Buscar neste blog

domingo, 5 de marzo de 2017

O equipo feminino do Armenteira C.F. planta cara á S.D. Pontearnelas en As Chans

O equipo feminino do Armenteira C.F. realizou un máis que aceptable partido e plantou cara á S.D. Pontearnelas no partido disputado na tarde deste domingo no campo de As Chans, no que as locais que acabarían levando o triunfo por tres goles a cero. O cadro adestrado por Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou un once inicial con Uxía na portería, Laura, Alessandra, Diana e Fátima en defensa, Raquel, Nerea e Ana Martínez no mediocampo, Ana Abal e Paula polos costados, e Mar na dianteira. A principal novidade das de O Leixo era a volta ao equipo de Nerea, unha futbolista que tivo que trasladarse a terras castelás por motivos laborais e que regresaba esta fin de semana aproveitando os días de descanso antes de voltar á Meseta. Nada máis dar comezo o encontro, un saque de córner das rapazas da S.D. Pontearnelas que Fátima tratou de despexar no primeiro pau, terminaríase colando nas mallas defendidas por Uxía. A pesares do mazazo que supuxo este tanto, as de A Armenteira repuxéronse e procuraron manter a compostura e a orde no campo. Unha internada pola banda esquerda deixaría o coiro nos pés de Jessica Janeiro, que non perdonou. Con todo, as xogadoras verdinegras seguiron loitando, cunha Diana moi seria no corte, coa dirección no mediocampo de Ana Martínez, coa profundidade que aportaba Paula por banda e, sobre todo, polo bo traballo e o sacrificio colectivo. Só nunha ocasión conseguiron perforar as locais a meta de Uxía neste segundo período, e sería de novo por mediación de Jessica Janeiro, que volvería culminar na área pequena unha asistencia recibida dende o lado esquerdo. Para as visitantes a ocasión máis clara estivo nos pés de Paula, pero a extremo de Pontevedra non estivo acertada ante Estefanía Soto, enviando o balón pegado ao pau esquerdo. A próxima fin de semana as mozas do clube verdinegro buscarán unha nova oportunidade de puntuar na cita que terán no campo de O Leixo ante o C.D. Unión. O conxunto de Rianxo conta unicamente con tres puntos máis có Armenteira C.F., polo que poder ser unha situación propicia para aumentar o casilleiro de puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario