Buscar neste blog

domingo, 12 de febreiro de 2017

Importante triunfo do equipo benxamín do Armenteira C.F. sobre a lama de O Leixo

O equipo benxamín do Armenteira C.F. conseguiu unha importante vitoria no encontro que o mediu na mañá deste domingo á A.D. Arousa F-7. As choivas que caíron durante o partido e as horas anteriores fixeron que a superficie do terreo de xogo estivese completamente enlameada e nunhas condicións pouco favorables para a práctica do fútbol, algo que desgraciadamente ocorre con demasiada frecuencia neste campo. Con todo, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral que, lembremos que son os principais sufridores desta situación, xa que deben adestrar e xogar habitualmente nunhas condicións tan precarias, souberon sobrepoñerse ás circuntancias e, en base á loita e a unha entrega encomiable lograron un meritorio triunfo por tres goles a un. O cadro técnico local dispuxo un equipo inicial con Sara Otero na portería, Saray, Ramón e Lucas Otero na defensa, Uxía, Óscar e Brais Charlín na liña de medios, e Ainoha como xogadora máis adiantada. O partido caracterizouse dende o inicio pola disputa continua dos balóns e o xogo embarullado, e desenvolvíase principalmente na zona de mediocampo. No medio deste equilibrio de forzas Brais Charlín resolveu con acerto unha xogada na área e puxo por diante ao seu conxunto, Pouco despois o futbolista de Silván recollería un balón preto da liña de gol e lograría o segundo tanto. Con esta vantaxe todo era propicio para que o triunfo se quedase na casa, aínda que Luis Barral insistía aos seus xogadores e xogadoras en que non se confiasen e procuraba que mantivesen a tensión necesaria ata o pitido final. O A.D. Arousa F-7 aumentou a intensidade nos primeiros minutos da segunda metade, ante o cal os futbolistas verdinegros respondían con brega e esforzábanse en alonxar o coiro da portería defendida neste período por Óscar. O gol de Pablo Batalla para os visitantes trouxo o nerviosismo á bancada dos de A Armenteira. Pero a escadra local soubo reaccionar e lanzouse de novo ao ataque. Un gol pantasma de Ainhoa que o colexiado non concedeu fixo emerxer as protestas da afección verdinegra. A tranquilidade definitiva non chegaría ata que de novo Brais Charlín tirou un saque de curruncho que tropezou nun defensor amarelo e acabou no fondo das mallas da formación vilagarciana. Esta vitoria, a primeira nesta fase pero a segunda que acadan os de Luis e Alba Barral nesta temporada, mantén a este equipo na oitava posición, da cal tratarán de saír a próxima fin de semana no partido que os medirá no campo de O Leixo á S.D. Amanecer, lider do grupo e que venceu en todos os partidos que disputou nesta segunda fase.


Ningún comentario:

Publicar un comentario