Buscar neste blog

domingo, 5 de febreiro de 2017

Vitoria clara pero pouco brillante do equipo alevín do Armenteira C.F. ante a S.D. Chispa

O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu vencer con claridade á S.D. Chispa no partido que os enfrontou na mañá deste domingo no campo de O Leixo. As secuelas do paso do temporal non impediron que se disputase un encontro nunhas instalacións que continuaron sen suministro eléctrico. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral contou coa importante baixa de Fran na zona defensiva e presentou un equipo inicial que tiña coma principal novidade a presenza de Jose Domínguez na portería. O xogador de O Mosteiro tiña a oportunidade de defender por segunda vez esta posición, igual que o fixera a pasada fin de semana no campo de Baltar de Arriba ante o C. Xuventú Sanxenxo. Xa no minuto un Manu Meixús finalizaba unha xogada persoal e poñía por diante ao cadro verdinegro. A superioridade dos locais volveuse poñer de manifesto cando de novo Manu Meixús, un auténtico puñal polo flanco dereito, marcaba o segundo tanto. Coa comodidade que parecía indicar o marcador, o Armenteira C.F. entrou nun estado de relaxación, que unido ao nerviosismo e ás precipitacións coas que xogaron, desluciron unha actuación que puido ser moito máis brillante. As dificultades para rasear o coiro facía que este acabase cada vez con máis frecuencia nos pés dun equipo rival que comezou a achegarse timidamente ás inmediacións da área defendida por Jose Domínguez. Na segunda metade, mantívose a mesma tónica, aínda que o maior poderío físico dos locais non permitía que a S.D. Chispa dese chegado ás mallas que neste período defendeu Sergio Matilde. Só o arreón final da escadra verdinegra serviu para afrontar con comodidade os últimos minutos. Dous tantos de Adri, outro de Manu Meixús e un de Brais Santamaría conformaban o seis a cero co que remataron os cincuenta minutos. Foi un encontro especial para Manu Meixús, un xogador con raíces familiares na parroquia de Corón, e que puido festexar esta cita cun hat trick. Con este triunfo os rapaces e rapazas que adestra Luis Barral mantéñense na segunda praza da táboa con doce puntos, dende a cal tratarán de asaltar novamente o liderato a próxima fin de semana no partido que os medirá á Integración Deportiva Pontevedra C.F., un equipo que se sitúa no undécimo posto con tres puntos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario