O Armenteira Veteranos conseguiu empatar a dous goles no partido que disputou na tarde deste sábado ante o Sisán Veteranos no campo de A Senra-2. O resultado, que a priori pode resultar meritorio, deixa un mal sabor de boca para os verdinegros tendo en conta como se produciu o desenlace do encontro, especialmente nos intres finais. O cadro de A Armenteira presentou un once inicial con Joserra coma gardamallas, Richi, Óscar, Marcos e Portas na liña defensiva, Marcial, Martín, Jorge Castro e Alfonso no mediocampo, e Galiñanes e Manueliño na dianteira. O regreso de Martín tras recuperarse dun esguince de xeonllo era a principal novidade que mostraron os verdinegros nas modernas instalacións deportivas de Ribadumia. Dende os primeiros minutos os locais asumiron a posesión do balón. O bo manexo do coiro, que facían circular coa fluídez e o sentido máis característico dun equipo de fútbol-sala, otorgoulles o control do xogo, ante o que o Armenteira Veteranos agardaba ordenado no seu campo e buscaba cando podía aos seus atacantes con lanzamentos en longo. Un desaxuste defensivo dos visitantes deu lugar a unha xogada por banda esquerda do Sisán Veteranos, que caiu dentro da área nos pés de Pedro Falcón, que non perdonaría. Con esta vantaxe a situación era máis que propicia para que os locais acabasen facéndose cos tres puntos. Pero non foi así. Os de O Leixo comezaron pouco a pouco a reaccionar, ganando as disputas de balón grazas á súa maior velocidade de anticipación e, en base á súa actitude sempre loitadora e a unha condición física superior á do rival, emprenderon a díficil tarefa de lograr os tres puntos. Dúas ocasións claras nas que Jorge Castro se plantou só ante o meta Rafa Novo foron o aviso do que ocorrería na segunda metade. O abandono do terreo de xogo de Martín, Alfonso, Richi e Manueliño, que debían atender aos seus compromisos profesionais, deixou en cadro aos verdinegro pero non os privou da ambición da vitoria. Unha sensacional volea de Galiñanes poñía a igualada, e tras un interncambio de golpes chegaría un frenético final de encontro. O penalti cometido por Javier Gómez sobre Jorge Castro cando este se presentaba en solitario ante o meta local, e que conlevou a expulsión con cartón vermello directo do defensor, foi transformado polo atacante de Vilar para adiantar ao seu equipo. Pero nada máis sacar de centro, xa no minuto 89, outro penalti, neste caso a prol do Sisán Veteranos, foi convertido en gol de novo por Pedro Falcón, para establecer o resultado final de empate a dous. Despois desta emocionante e intensa xornada o Armenteira Veteranos continúa na décima posición con vintecinco puntos. A próxima cita para os de O Leixo, despois do breve parón de Entroido, será o 4 de marzo cando reciban ao Cafetería Impacto-Mosteiro, quinto clasificado con trinta e oito puntos, reeditando un novo e atractivo derbi entre os dous únicos clubes da categoría de veteranos que existen no concello de Meis.
Buscar neste blog
sábado, 18 de febreiro de 2017
A S.D. Amanecer exhibe o seu sólido liderato ante o equipo benxamín do Armenteira C.F.
A S.D. Amanecer, líder destacado do grupo 64A de categoría benxamín, deixou claro o potencial que atesoura tras o seu paso polo campo de O Leixo para medirse na mañá deste sábado ao Armenteira C.F. A loita, a presión e a aceptable colocación dos rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral non foron suficientes ante un rival que conta por vitorias todos os partidos que leva disputados nesta segunda fase de competición. O gol de Marcos Lois sería o primeiro dos oito que lograrían os de San Vicente de O Grove. catro na primeira metade, na que a portería verdinegra foi defendida por Sara Otero, e catro na segunda, cando Óscar Lois exerceu de gardamallas. Aínda que os locais tiveron algunha aproximación á area meca, protagonizadas sobre todo polo ímpetu e a entrega de Brais Charlín e Ainoha, non puideron anotar ningún tanto no seu casilleiro. Esta derrota por cero goles a oito mantén ao Armenteira C.F. na oitava posición, da que procurarán saír no encontro da próxima xornada, que non será outro que o derbi municipal que disputarán ante o C.D. Mosteiro na fin de semana do 4 e 5 de marzo, e que previsiblemente teña lugar no remozado Campo Municipal de Meis, no que vén de instalar un flamante céspede artificial e no que se están ultimando os detalles para o seu uso nos partidos de competición.
Nova vitoria do equipo alevín do Armenteira C.F. para seguir coa súa marcha triunfal
O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu unha nova vitoria no partido que disputou na mañá deste sábado ante o C.E.D. Cotobade. O conxunto que dirixen Luis e Alba Barral impúxose con claridade a un rival que se adiantaría no marcador e que conseguiu extender o nerviosismo entre a afección local durante os primeiros minutos, pero que logo acabaría sucumbindo ante a escadra verdinegra por nove goles a dous. O gol de Mateo De León e a intensidade e a boa disposición táctica dos de Cercedo-Cotobade parecían que ían dar emoción ao encontro. Pero, empurrados polos cada vez máis numerosos seguidores os xogadores e xogadoras locais foron pouco a pouco actuando coma unha apisonadora ante o que nada puido facer o C.E.D. Cotobade. Unha internada culminada en gol polo propio Junior poñia a igualada e, a partires de entón as aproximacións do Armenteira C.F. íanse producindo con máis frecuencia. Brais Santamaría, en tres ocasións de forma consecutiva, Sara Rey rematando no segundo pau un magnífico centro de Adri, Manu Meixús tras desfacerse de varios rivais, Íñigo recollendo un rexeitamento do porteiro a tiro de falta de Adri, o propio Adri recibindo un balón en profundidade e, finalmente, Manu Meixús, completarían o recital de goles que os de Luis Barral ofreceron en O Leixo, e que só se veu interrumpindo polo que o espigado Kibrom Gamallo lograría para os vermellos. Con este triunfo afianza ao Armenteira C.F. na segunda posición con dezaoito puntos, dende a que tratará de volver asaltar o liderato na próxima xornada, a disputar a fin de semana do 4 e 5 de marzo, na que visitará a difícil cancha do Campo Municipal de San Pedro para medirse á E.F. Villa de Marín, que ocupa a terceira praza con quince puntos.
domingo, 12 de febreiro de 2017
O C. Xuventude Cambados impón a súa superioridade sobre o equipo feminino do Armenteira C.F. en O Pombal
O equipo feminino C. Xuventude Cambados venceu con claridade ao Armenteira C.F. no partido disputado na tarde deste domingo no campo de O Pombal. Nunha tarde fría e chuviosa as rapazas que adestran Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros non tiveron opcións ante un rival máis experimentado e con xogadoras que marcan a diferenza na categoría e que acabou vencendo por sete goles a un. O cadro técnico verdinegro presentou un once inicial con Uxía baixo paus, Fátima, Alessandra, Karla e Laura en defensa, Raquel, Diana e Ana Martínez na zona central do mediocampo, Ana Lorenzo e Paula polos costados e Mar na liña de ataque. A rápida vantaxe coa que se atoparon as locais nada máis comezar condicionou o desenvolvemento do encontro. Dous goles de Lara Piñeiro poñían por diante ás cambadesas cando apenas se levaban tres minutos de encontro. E sería esta xogadora a protagonista dos seguintes goles para o seu equipo. Ata catro goles anotou esta talentosa dianteira nos corenta minutos nos que compareceu sobre o céspede artificial de O Pombal. Co resultado en contra e condenadas a unha nova derrota as de A Armenteira só puideron ofrecer loita e intensidade no xogo. Nunha das súas aproximacións á área rival unha man dunha defensora do C. Xuventude Cambados derivou nunha pena máxima que transformou con mestría Ana Martínez. Houbo máis ocasións para que as verdinegras marcasen, a máis clara estivo nos pés de Raquel, pero a escasa fortuna e a falta de acerto impediron que o lograsen. A contundencia no corte de Alessandra ou Diana, a pelexa constante de Karla, a calidade de Ana Martínez ou a profundidade por banda de Paula son algúns dos aspectos máis positivas que estas rapazas levan desta nova experiencia de fútbol. A nota negativa foi sen dúbida as lesións de Fátima, un esguince de xeonllo segundo indican as probas realizadas, e de Karla, que se retirou cunha forte dor no abdome. Este resultado mantén ao Armenteira C.F. na duodécima posición, á espera de recibir o próximo domingo no campo de O Leixo a outro difícil rival, o C.D. Conxo, cuarto clasificado con trinta e seis puntos.
