionato de liga. Sobre o tapete de céspede artificial de Montecelo os futbolistas verdinegros deixaron detalles de calidade como o gol que anotou Adri co tacón ou o de Manu Meixús de rabona. O resultado final de tres goles a oito, abultado pero anecdótico nunhas categorías de fútbol base nas que o máis importante é a formación e a aprendizaxe global dos nenos e nenas. reflicte ben ás claras o observado no campo Príncipe Felipe. Tres goles de Brais Santamaría, tres de Manu Meixús, dous de Sara Rey, dous de Adri e un de Íñigo compoñen o botín goleador no que, como é lóxico, teñen máis protagonismo os futbolistas que xogan en demarcacións máis próximas á meta rival. Pero, sobre todo, este marcador ven a significar o triunfo dun conxunto no que o colectivo prima por enriba dos nomes e das individualidades. Con esta vitoria o Armenteira C.F. segue na segunda posición, agora con quince puntos, e tratará de asaltar novamente o liderato a próxima fin de semana no partido que o medirá no campo de O Leixo á C.E.D. Cotobade, un equipo que ocupa a décima praza con tres puntos.


mércores, 8 de febreiro de 2017

Entre amigas e preparando a volta á competición

Entre amigas e preparando a volta á competición. Así é como afrontou o parón ligueiro o equipo feminino do Armenteira C.F. Dende o pasado 22 de xaneiro levan sen disputar un partido oficial as rapazas que adestra Marcial Prado. Fora ante a U.D. Santiso e, dende entón, estas xóvenes e entregadas futbolistas non tiveron tregua. Nin o temporal, nin o deficiente estado do terreo de xogo do campo de O Leixo, nin a falta de competición rebaixaron as súas gañas de fútbol. Coa intención de complementar o plan de adestramentos o cadro técnico e a Xunta Directiva organizaron un par de partidos amigables para perder o ritmo ao mesmo tempo que repoñer forzas de cara a unha recta final de temporada que se prevé máis ca esixente. O pasado domingo desprazáronse ao campo de A Lanzada para medirse á S.D. Noalla, un conxunto que nesta campaña non se inscribiu na liga, pero que segue adestrando coa intención de facelo este verán. O resultado final de catro goles a un resulta un tanto enganoso tendo en conta o visto nas instalacións deportivas situada a pé da paradisíaca praia. A gran actuación de Paula Barral, que se viu completada cun gol, foi unha das notas máis salientables do encontro. E continuando con esta preparación, este mércores, as féminas do Armenteira C.F. tomaron rumbo cara o campo de As Chans, na parroquia vilanovesa de Pontearnelas, para medirse ao C. Mamis Arnelas F.C. Este clube, recentemente protagonista do veterano programa televisivo El Día Después, foi fundado en 2012 por un grupo de nais de xogadores da S.D. Pontearnelas que, aproveitando as súas visitas ao campo para levar os seus fillos aos adestramentos, decidiron calzarse as botas e porse pantalón curto. Nesta temporada, as dificultades para dispoñer dun plantel coa suficiente amplitude para afrontar o campionato impediulles anotarse na liga. Pero, ao igual cás futbolistas da S.D. Noalla continúan adestrando coa vista posta no retorno á competición. Nun partido xogado na curiosa modalidade de fútbol-9, no que o Armenteira C.F. se adiantou no marcador e levou o dominio do xogo durante a maior parte do tempo, as locais acabaron vencendo por dous goles a un. Como indica o propio Marcial Prado "neste tipo de partidos o resultado non é o máis importante". Foi ademais unha experiencia que de seguro non esquecerán Sandra, Paula, Noa e Ana Pombo, que tiveron a ocasión de facer o seu debut coa camisola verdinegra, un estreno con gol incluído no caso desta última. Agora apenas queda tempo para repoñer forzas, pois o próximo domingo, no campo de O Pombal, agárdalles un duelo de rivalidade comarcal ante o C. Xuventude Cambados, unha escadra de sobra coñecida polas rapazas do cadro de A Armenteira, xa que será a cuarta vez que se vexan as caras na presente temporada.



domingo, 5 de febreiro de 2017

Vitoria clara pero pouco brillante do equipo alevín do Armenteira C.F. ante a S.D. Chispa

O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu vencer con claridade á S.D. Chispa no partido que os enfrontou na mañá deste domingo no campo de O Leixo. As secuelas do paso do temporal non impediron que se disputase un encontro nunhas instalacións que continuaron sen suministro eléctrico. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral contou coa importante baixa de Fran na zona defensiva e presentou un equipo inicial que tiña coma principal novidade a presenza de Jose Domínguez na portería. O xogador de O Mosteiro tiña a oportunidade de defender por segunda vez esta posición, igual que o fixera a pasada fin de semana no campo de Baltar de Arriba ante o C. Xuventú Sanxenxo. Xa no minuto un Manu Meixús finalizaba unha xogada persoal e poñía por diante ao cadro verdinegro. A superioridade dos locais volveuse poñer de manifesto cando de novo Manu Meixús, un auténtico puñal polo flanco dereito, marcaba o segundo tanto. Coa comodidade que parecía indicar o marcador, o Armenteira C.F. entrou nun estado de relaxación, que unido ao nerviosismo e ás precipitacións coas que xogaron, desluciron unha actuación que puido ser moito máis brillante. As dificultades para rasear o coiro facía que este acabase cada vez con máis frecuencia nos pés dun equipo rival que comezou a achegarse timidamente ás inmediacións da área defendida por Jose Domínguez. Na segunda metade, mantívose a mesma tónica, aínda que o maior poderío físico dos locais non permitía que a S.D. Chispa dese chegado ás mallas que neste período defendeu Sergio Matilde. Só o arreón final da escadra verdinegra serviu para afrontar con comodidade os últimos minutos. Dous tantos de Adri, outro de Manu Meixús e un de Brais Santamaría conformaban o seis a cero co que remataron os cincuenta minutos. Foi un encontro especial para Manu Meixús, un xogador con raíces familiares na parroquia de Corón, e que puido festexar esta cita cun hat trick. Con este triunfo os rapaces e rapazas que adestra Luis Barral mantéñense na segunda praza da táboa con doce puntos, dende a cal tratarán de asaltar novamente o liderato a próxima fin de semana no partido que os medirá á Integración Deportiva Pontevedra C.F., un equipo que se sitúa no undécimo posto con tres puntos.




sábado, 4 de febreiro de 2017

Sen opcións para o Armenteira Veteranos ante o Soho Cambados

O Soho Cambados, líder destacado do grupo 1 da Segunda Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra, non deu opción ao Armenteira Veteranos no partido que disputaron na tarde deste sábado no campo de O Pombal. O conxunto verdinegro, que contaba coas ausencias de xogadores tan importantes como Marcos, Richi, Javi ou Martín, presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Carlos, Óscar e Portas en defensa, Alfonso, Rafa, Cacabelos, Jorge Castro e Marcial na liña de mediocampo, e Manueliño coma único home en ataque. O plantexamento conservador dos de O Leixo parecía dar resultados nos minutos iniciais de encontro. A potente escadra local, que dispón dun amplo plantel que lle permite sacar ata dous equipos durante un mesmo partido e ten nas súas filas a futbolistas do talento de Rodri, Jorge Domínguez, Simón ou Eulogio, non se adiantaría no marcador ata o minuto 21, cando Eulogio transformaba un penalti ante o que nada puido facer Joserra. O propio Eulogio sería o protagonista do seguinte gol, ao culminar dentro da área unha xogada iniciada no costado dereito, e tamén o sería no terceiro, convertindo de novo unha pena máxima. Un zapatazo dende fóra da área de Jorge Domínguez e unha acción individual na que Simón se desfixo de todos os xogadores que saíron ao seu paso ata prantarse diante do meta verdinegro e batilo puxeron o cinco a cero co que chegou ao tempo de lecer. O agagado dos focos de iluminación do terreo de xogo prolongou máis do debido o período de descanso, pero esta prolongación non serviu para que o Armenteira Veteranos puidese reponer forzas e recurtar distancias no marcador. A superioridade dos cambadeses mantívose e plasmouse en tres novos tantos que acabaron no fondo dunhas mallas que nesta segunda metade defendeu Portas. O futbolista de Paradela cambiou de demarcación para dar a oportunidade a Joserra coma xogador de campo. O de Couso, que vén exercendo con éxito de porteiro do Armenteira Veteranos durante as tres últimas temporadas, volvía a desempeñar o rol futbolístico dos seus anos de xogador de fútbol base e afeccionado, dos que moitos aínda o recordan coma aquel rocoso defensa que luciu as camisolas do Armenteira C.F., do C.D. Ribadumia, do Umia C.F. ou do Libertad Sporting Club, nunha traxectoria deportiva na que quizais acadou os seus maiores logros no clube da A Senra, co que chegou a disputar varios encontros na Primeira Autonómica. A derrota final por oito goles a cero mantén aos de A Armenteira no décimo posto, con vintecatro puntos. O próximo sábado o cadro que preside José Luis Galiñanes deberá recibir a outro esixente rival, o Romai-Viveiros Outón, terceiro clasificado con corenta e un puntos.


Suspendido o Armenteira C.F.- C.D. Portas polo mal estado do terreo de xogo de O Leixo

O deplorable estado no que se atopaba o terreo de xogo do campo de O Leixo obrigou a suspender o partido de categoría infantil correspondente ao grupo 9 entre o Armenteira C.F. e a C.D. Portas. O temporal de choiva e vento que azotou estes días Galicia deixou o terreo de xogo nunhas condicións impracticables. Inmensas pozas de lama, gallas e cáscaras de eucaliptos polo campo e regos que descubrían cachotes de pedra facían que a disputa do encontro fose tarefa case imposible. Con todo, o colexiado Núñez Caamaño, que compareceu nas instalacións deportivas do lugar de O Busto a escasos minutos do inicio, decidiu iniciar o partido ante a sorpresa dos asistentes. A presenza da néboa, que por momentos facía a súa visibilidade, o borrado das liñas e a dificultade para desenvolver o xogo sobre unha superficie cada vez máis enlameada acabou por convencer ao árbitro para decretar a suspensión cando restaba pouco menos de media hora para rematar. Nese momento o resultado era de un gol a cero favorable ao Armenteira C.F., que anotara por mediación de Piñeiro. Corresponde agora aos dous clubes poñerse de acordo e fixar unha data para disputar os minutos restantes dun encontro que a lóxica indicaba que non debía xa terse iniciado e no que novamente os usuarios que día a día van en aumento no campo de O Leixo volveron sufrir as deficiencias dunhas instalacións que precisan unha inminente mellora.



S.C.D. Salcedo e Armenteira C.F. loitan contra os elementos no Príncipe Felipe

Os equipos de categoría alevín da S.C.D. Salcedo e do Armenteira C.F. disputaron un intenso partido na mañá deste sábado no Campo Príncipe Felipe de Pontevedra, na que a protagonista principal foi a forte e incesante choiva. Nas concorridas instalacións deportivas do barrio de Montecelo, nas que os encontros se sucedían hora tras hora, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral tiveron que facer fronte non só a un rival que conta con futbolistas de notable talento coma Mateo Piñón e Ángel Moldes senón que se viron obrigaros a loitar contra unhas condicións meteorolóxicas especialmente adversas para as xóvenes promesas da entidade verdinegra, fisicamente inferiores e que se vían incapaces de desprazar un balón que se presentaba excesivamente pesado. O dominio que a escadra local exerceu dende o inicio foi contrarrestado pola enorme loita dos de A Armenteira. As escasas aproximacións dos visitantes foron lideradas por un Brais Charlín que volveu deixar mostras da súa calidade. Unha xogada individual súa, culminada cun potente disparo supuxo o único gol do cadro verdinegro. Pero quizais dentro do gran traballo colectivo do equipo de O Leixo habería que destacar a excepcional actuación baixo os paus de Sara Otero, que mereceu incluso a ovación da afección de Salcedo. O resultado de nove a un co que rematou o partido, unha anécdota máis das que se viviron durante a mañá no centro deportivo que xestiona a Deputación Provincial de Pontevedra. As pingueiras que incluso invadiron os vestiarios non permitiron que estes rapaces e rapazas se sacasen totalmente de enriba unha molladura que agardemos que non traia maiores consecuencias en forma de gripes e catarros. A próxima fin de semana a formación verde e negra debe recibir no campo de O Leixo á A.D. Arousa F-7, un equipo que está situado na metade da táboa con nove puntos.


O temporal deixa sen luz a boa parte de A Armenteira

O temporal que está afectando estes días a Galicia e que tantos estragos causou, especialmente na zona litoral, non se esqueceu de A Armenteira. A pegada destas potentes borrascas é visible na estrada que sube cara o mosteiro cisterciense, sobre todo á altura do lugar de Cabeza de Boi. Postes do tendido eléctrico e teléfonico tumbados, tellados desfeitos e muros derrubados son algúns exemplos do rastro que deixou o seu paso. Con todo, os estragos non se quedaron aí. Dende a noite do venres, nos lugares situados ao norte da parroquia, unha avaría no cableado que cruza a ladeira norte do Monte do Castrove procedente do Concello de Poio, mantén na penumbra a esta parte de A Armenteira. Trátase dunha liña historicamente moi problemática a nivel de incidencias, dada ampla masa forestal pola que transita. En San Amedio, Vilar, Caroi, A Vacariza, Cuchín, Valboa ou O Busto os veciños e veciñas levan máis de 24 horas sufrindo as consecuencias da ausencia deste ben tan básico nos tempos nos que vivimos. Os contratempos que está provocando fai que o malestar vaia en aumento e que estean pensando en presentar reclamacións ante os prexuízos causados. Na maioría das casas dispoñen de conxeladores no que gardan a carne da matanza que, de seguir así, acabará apodrecendo. Pero se nos domicilios particulares son graves os danos, máis o son nos locais públicos e nos establecementos comerciais. Na igrexa do mosteiro tiveron que realizar os oficios relixiosos sen megafonía e a escuras. No campo de O Leixo, os futbolistas, mollados e enlameados despois do partido, non puideron darse unha ducha ao non haber auga quente. Nos locais de hostalería situados a carón do mosteiro a falta de suministro eléctrico impediu que puidesen traballar nuns días, como son os da fin de semana, nos que se converten nuns dos principais focos de atracción de visitantes da comarca de O Salnés.