Buscar neste blog

sábado, 4 de marzo de 2017

Derbi municipal de categoría benxamín cunha primeira metade igualada

O C.D. Mosteiro e o Armenteira C.F. viviron na mañá deste sábado, no campo Municipal de Zacande, un novo derbi municipal que volveu medir aos dous clubes con categorías de fútbol base do concello de Meis. Neste caso foron os equipos alevíns os que se mediron sobre o tapete de céspede artificial da parroquia de San Vicente de Meis. A sensible baixa de última hora de Ainoha condicionou o equipo inicial que presentou o cadro técnico que forman Luis e Alba Barral. Con Sara Otero baixo paus, Saray, Ramón e Borja en defensa, Lucas Otero, Óscar Lois e Brais Charlín na liña de medios, e Uxía como futbolista máis adiantada presentáronse os de O Leixo nun partido que se caracterizou pola igualdade e a sucesión de alternativas durante o primeiro período, pero que acabou caíndo do lado dos de O Mosteiro ao desmoronarse a estrutura táctica verdinegra tras o descanso. Ao tanto de Lucas Blanco, que poñía por diante aos locais, respondía pouco despois Óscar Lois tras enganchar unha magnífica volea tras un saque de córner efectuado por Brais Charlín. Con este marcador chegaríase ao tempo de lecer e, a partir de entón, os da capital municipal comezaron a tomar vantaxe mentres contemplaban como o Armenteira C.F. ía descoidando pouco a pouco a orde e a colocación a medida que os goles se colaban nas mallas defendidas por Sara Otero. Un balón en profundidade recollido por Iván Sabarís, nunha xogada na que Ramón se quedou coma único defensor, non foi desaproveitado polo atacante do C.D. Mosteiro para poñer o dous a un no marcador. As esperanzas verdinegras rematarían cando de novo Iván Sabarís colocaba un disparo dende o borde da área no fondo da rede dun conxunto visitante que se afundiu nos últimos minutos e acabou sendo derrotado por sete goles a un. A próxima fin de semana os nenos e nenas que dirixen Luis e Alba Barral terán unha nova oportunidade de puntuar no duelo que os enfrontará a próxima fin de semana á A.C.D. Ancorad´ouro F.S., que ocupa a sétima praza con tres puntos, os mesmos que suma o cadro de A Armenteira.


Ningún comentario:

Publicar un comentario