O Soho Cambados, líder destacado do grupo 1 da Segunda
Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra, non deu opción ao Armenteira
Veteranos no partido que disputaron na tarde deste sábado no campo de O Pombal.
O conxunto verdinegro, que contaba coas ausencias de xogadores tan importantes
como Marcos, Richi, Javi ou Martín, presentou un once inicial con Joserra na
portería, Jorge Dávila, Carlos, Óscar e Portas en defensa, Alfonso, Rafa,
Cacabelos, Jorge Castro e Marcial na liña de mediocampo, e Manueliño coma único
home en ataque. O plantexamento conservador dos de O Leixo parecía dar
resultados nos minutos iniciais de encontro. A potente escadra local, que
dispón dun amplo plantel que lle permite sacar ata dous equipos durante un
mesmo partido e ten nas súas filas a futbolistas do talento de Rodri, Jorge
Domínguez, Simón ou Eulogio, non se adiantaría no marcador ata o minuto 21,
cando Eulogio transformaba un penalti ante o que nada puido facer Joserra. O
propio Eulogio sería o protagonista do seguinte gol, ao culminar dentro da área
unha xogada iniciada no costado dereito, e tamén o sería no terceiro,
convertindo de novo unha pena máxima. Un zapatazo dende fóra da área de Jorge
Domínguez e unha acción individual na que Simón se desfixo de todos os
xogadores que saíron ao seu paso ata prantarse diante do meta verdinegro e
batilo puxeron o cinco a cero co que chegou ao tempo de lecer. O agagado dos
focos de iluminación do terreo de xogo prolongou máis do debido o período de descanso, pero
esta prolongación non serviu para que o Armenteira Veteranos puidese reponer forzas
e recurtar distancias no marcador. A superioridade dos cambadeses mantívose e
plasmouse en tres novos tantos que acabaron no fondo dunhas mallas que nesta
segunda metade defendeu Portas. O futbolista de Paradela cambiou de demarcación
para dar a oportunidade a Joserra coma xogador de campo. O de Couso, que vén
exercendo con éxito de porteiro do Armenteira Veteranos durante as tres últimas
temporadas, volvía a desempeñar o rol futbolístico dos seus anos de xogador de
fútbol base e afeccionado, dos que moitos aínda o recordan coma aquel rocoso
defensa que luciu as camisolas do Armenteira C.F., do C.D. Ribadumia, do Umia
C.F. ou do Libertad Sporting Club, nunha traxectoria deportiva na que quizais acadou os seus maiores logros no
clube da A Senra, co que chegou a disputar varios encontros na Primeira
Autonómica. A derrota final por oito goles a cero mantén aos de A Armenteira no
décimo posto, con vintecatro puntos. O próximo sábado o cadro que preside José
Luis Galiñanes deberá recibir a outro esixente rival, o Romai-Viveiros Outón,
terceiro clasificado con corenta e un puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario