Buscar neste blog

domingo, 5 de marzo de 2017

Triunfo dun equipo alevín do Armenteira C.F. que se mostrou superior en Marín

O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu por dous goles a catro á E.F. Villa de Marín no partido que mediu a ámbolos dous conxuntos na mañá deste domingo no campo de San Pedro. O cadro que dirixe Luis Barral afrontaba unha das citas máis esixentes do que resta de temporada, xa que só tres puntos separaban aos verdinegros dos marinenses. O técnico de Barrantes presentou un equipo inicial con Jose Domínguez baixo paus, Fran e Adri coma centrais, Javi por diante da defensa, Íñigo coma mediocentro, Manu Meixús e Junior nas bandas e Brais Santamaría en ataque. O dominio correspondeu dende o primeiro minuto ao conxunto verdinegro, que mantiña a posesión do balón e trataba de entrar por banda e buscar a un Brais Santamaría que non conseguía atopar situación claras de remate. A boa colocación en defensa da E.F. Villa de Marín e a acertada actuación do seu gardamallas Omar Khelifa comezaba a desesperar á nutrida afección que acudiu a animar aos de A Armenteira. Non sería ata o último minuto da primeira metade cando os de Luis Barral lograrían romper o entramado defensivo dos locais. Tras un saque de córner efectuado por Manu Meixús o balón caiu dentro da área na perna dereita de Adri, que enganchou unha excepcional volea ante a que nada puido facer o meta marinense. Coa vantaxe que daba o marcador os de O Leixo saíron con máis confianza na segunda metade. Chegou entón o momento de Manu Meixús, que unha vez máis se mostrou tremendamente incisivo pola banda dereita e, valéndose da súa enorme capacidade para diblar e definir, soubo culminar as boas asitencias que os seus compañeiros lle deron e acadar tres goles consecutivos para asegurar un triunfo máis para o Armenteira C.F. Un discutido penalti que o colexiado Santiago Iglesias sinalizou cando Álex Grigorio se arrastrou para ceder un balón a Sergio Matilde, e que foi transformado por Marcos González e outro tanto deste mesmo xogador nos intres finais puxeron algo de emoción a un partido que se levou con absoluta xustiza unha escadra verdinegra que, sen estar excesivamente brillante, si se demostrou superior e merecedora de levarse tres novos puntos que a consolidan na segunda praza da táboa clasificatoria. A próxima fin de semana os rapaces que adestra Luis Barral terán outra difícil cita, e será no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados, terceiro clasificado por dezaoito puntos, tres menos cós de A Armenteira.


Ningún comentario:

Publicar un comentario