Buscar neste blog

domingo, 5 de marzo de 2017

O equipo infantil do Armenteira C.F. sentenza na segunda metade en Berdón

O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou unha clara vitoria por un gol a seis no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de Berdón ante o C. Vilagarcía S.D. "B". Con todo, a contundencia do resultado non se corresponde coa imaxe que deu o equipo que dirixe Valentín Estévez "Tilín", que deixou moitas dúbidas en varias fases do encontro. O técnico cambadés presentou un once inicial formado por Sergio na portería, Migui, Xoán, Sebas e Santi en defensa, Carlos e Jose Otero na zona de creación, Álex Ruel e Mosteiro polos costados, Hugo na mediapunta e Piñeiro como futbolista máis avanzado. A primeira parte caracterizouse polas impresicións e pola escasa fluidez no xogo por parte de ámbolos dous conxuntos. Un magnífico centro dende a banda dereita de Álex Ruel sería rematado de forma extraordinaria por Jose Otero para adiantar aos verdinegros. Axiña viría a resposta dos vilagarciáns, que empatarían por mediación de Roque Blanco, pero enseguida chegou a reacción por parte dun activo Álex Ruel, que permitiría que o seu equipo se fose con vantaxe ao descanso. Na segunda metade a superioridade do Armenteira C.F. foi aínda máis evidente, sentíndose cada vez máis cómodo sobre o terreo de xogo e facendo disfrutar aos afeccionados que os acompañaron con momentos de fútbol dinámico e combinativo, ao tempo que ían aumentando a renda no marcador. Piñeiro, Hugo, Migui e Andrés Liu completarían o botín goleador que os de O Leixo se trouxeron de Berdón. Chama a atención o tanto logrado de cabeza por Migui, pouco acostumado a anotar goles dese tipo, xa que se trata do futbolista de menor estatura do equipo. Con este triunfo o cadro que adestra "Tilín" sitúase na oitava posición, con trinta e dous puntos, da que tratará de ascender a próxima fin de semana no encontro que o medirá no campo de O Leixo á A.D. Arousa F-7, un conxunto que ocupa a décimo sexta praza e que aínda non conseguiu sumar ningún punto no que levamos de liga.


Ningún comentario:

Publicar un comentario