A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, a nova asociación veciñal nacida co impulso dun grupo de persoas da parroquia iniciou este venres a súa andaina cun acto de presentación pública ao que convidaron á veciñanza, así como aos representantes das demais entidades da parroquia, dos grupos políticos con representación no concello de Meis e aos medios de comunicación. Máis de medio centenar de asistentes déronse cita na Casa de Cultura, un lugar emblemático que leva sendo motivo de conflito nos últimos anos a causa da instalación do albergue de peregrinos e a progresiva restricción dos usos veciñais nun local cedido polas xentes da parroquia e sufragado en parte coa aportación da C.M.V.M.C. Chan do Fento e do cal os veciños puideron volver disfrutar dun acto que por esta razón adquiriu xa un carácter simbólico. A apertura do evento correu a cargo de María Carramal, unha das principais impulsoras da sociedade, que deu a benvida aos asistentes e presentou un a un aos seus compañeiros e compañeiras. A continuación fixo a súa intervención Martín Casais, presidente da asociación que, tras agradecer a masiva afluencia, explicou os motivos que os levaron a por en marcha este proxecto e os obxectivos e ideais cos que parten. O vicepresidente Javier Limeres espuxo as demandas, as propostas e as actividades a realizar, e Jorge Dávila, o secretario, detallou algún dos aspectos básicos de funcionamento da entidade, con especial referencia ás formas de asociación. O acto pechouse coa quenda de rogos e preguntas, na que os veciños e veciñas expresaron súas reividicacións respecto da urxencia da concentración parcelaria, da extensión do saneamento a todos os lugares da parroquia, da necesidade de ampliación do cemiterio, da mellora dos viais, da falta de puntos de luz ou da preocupación polo futuro do colexio e suxeriron actividades e cursos a realizar. De todo elo tomaron nota os representantes do Partido Popular, do PSOE e do BNG, así como o alcalde José Luis Pérez Estévez, que deron a noraboa e mostraron o seu apoio aos impulsores da iniciativa. Martín Casais, Javier Limeres, Jorge Dávila, Cristina Gallo, María Carramal, Iván Borrageiros, Eva Varela, Isidoro Martínez e Marta Martínez serán agora os encargados de dirixir o rumbo dunha nave que xurde coa intención de convertirse na "casa común" de todos os veciños e veciñas para darlle forma e presentar ante as administracións competentes as demandas, as propostas e as ideas que estes lles plantexen e de desenvolver todo o tipo de actividades en beneficio da parroquia e da súa xente.
Buscar neste blog
venres, 10 de marzo de 2017
luns, 6 de marzo de 2017
A nova asociación veciñal de A Armenteira prepara o acto de presentación do próximo venres
A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, nome co que decidiron bautizar a esta nova entidade o grupo de persoas que a leva promovendo dende fai uns meses ultima estes días os preparativos para o acto de presentación que terá lugar o próximo venres día 10 de marzo na Casa de Cultura da parroquia. Segundo indican os carteis informativos que están colocando por distintos lugares da parroquia, no acto presentarase publicamente aos integrantes da Xunta Directiva e expoñeranse os principios e os fins cos que nace así como a forma de funcionamento e as normas que regulan a asociación. Para finalizar haberá un momento para que os asistentes resolvan as súas dúbidas e plantexen as súas demandas e as súas propostas aos membros do equipo directivo que, como eles mesmos afirman, pretenden crear unha entidade que defenda os intereses dos veciños e veciñas e os represente ante as distintas administracións públicas, que organice todo tipo de actividades dirixidas á xentes do lugar e á parroquia en xeral e, sobre todo, que se converta na "casa común" para todos os veciños e veciñas de A Armenteira, unha casa aberta e participativa, na que todos e todas poidan colaborar, opinar e aportar ideas. E para comezar elixiron o escenario máis oportuno, a Casa de Cultura, un local que nos últimos tempos está sendo motivo de conflito e que este venres volverá estar a disposición da veciñanza para este importante evento.
domingo, 5 de marzo de 2017
O equipo feminino do Armenteira C.F. planta cara á S.D. Pontearnelas en As Chans
O equipo feminino do Armenteira C.F. realizou un máis que aceptable partido e plantou cara á S.D. Pontearnelas no partido disputado na tarde deste domingo no campo de As Chans, no que as locais que acabarían levando o triunfo por tres goles a cero. O cadro adestrado por Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou un once inicial con Uxía na portería, Laura, Alessandra, Diana e Fátima en defensa, Raquel, Nerea e Ana Martínez no mediocampo, Ana Abal e Paula polos costados, e Mar na dianteira. A principal novidade das de O Leixo era a volta ao equipo de Nerea, unha futbolista que tivo que trasladarse a terras castelás por motivos laborais e que regresaba esta fin de semana aproveitando os días de descanso antes de voltar á Meseta. Nada máis dar comezo o encontro, un saque de córner das rapazas da S.D. Pontearnelas que Fátima tratou de despexar no primeiro pau, terminaríase colando nas mallas defendidas por Uxía. A pesares do mazazo que supuxo este tanto, as de A Armenteira repuxéronse e procuraron manter a compostura e a orde no campo. Unha internada pola banda esquerda deixaría o coiro nos pés de Jessica Janeiro, que non perdonou. Con todo, as xogadoras verdinegras seguiron loitando, cunha Diana moi seria no corte, coa dirección no mediocampo de Ana Martínez, coa profundidade que aportaba Paula por banda e, sobre todo, polo bo traballo e o sacrificio colectivo. Só nunha ocasión conseguiron perforar as locais a meta de Uxía neste segundo período, e sería de novo por mediación de Jessica Janeiro, que volvería culminar na área pequena unha asistencia recibida dende o lado esquerdo. Para as visitantes a ocasión máis clara estivo nos pés de Paula, pero a extremo de Pontevedra non estivo acertada ante Estefanía Soto, enviando o balón pegado ao pau esquerdo. A próxima fin de semana as mozas do clube verdinegro buscarán unha nova oportunidade de puntuar na cita que terán no campo de O Leixo ante o C.D. Unión. O conxunto de Rianxo conta unicamente con tres puntos máis có Armenteira C.F., polo que poder ser unha situación propicia para aumentar o casilleiro de puntos.
Triunfo dun equipo alevín do Armenteira C.F. que se mostrou superior en Marín
O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu por dous goles a catro á E.F. Villa de Marín no partido que mediu a ámbolos dous conxuntos na mañá deste domingo no campo de San Pedro. O cadro que dirixe Luis Barral afrontaba unha das citas máis esixentes do que resta de temporada, xa que só tres puntos separaban aos verdinegros dos marinenses. O técnico de Barrantes presentou un equipo inicial con Jose Domínguez baixo paus, Fran e Adri coma centrais, Javi por diante da defensa, Íñigo coma mediocentro, Manu Meixús e Junior nas bandas e Brais Santamaría en ataque. O dominio correspondeu dende o primeiro minuto ao conxunto verdinegro, que mantiña a posesión do balón e trataba de entrar por banda e buscar a un Brais Santamaría que non conseguía atopar situación claras de remate. A boa colocación en defensa da E.F. Villa de Marín e a acertada actuación do seu gardamallas Omar Khelifa comezaba a desesperar á nutrida afección que acudiu a animar aos de A Armenteira. Non sería ata o último minuto da primeira metade cando os de Luis Barral lograrían romper o entramado defensivo dos locais. Tras un saque de córner efectuado por Manu Meixús o balón caiu dentro da área na perna dereita de Adri, que enganchou unha excepcional volea ante a que nada puido facer o meta marinense. Coa vantaxe que daba o marcador os de O Leixo saíron con máis confianza na segunda metade. Chegou entón o momento de Manu Meixús, que unha vez máis se mostrou tremendamente incisivo pola banda dereita e, valéndose da súa enorme capacidade para diblar e definir, soubo culminar as boas asitencias que os seus compañeiros lle deron e acadar tres goles consecutivos para asegurar un triunfo máis para o Armenteira C.F. Un discutido penalti que o colexiado Santiago Iglesias sinalizou cando Álex Grigorio se arrastrou para ceder un balón a Sergio Matilde, e que foi transformado por Marcos González e outro tanto deste mesmo xogador nos intres finais puxeron algo de emoción a un partido que se levou con absoluta xustiza unha escadra verdinegra que, sen estar excesivamente brillante, si se demostrou superior e merecedora de levarse tres novos puntos que a consolidan na segunda praza da táboa clasificatoria. A próxima fin de semana os rapaces que adestra Luis Barral terán outra difícil cita, e será no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados, terceiro clasificado por dezaoito puntos, tres menos cós de A Armenteira.
O equipo infantil do Armenteira C.F. sentenza na segunda metade en Berdón
O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou unha clara vitoria por un gol a seis no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de Berdón ante o C. Vilagarcía S.D. "B". Con todo, a contundencia do resultado non se corresponde coa imaxe que deu o equipo que dirixe Valentín Estévez "Tilín", que deixou moitas dúbidas en varias fases do encontro. O técnico cambadés presentou un once inicial formado por Sergio na portería, Migui, Xoán, Sebas e Santi en defensa, Carlos e Jose Otero na zona de creación, Álex Ruel e Mosteiro polos costados, Hugo na mediapunta e Piñeiro como futbolista máis avanzado. A primeira parte caracterizouse polas impresicións e pola escasa fluidez no xogo por parte de ámbolos dous conxuntos. Un magnífico centro dende a banda dereita de Álex Ruel sería rematado de forma extraordinaria por Jose Otero para adiantar aos verdinegros. Axiña viría a resposta dos vilagarciáns, que empatarían por mediación de Roque Blanco, pero enseguida chegou a reacción por parte dun activo Álex Ruel, que permitiría que o seu equipo se fose con vantaxe ao descanso. Na segunda metade a superioridade do Armenteira C.F. foi aínda máis evidente, sentíndose cada vez máis cómodo sobre o terreo de xogo e facendo disfrutar aos afeccionados que os acompañaron con momentos de fútbol dinámico e combinativo, ao tempo que ían aumentando a renda no marcador. Piñeiro, Hugo, Migui e Andrés Liu completarían o botín goleador que os de O Leixo se trouxeron de Berdón. Chama a atención o tanto logrado de cabeza por Migui, pouco acostumado a anotar goles dese tipo, xa que se trata do futbolista de menor estatura do equipo. Con este triunfo o cadro que adestra "Tilín" sitúase na oitava posición, con trinta e dous puntos, da que tratará de ascender a próxima fin de semana no encontro que o medirá no campo de O Leixo á A.D. Arousa F-7, un conxunto que ocupa a décimo sexta praza e que aínda non conseguiu sumar ningún punto no que levamos de liga.
sábado, 4 de marzo de 2017
O Armenteira Veteranos entrega os tres puntos nos pés de Ricardo
O Armenteira Veteranos sufriu unha derrota por dous goles a tres no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de O Leixo ante o Cafetería Impacto-Mosteiro, no que representou un novo derbi municipal entre os dous equipos de categoría de veteranos que existen no concello de Meis. O cadro verdinegro presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Portas, Carlos e Óscar en defensa, Pellejo, Cacabelos, Jorge Castro e Alfonso no mediocampo, e Manueliño e Galiñanes na liña de ataque. Os primeiros minutos foron de tanteo, nos que os do O Mosteiro mostraban maior capacidade combinativa, sobre todo grazas á habilidade para xogar de costas e á calidade técnica do seu dianteiro Ero Pons, que se convertiu nun verdadeiro quebracabezas para os locais. Pese ás imprecisións do Armenteira Veteranos, que dificilmente conseguía enfiar xogadas de máis de tres toques seguidos e que recurría con demasiada insistencia ao fútbol directo, serían eles o encargados de inaugurar o marcador. Unha perfecta asistencia de Cacabelos foi aproveitada en velocidade por Manueliño para poñer o un a cero co que se chegaría ao descanso. Foi no segundo período no que se produciría un feito determinante, a incorporación ao terreo de xogo de Ricardo Fernández, un dos futbolistas de maior nivel dos que militan neste Grupo 1 da Segunda autonómica de veteranos e que no seu día defendeu ás cores do Pontevedra C.F. na Segunda División B, do C.D. Mosteiro na Terceira División, ou do C.D. Ribadumia, ao que levou á Rexional Preferente desempeñando o dobre papel de xogador e adestrador. Bastáronlle corenta minutos ao grovense para decantar o encontro para os visitantes, pero os méritos habería que atribuílos máis aos erros dos locais que á excelente clase do dianteiro meco. Primeiro foi un lanzamento de córner directo, logo un lanzamento no que golpeou mal o esférico, despitando ao meta Joserra e colándoselle polo medio das pernas e, finalmente, unha indecisión entre o propio Joserra e o defensa Óscar ao solventar unha cesión aos pés do porteiro deixaría o coiro en poder dun Ricardo que resolveu coa súa habitual mestría. De pouco valeu o arreón final do Armenteira Veteranos, que conseguiría reducir distancias cun penalti provocado e materializado por Jorge Castro, pero que non tería máis tempo de reacción ao decretar Otero Rodríguez a finalización do encontro engadindo unicamente uns segundos de prolongación. O colexiado non tivo en conta as diversas interrupcións deste segundo período, no que o xogo estivo parado entre outros motivos pola lesión de Pellejo, que tivo que retirarse do campo cunha forte dor no nocello, ou de Ricardo Férnández, que nos intres finais abandonou o terreo de xogo queixándose das costas. Esta derrota mantén ao Armenteira Veteranos na décima posición con vintecinco puntos, da que tratará de saír o próximo sábado no duelo de rivalidade que o medirá no campo de A Bouza, en Barrantes, ao Boa Vila-Umia C.F., sétimo clasificado con trinta e oito puntos.
Derbi municipal de categoría benxamín cunha primeira metade igualada
O C.D. Mosteiro e o Armenteira C.F. viviron na mañá deste sábado, no campo Municipal de Zacande, un novo derbi municipal que volveu medir aos dous clubes con categorías de fútbol base do concello de Meis. Neste caso foron os equipos alevíns os que se mediron sobre o tapete de céspede artificial da parroquia de San Vicente de Meis. A sensible baixa de última hora de Ainoha condicionou o equipo inicial que presentou o cadro técnico que forman Luis e Alba Barral. Con Sara Otero baixo paus, Saray, Ramón e Borja en defensa, Lucas Otero, Óscar Lois e Brais Charlín na liña de medios, e Uxía como futbolista máis adiantada presentáronse os de O Leixo nun partido que se caracterizou pola igualdade e a sucesión de alternativas durante o primeiro período, pero que acabou caíndo do lado dos de O Mosteiro ao desmoronarse a estrutura táctica verdinegra tras o descanso. Ao tanto de Lucas Blanco, que poñía por diante aos locais, respondía pouco despois Óscar Lois tras enganchar unha magnífica volea tras un saque de córner efectuado por Brais Charlín. Con este marcador chegaríase ao tempo de lecer e, a partir de entón, os da capital municipal comezaron a tomar vantaxe mentres contemplaban como o Armenteira C.F. ía descoidando pouco a pouco a orde e a colocación a medida que os goles se colaban nas mallas defendidas por Sara Otero. Un balón en profundidade recollido por Iván Sabarís, nunha xogada na que Ramón se quedou coma único defensor, non foi desaproveitado polo atacante do C.D. Mosteiro para poñer o dous a un no marcador. As esperanzas verdinegras rematarían cando de novo Iván Sabarís colocaba un disparo dende o borde da área no fondo da rede dun conxunto visitante que se afundiu nos últimos minutos e acabou sendo derrotado por sete goles a un. A próxima fin de semana os nenos e nenas que dirixen Luis e Alba Barral terán unha nova oportunidade de puntuar no duelo que os enfrontará a próxima fin de semana á A.C.D. Ancorad´ouro F.S., que ocupa a sétima praza con tres puntos, os mesmos que suma o cadro de A Armenteira.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






