Entre amigas e preparando a volta á competición. Así é como afrontou o parón ligueiro o equipo feminino do Armenteira C.F. Dende o pasado 22 de xaneiro levan sen disputar un partido oficial as rapazas que adestra Marcial Prado. Fora ante a U.D. Santiso e, dende entón, estas xóvenes e entregadas futbolistas non tiveron tregua. Nin o temporal, nin o deficiente estado do terreo de xogo do campo de O Leixo, nin a falta de competición rebaixaron as súas gañas de fútbol. Coa intención de complementar o plan de adestramentos o cadro técnico e a Xunta Directiva organizaron un par de partidos amigables para perder o ritmo ao mesmo tempo que repoñer forzas de cara a unha recta final de temporada que se prevé máis ca esixente. O pasado domingo desprazáronse ao campo de A Lanzada para medirse á S.D. Noalla, un conxunto que nesta campaña non se inscribiu na liga, pero que segue adestrando coa intención de facelo este verán. O resultado final de catro goles a un resulta un tanto enganoso tendo en conta o visto nas instalacións deportivas situada a pé da paradisíaca praia. A gran actuación de Paula Barral, que se viu completada cun gol, foi unha das notas máis salientables do encontro. E continuando con esta preparación, este mércores, as féminas do Armenteira C.F. tomaron rumbo cara o campo de As Chans, na parroquia vilanovesa de Pontearnelas, para medirse ao C. Mamis Arnelas F.C. Este clube, recentemente protagonista do veterano programa televisivo El Día Después, foi fundado en 2012 por un grupo de nais de xogadores da S.D. Pontearnelas que, aproveitando as súas visitas ao campo para levar os seus fillos aos adestramentos, decidiron calzarse as botas e porse pantalón curto. Nesta temporada, as dificultades para dispoñer dun plantel coa suficiente amplitude para afrontar o campionato impediulles anotarse na liga. Pero, ao igual cás futbolistas da S.D. Noalla continúan adestrando coa vista posta no retorno á competición. Nun partido xogado na curiosa modalidade de fútbol-9, no que o Armenteira C.F. se adiantou no marcador e levou o dominio do xogo durante a maior parte do tempo, as locais acabaron vencendo por dous goles a un. Como indica o propio Marcial Prado "neste tipo de partidos o resultado non é o máis importante". Foi ademais unha experiencia que de seguro non esquecerán Sandra, Paula, Noa e Ana Pombo, que tiveron a ocasión de facer o seu debut coa camisola verdinegra, un estreno con gol incluído no caso desta última. Agora apenas queda tempo para repoñer forzas, pois o próximo domingo, no campo de O Pombal, agárdalles un duelo de rivalidade comarcal ante o C. Xuventude Cambados, unha escadra de sobra coñecida polas rapazas do cadro de A Armenteira, xa que será a cuarta vez que se vexan as caras na presente temporada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario