O Armenteira Veteranos sufriu unha derrota por dous goles a tres no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de O Leixo ante o Cafetería Impacto-Mosteiro, no que representou un novo derbi municipal entre os dous equipos de categoría de veteranos que existen no concello de Meis. O cadro verdinegro presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Portas, Carlos e Óscar en defensa, Pellejo, Cacabelos, Jorge Castro e Alfonso no mediocampo, e Manueliño e Galiñanes na liña de ataque. Os primeiros minutos foron de tanteo, nos que os do O Mosteiro mostraban maior capacidade combinativa, sobre todo grazas á habilidade para xogar de costas e á calidade técnica do seu dianteiro Ero Pons, que se convertiu nun verdadeiro quebracabezas para os locais. Pese ás imprecisións do Armenteira Veteranos, que dificilmente conseguía enfiar xogadas de máis de tres toques seguidos e que recurría con demasiada insistencia ao fútbol directo, serían eles o encargados de inaugurar o marcador. Unha perfecta asistencia de Cacabelos foi aproveitada en velocidade por Manueliño para poñer o un a cero co que se chegaría ao descanso. Foi no segundo período no que se produciría un feito determinante, a incorporación ao terreo de xogo de Ricardo Fernández, un dos futbolistas de maior nivel dos que militan neste Grupo 1 da Segunda autonómica de veteranos e que no seu día defendeu ás cores do Pontevedra C.F. na Segunda División B, do C.D. Mosteiro na Terceira División, ou do C.D. Ribadumia, ao que levou á Rexional Preferente desempeñando o dobre papel de xogador e adestrador. Bastáronlle corenta minutos ao grovense para decantar o encontro para os visitantes, pero os méritos habería que atribuílos máis aos erros dos locais que á excelente clase do dianteiro meco. Primeiro foi un lanzamento de córner directo, logo un lanzamento no que golpeou mal o esférico, despitando ao meta Joserra e colándoselle polo medio das pernas e, finalmente, unha indecisión entre o propio Joserra e o defensa Óscar ao solventar unha cesión aos pés do porteiro deixaría o coiro en poder dun Ricardo que resolveu coa súa habitual mestría. De pouco valeu o arreón final do Armenteira Veteranos, que conseguiría reducir distancias cun penalti provocado e materializado por Jorge Castro, pero que non tería máis tempo de reacción ao decretar Otero Rodríguez a finalización do encontro engadindo unicamente uns segundos de prolongación. O colexiado non tivo en conta as diversas interrupcións deste segundo período, no que o xogo estivo parado entre outros motivos pola lesión de Pellejo, que tivo que retirarse do campo cunha forte dor no nocello, ou de Ricardo Férnández, que nos intres finais abandonou o terreo de xogo queixándose das costas. Esta derrota mantén ao Armenteira Veteranos na décima posición con vintecinco puntos, da que tratará de saír o próximo sábado no duelo de rivalidade que o medirá no campo de A Bouza, en Barrantes, ao Boa Vila-Umia C.F., sétimo clasificado con trinta e oito puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario