Buscar neste blog

domingo, 12 de febreiro de 2017

O C. Xuventude Cambados impón a súa superioridade sobre o equipo feminino do Armenteira C.F. en O Pombal

O equipo feminino C. Xuventude Cambados venceu con claridade ao Armenteira C.F. no partido disputado na tarde deste domingo no campo de O Pombal. Nunha tarde fría e chuviosa as rapazas que adestran Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros non tiveron opcións ante un rival máis experimentado e con xogadoras que marcan a diferenza na categoría e que acabou vencendo por sete goles a un. O cadro técnico verdinegro presentou un once inicial con Uxía baixo paus, Fátima, Alessandra, Karla e Laura en defensa, Raquel, Diana e Ana Martínez na zona central do mediocampo, Ana Lorenzo e Paula polos costados e Mar na liña de ataque. A rápida vantaxe coa que se atoparon as locais nada máis comezar condicionou o desenvolvemento do encontro. Dous goles de Lara Piñeiro poñían por diante ás cambadesas cando apenas se levaban tres minutos de encontro. E sería esta xogadora a protagonista dos seguintes goles para o seu equipo. Ata catro goles anotou esta talentosa dianteira nos corenta minutos nos que compareceu sobre o céspede artificial de O Pombal. Co resultado en contra e condenadas a unha nova derrota as de A Armenteira só puideron ofrecer loita e intensidade no xogo. Nunha das súas aproximacións á área rival unha man dunha defensora do C. Xuventude Cambados derivou nunha pena máxima que transformou con mestría Ana Martínez. Houbo máis ocasións para que as verdinegras marcasen, a máis clara estivo nos pés de Raquel, pero a escasa fortuna e a falta de acerto impediron que o lograsen. A contundencia no corte de Alessandra ou Diana, a pelexa constante de Karla, a calidade de Ana Martínez ou a profundidade por banda de Paula son algúns dos aspectos máis positivas que estas rapazas levan desta nova experiencia de fútbol. A nota negativa foi sen dúbida as lesións de Fátima, un esguince de xeonllo segundo indican as probas realizadas, e de Karla, que se retirou cunha forte dor no abdome. Este resultado mantén ao Armenteira C.F. na duodécima posición, á espera de recibir o próximo domingo no campo de O Leixo a outro difícil rival, o C.D. Conxo, cuarto clasificado con trinta e seis puntos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario