Buscar neste blog

sábado, 18 de febreiro de 2017

O Armenteira Veteranos deixa escapar de novo dous puntos no último suspiro

O Armenteira Veteranos conseguiu empatar a dous goles no partido que disputou na tarde deste sábado ante o Sisán Veteranos no campo de A Senra-2. O resultado, que a priori pode resultar meritorio, deixa un mal sabor de boca para os verdinegros tendo en conta como se produciu o desenlace do encontro, especialmente nos intres finais. O cadro de A Armenteira presentou un once inicial con Joserra coma gardamallas, Richi, Óscar, Marcos e Portas na liña defensiva, Marcial, Martín, Jorge Castro e Alfonso no mediocampo, e Galiñanes e Manueliño na dianteira. O regreso de Martín tras recuperarse dun esguince de xeonllo era a principal novidade que mostraron os verdinegros nas modernas instalacións deportivas de Ribadumia. Dende os primeiros minutos os locais asumiron a posesión do balón. O bo manexo do coiro, que facían circular coa fluídez e o sentido máis característico dun equipo de fútbol-sala, otorgoulles o control do xogo, ante o que o Armenteira Veteranos agardaba ordenado no seu campo e buscaba cando podía aos seus atacantes con lanzamentos en longo. Un desaxuste defensivo dos visitantes deu lugar a unha xogada por banda esquerda do Sisán Veteranos, que caiu dentro da área nos pés de Pedro Falcón, que non perdonaría. Con esta vantaxe a situación era máis que propicia para que os locais acabasen facéndose cos tres puntos. Pero non foi así. Os de O Leixo comezaron pouco a pouco a reaccionar, ganando as disputas de balón grazas á súa maior velocidade de anticipación e, en base á súa actitude sempre loitadora e a unha condición física superior á do rival, emprenderon a díficil tarefa de lograr os tres puntos. Dúas ocasións claras nas que Jorge Castro se plantou só ante o meta Rafa Novo foron o aviso do que ocorrería na segunda metade. O abandono do terreo de xogo de Martín, Alfonso, Richi e Manueliño, que debían atender aos seus compromisos profesionais, deixou en cadro aos verdinegro pero non os privou da ambición da vitoria. Unha sensacional volea de Galiñanes poñía a igualada, e tras un interncambio de golpes chegaría un frenético final de encontro. O penalti cometido por Javier Gómez sobre Jorge Castro cando este se presentaba en solitario ante o meta local, e que conlevou a expulsión con cartón vermello directo do defensor, foi transformado polo atacante de Vilar para adiantar ao seu equipo. Pero nada máis sacar de centro, xa no minuto 89, outro penalti, neste caso a prol do Sisán Veteranos, foi convertido en gol de novo por Pedro Falcón, para establecer o resultado final de empate a dous. Despois desta emocionante e intensa xornada o Armenteira Veteranos continúa na décima posición con vintecinco puntos. A próxima cita para os de O Leixo, despois do breve parón de Entroido, será o 4 de marzo cando reciban ao Cafetería Impacto-Mosteiro, quinto clasificado con trinta e oito puntos, reeditando un novo e atractivo derbi entre os dous únicos clubes da categoría de veteranos que existen no concello de Meis.


Ningún comentario:

Publicar un comentario