Buscar neste blog

sábado, 4 de febreiro de 2017

Suspendido o Armenteira C.F.- C.D. Portas polo mal estado do terreo de xogo de O Leixo

O deplorable estado no que se atopaba o terreo de xogo do campo de O Leixo obrigou a suspender o partido de categoría infantil correspondente ao grupo 9 entre o Armenteira C.F. e a C.D. Portas. O temporal de choiva e vento que azotou estes días Galicia deixou o terreo de xogo nunhas condicións impracticables. Inmensas pozas de lama, gallas e cáscaras de eucaliptos polo campo e regos que descubrían cachotes de pedra facían que a disputa do encontro fose tarefa case imposible. Con todo, o colexiado Núñez Caamaño, que compareceu nas instalacións deportivas do lugar de O Busto a escasos minutos do inicio, decidiu iniciar o partido ante a sorpresa dos asistentes. A presenza da néboa, que por momentos facía a súa visibilidade, o borrado das liñas e a dificultade para desenvolver o xogo sobre unha superficie cada vez máis enlameada acabou por convencer ao árbitro para decretar a suspensión cando restaba pouco menos de media hora para rematar. Nese momento o resultado era de un gol a cero favorable ao Armenteira C.F., que anotara por mediación de Piñeiro. Corresponde agora aos dous clubes poñerse de acordo e fixar unha data para disputar os minutos restantes dun encontro que a lóxica indicaba que non debía xa terse iniciado e no que novamente os usuarios que día a día van en aumento no campo de O Leixo volveron sufrir as deficiencias dunhas instalacións que precisan unha inminente mellora.



Ningún comentario:

Publicar un comentario