Importante triunfo do equipo benxamín do Armenteira C.F. sobre a lama de O Leixo
O equipo benxamín do Armenteira C.F. conseguiu unha importante vitoria no encontro que o mediu na mañá deste domingo á A.D. Arousa F-7. As choivas que caíron durante o partido e as horas anteriores fixeron que a superficie do terreo de xogo estivese completamente enlameada e nunhas condicións pouco favorables para a práctica do fútbol, algo que desgraciadamente ocorre con demasiada frecuencia neste campo. Con todo, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral que, lembremos que son os principais sufridores desta situación, xa que deben adestrar e xogar habitualmente nunhas condicións tan precarias, souberon sobrepoñerse ás circuntancias e, en base á loita e a unha entrega encomiable lograron un meritorio triunfo por tres goles a un. O cadro técnico local dispuxo un equipo inicial con Sara Otero na portería, Saray, Ramón e Lucas Otero na defensa, Uxía, Óscar e Brais Charlín na liña de medios, e Ainoha como xogadora máis adiantada. O partido caracterizouse dende o inicio pola disputa continua dos balóns e o xogo embarullado, e desenvolvíase principalmente na zona de mediocampo. No medio deste equilibrio de forzas Brais Charlín resolveu con acerto unha xogada na área e puxo por diante ao seu conxunto, Pouco despois o futbolista de Silván recollería un balón preto da liña de gol e lograría o segundo tanto. Con esta vantaxe todo era propicio para que o triunfo se quedase na casa, aínda que Luis Barral insistía aos seus xogadores e xogadoras en que non se confiasen e procuraba que mantivesen a tensión necesaria ata o pitido final. O A.D. Arousa F-7 aumentou a intensidade nos primeiros minutos da segunda metade, ante o cal os futbolistas verdinegros respondían con brega e esforzábanse en alonxar o coiro da portería defendida neste período por Óscar. O gol de Pablo Batalla para os visitantes trouxo o nerviosismo á bancada dos de A Armenteira. Pero a escadra local soubo reaccionar e lanzouse de novo ao ataque. Un gol pantasma de Ainhoa que o colexiado non concedeu fixo emerxer as protestas da afección verdinegra. A tranquilidade definitiva non chegaría ata que de novo Brais Charlín tirou un saque de curruncho que tropezou nun defensor amarelo e acabou no fondo das mallas da formación vilagarciana. Esta vitoria, a primeira nesta fase pero a segunda que acadan os de Luis e Alba Barral nesta temporada, mantén a este equipo na oitava posición, da cal tratarán de saír a próxima fin de semana no partido que os medirá no campo de O Leixo á S.D. Amanecer, lider do grupo e que venceu en todos os partidos que disputou nesta segunda fase.
sábado, 11 de febreiro de 2017
O Armenteira Veteranos estraga nos últimos vinte minutos o bo traballo anterior
O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a catro ante o Romai-Viveiros Outón no partido que os mediu no campo de O Leixo na tarde deste sábado. A contundencia do resultado non se corresponde cos argumentos que un e outro conxunto espuxeron sobre a area do terreo de xogo do lugar de O Busto, xa que aínda que os visitantes fixeron quizais máis méritos para levarse os tres puntos, o máis xusto sería que finalizasen cun marcador máis apretado. Os locais presentaron un once inicial con Joserra na portería, Portas, Óscar, Carlos e Jorge Dávila na defensa, Marcial, Jorge Castro, Cacabelos, Rafa e Alfonso na liña medular, e con Galiñanes como único atacante. Dende os primeiros minutos os de Romai mostraron maior contundencia física e un ritmo de xogo superior, pero os verdinegros souberon responder con orde táctica, sen complicarse na liña defensiva e buscando a portería contraria guiados pola calidade de Jorge Castro e recurrindo quizais en exceso ao fútbol directo. Foi precisamente o dianteiro de Vilar o que adiantou aos locais, resolvendo con mestría un balón que recibiu en profundidade. Co resultado a favor o Armenteira Veteranos parecía atoparse cada vez máis cómodo. Pero houbo dúas xogadas que marcaron o rumbo final do encontro e deron ao traste coas súas aspiracións. No último minuto deste primeiro período, tras un saque de falta dos visitantes o coiro escapouse das garras do meta Joserra, e nin sequera os intento de evitar o tanto dun defensor verdinegro foi posible, ao golpear o seu despexe de cabeza baixo na liña de gol no pau longueiro e acabar finalmente no interior das mallas locais. Se este gol resultou psicolóxico tamén o foi unha acción na que Jorge Castro foi agarrado por un defensa cando se encamiñaba cara a portería rival. As reclamacións de penalti dos futbolistas do Armenteira Veteranos non foron atendidas polo colexiado García Pousada, que incluso acabaría amosando cartóns amarelos polas protestas a Manueliño e Cacabelos. As oportunidades de triunfo para os locais comezaron a derrubarse tras esta xogada. Unha combinación dos de Romai era rematada sen demasiada oposición dentro da área por Felipe Lafuente e, xa nos minutos finais, Mikel Baños e Miguel Calvo sentenciaban e colocaban un resultado excesivamente abultado para os méritos de ambas escadras. A sorte e o acerto estiveron neste caso do lado dos visitantes, que tras esta vitoria se sitúa na segunda posición con corenta e catro puntos, os mesmos que o equipo que o segue na clasificación, o Bar Santiaguiño. Pola súa contra o Armenteira Veteranos mantense na décima praza con vintecatro puntos. Os resultados non están acompañando nesta segunda volta da competición ao conxunto que preside José Luis Galiñanes, que ve como a zona media-alta da táboa lle queda cada vez máis lonxe. A próxima fin de semana tratará de remediar esta deriva tan desfavorable na cita que o agarda ante no campo de A Senra-2, en Ribadumia, ante o Sisán Veteranos, sétimo clasificado con trinta e cinco puntos.
O equipo infantil do Armenteira C.F. paga caros os erros ante o Vilalonga F.C.
O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por catro goles a dous no partido que disputou na mañá deste sábado no campo de O Revel ante o Vilalonga F.C. Foi un encontro no que os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín" tiveron unha actuación aceptable pero no que pagaron excesivamente caros os erros que cometeron. Ademais o rival é un conxunto á alza que está realizando un treito final de temporada notable e que vai apurar ata o último momento ás opcións de ascenso de categoría. Os goles de Luis Mayán e Iván Abilleira poñían de cara o partido para os celestes cando apenas se levaban minutos disputados. Antes de chegar ao período de lecer o tanto de Mosteiro mantiña aínda con posibilidades ao Armenteira C.F. Pero na segunda metade os locais aproveitaron os desaxustes dos futbolistas verdinegros e lograron perforar a portería defendida por Santi en dúas ocasións máis. O gol anotado por Carlos non foi suficiente para que os de O Leixo cresen nunha remontada que puido ser posible se conseguisen materializar algunha das ocasións das que dispuxeron, e que estiveron unha vez máis ao seu dianteiro Piñeiro coma principal protagonista. Con este resultado a escadra adestrada por "Tilín" mantense na zona media da táboa, á espera da cita da próxima fin de semana no campo de O Leixo ante un dos seus rivais máis directos, a S.D. Pontearnelas.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)





