A S.D. Amanecer, líder destacado do grupo 64A de categoría benxamín, deixou claro o potencial que atesoura tras o seu paso polo campo de O Leixo para medirse na mañá deste sábado ao Armenteira C.F. A loita, a presión e a aceptable colocación dos rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral non foron suficientes ante un rival que conta por vitorias todos os partidos que leva disputados nesta segunda fase de competición. O gol de Marcos Lois sería o primeiro dos oito que lograrían os de San Vicente de O Grove. catro na primeira metade, na que a portería verdinegra foi defendida por Sara Otero, e catro na segunda, cando Óscar Lois exerceu de gardamallas. Aínda que os locais tiveron algunha aproximación á area meca, protagonizadas sobre todo polo ímpetu e a entrega de Brais Charlín e Ainoha, non puideron anotar ningún tanto no seu casilleiro. Esta derrota por cero goles a oito mantén ao Armenteira C.F. na oitava posición, da que procurarán saír no encontro da próxima xornada, que non será outro que o derbi municipal que disputarán ante o C.D. Mosteiro na fin de semana do 4 e 5 de marzo, e que previsiblemente teña lugar no remozado Campo Municipal de Meis, no que vén de instalar un flamante céspede artificial e no que se están ultimando os detalles para o seu uso nos partidos de competición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario