Buscar neste blog

sábado, 11 de febreiro de 2017

O equipo infantil do Armenteira C.F. paga caros os erros ante o Vilalonga F.C.

O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por catro goles a dous no partido que disputou na mañá deste sábado no campo de O Revel ante o Vilalonga F.C. Foi un encontro no que os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín" tiveron unha actuación aceptable pero no que pagaron excesivamente caros os erros que cometeron. Ademais o rival é un conxunto á alza que está realizando un treito final de temporada notable e que vai apurar ata o último momento ás opcións de ascenso de categoría. Os goles de Luis Mayán e Iván Abilleira poñían de cara o partido para os celestes cando apenas se levaban minutos disputados. Antes de chegar ao período de lecer o tanto de Mosteiro mantiña aínda con posibilidades ao Armenteira C.F. Pero na segunda metade os locais aproveitaron os desaxustes dos futbolistas verdinegros e lograron perforar a portería defendida por Santi en dúas ocasións máis. O gol anotado por Carlos non foi suficiente para que os de O Leixo cresen nunha remontada que puido ser posible se conseguisen materializar algunha das ocasións das que dispuxeron, e que estiveron unha vez máis ao seu dianteiro Piñeiro coma principal protagonista. Con este resultado a escadra adestrada por "Tilín" mantense na zona media da táboa, á espera da cita da próxima fin de semana no campo de O Leixo ante un dos seus rivais máis directos, a S.D. Pontearnelas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario