Buscar neste blog

sábado, 4 de febreiro de 2017

O temporal deixa sen luz a boa parte de A Armenteira

O temporal que está afectando estes días a Galicia e que tantos estragos causou, especialmente na zona litoral, non se esqueceu de A Armenteira. A pegada destas potentes borrascas é visible na estrada que sube cara o mosteiro cisterciense, sobre todo á altura do lugar de Cabeza de Boi. Postes do tendido eléctrico e teléfonico tumbados, tellados desfeitos e muros derrubados son algúns exemplos do rastro que deixou o seu paso. Con todo, os estragos non se quedaron aí. Dende a noite do venres, nos lugares situados ao norte da parroquia, unha avaría no cableado que cruza a ladeira norte do Monte do Castrove procedente do Concello de Poio, mantén na penumbra a esta parte de A Armenteira. Trátase dunha liña historicamente moi problemática a nivel de incidencias, dada ampla masa forestal pola que transita. En San Amedio, Vilar, Caroi, A Vacariza, Cuchín, Valboa ou O Busto os veciños e veciñas levan máis de 24 horas sufrindo as consecuencias da ausencia deste ben tan básico nos tempos nos que vivimos. Os contratempos que está provocando fai que o malestar vaia en aumento e que estean pensando en presentar reclamacións ante os prexuízos causados. Na maioría das casas dispoñen de conxeladores no que gardan a carne da matanza que, de seguir así, acabará apodrecendo. Pero se nos domicilios particulares son graves os danos, máis o son nos locais públicos e nos establecementos comerciais. Na igrexa do mosteiro tiveron que realizar os oficios relixiosos sen megafonía e a escuras. No campo de O Leixo, os futbolistas, mollados e enlameados despois do partido, non puideron darse unha ducha ao non haber auga quente. Nos locais de hostalería situados a carón do mosteiro a falta de suministro eléctrico impediu que puidesen traballar nuns días, como son os da fin de semana, nos que se converten nuns dos principais focos de atracción de visitantes da comarca de O Salnés.


Ningún comentario:

Publicar un comentario