Os equipos de categoría alevín da S.C.D. Salcedo e do Armenteira C.F. disputaron un intenso partido na mañá deste sábado no Campo Príncipe Felipe de Pontevedra, na que a protagonista principal foi a forte e incesante choiva. Nas concorridas instalacións deportivas do barrio de Montecelo, nas que os encontros se sucedían hora tras hora, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral tiveron que facer fronte non só a un rival que conta con futbolistas de notable talento coma Mateo Piñón e Ángel Moldes senón que se viron obrigaros a loitar contra unhas condicións meteorolóxicas especialmente adversas para as xóvenes promesas da entidade verdinegra, fisicamente inferiores e que se vían incapaces de desprazar un balón que se presentaba excesivamente pesado. O dominio que a escadra local exerceu dende o inicio foi contrarrestado pola enorme loita dos de A Armenteira. As escasas aproximacións dos visitantes foron lideradas por un Brais Charlín que volveu deixar mostras da súa calidade. Unha xogada individual súa, culminada cun potente disparo supuxo o único gol do cadro verdinegro. Pero quizais dentro do gran traballo colectivo do equipo de O Leixo habería que destacar a excepcional actuación baixo os paus de Sara Otero, que mereceu incluso a ovación da afección de Salcedo. O resultado de nove a un co que rematou o partido, unha anécdota máis das que se viviron durante a mañá no centro deportivo que xestiona a Deputación Provincial de Pontevedra. As pingueiras que incluso invadiron os vestiarios non permitiron que estes rapaces e rapazas se sacasen totalmente de enriba unha molladura que agardemos que non traia maiores consecuencias en forma de gripes e catarros. A próxima fin de semana a formación verde e negra debe recibir no campo de O Leixo á A.D. Arousa F-7, un equipo que está situado na metade da táboa con nove puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario