Buscar neste blog

sábado, 11 de febreiro de 2017

O Armenteira Veteranos estraga nos últimos vinte minutos o bo traballo anterior

O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a catro ante o Romai-Viveiros Outón no partido que os mediu no campo de O Leixo na tarde deste sábado. A contundencia do resultado non se corresponde cos argumentos que un e outro conxunto espuxeron sobre a area do terreo de xogo do lugar de O Busto, xa que aínda que os visitantes fixeron quizais máis méritos para levarse os tres puntos, o máis xusto sería que finalizasen cun marcador máis apretado. Os locais presentaron un once inicial con Joserra na portería, Portas, Óscar, Carlos e Jorge Dávila na defensa, Marcial, Jorge Castro, Cacabelos, Rafa e Alfonso na liña medular, e con Galiñanes como único atacante. Dende os primeiros minutos os de Romai mostraron maior contundencia física e un ritmo de xogo superior, pero os verdinegros souberon responder con orde táctica, sen complicarse na liña defensiva e buscando a portería contraria guiados pola calidade de Jorge Castro e recurrindo quizais en exceso ao fútbol directo. Foi precisamente o dianteiro de Vilar o que adiantou aos locais, resolvendo con mestría un balón que recibiu en profundidade. Co resultado a favor o Armenteira Veteranos parecía atoparse cada vez máis cómodo. Pero houbo dúas xogadas que marcaron o rumbo final do encontro e deron ao traste coas súas aspiracións. No último minuto deste primeiro período, tras un saque de falta dos visitantes o coiro escapouse das garras do meta Joserra, e nin sequera os intento de evitar o tanto dun defensor verdinegro foi posible, ao golpear o seu despexe de cabeza baixo na liña de gol no pau longueiro e acabar finalmente no interior das mallas locais. Se este gol resultou psicolóxico tamén o foi unha acción na que Jorge Castro foi agarrado por un defensa cando se encamiñaba cara a portería rival. As reclamacións de penalti dos futbolistas do Armenteira Veteranos non foron atendidas polo colexiado García Pousada, que incluso acabaría amosando cartóns amarelos polas protestas a Manueliño e Cacabelos. As oportunidades de triunfo para os locais comezaron a derrubarse tras esta xogada. Unha combinación dos de Romai era rematada sen demasiada oposición dentro da área por Felipe Lafuente e, xa nos minutos finais, Mikel Baños e Miguel Calvo sentenciaban e colocaban un resultado excesivamente abultado para os méritos de ambas escadras. A sorte e o acerto estiveron neste caso do lado dos visitantes, que tras esta vitoria se sitúa na segunda posición con corenta e catro puntos, os mesmos que o equipo que o segue na clasificación, o Bar Santiaguiño. Pola súa contra o Armenteira Veteranos mantense na décima praza con vintecatro puntos. Os resultados non están acompañando nesta segunda volta da competición ao conxunto que preside José Luis Galiñanes, que ve como a zona media-alta da táboa lle queda cada vez máis lonxe. A próxima fin de semana tratará de remediar esta deriva tan desfavorable na cita que o agarda ante no campo de A Senra-2, en Ribadumia, ante o Sisán Veteranos, sétimo clasificado con trinta e cinco puntos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario