Buscar neste blog

venres, 10 de marzo de 2017

A nova asociación veciñal de A Armenteira comeza a súa andaina na Casa de Cultura

A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, a nova asociación veciñal nacida co impulso dun grupo de persoas da parroquia iniciou este venres a súa andaina cun acto de presentación pública ao que convidaron á veciñanza, así como aos representantes das demais entidades da parroquia, dos grupos políticos con representación no concello de Meis e aos medios de comunicación. Máis de medio centenar de asistentes déronse cita na Casa de Cultura, un lugar emblemático que leva sendo motivo de conflito nos últimos anos a causa da instalación do albergue de peregrinos e a progresiva restricción dos usos veciñais nun local cedido polas xentes da parroquia e sufragado en parte coa aportación da C.M.V.M.C. Chan do Fento e do cal os veciños puideron volver disfrutar dun acto que por esta razón adquiriu xa un carácter simbólico. A apertura do evento correu a cargo de María Carramal, unha das principais impulsoras da sociedade, que deu a benvida aos asistentes e presentou un a un aos seus compañeiros e compañeiras. A continuación fixo a súa intervención Martín Casais, presidente da asociación que, tras agradecer a masiva afluencia, explicou os motivos que os levaron a por en marcha este proxecto e os obxectivos e ideais cos que parten. O vicepresidente Javier Limeres espuxo as demandas, as propostas e as actividades a realizar, e Jorge Dávila, o secretario, detallou algún dos aspectos básicos de funcionamento da entidade, con especial referencia ás formas de asociación. O acto pechouse coa quenda de rogos e preguntas, na que os veciños e veciñas expresaron súas reividicacións respecto da urxencia da concentración parcelaria, da extensión do saneamento a todos os lugares da parroquia, da necesidade de ampliación do cemiterio, da mellora dos viais, da falta de puntos de luz ou da preocupación polo futuro do colexio e suxeriron actividades e cursos a realizar. De todo elo tomaron nota os representantes do Partido Popular, do PSOE e do BNG, así como o alcalde José Luis Pérez Estévez, que deron a noraboa e mostraron o seu apoio aos impulsores da iniciativa. Martín Casais, Javier Limeres, Jorge Dávila, Cristina Gallo, María Carramal, Iván Borrageiros, Eva Varela, Isidoro Martínez e Marta Martínez serán agora os encargados de dirixir o rumbo dunha nave que xurde coa intención de convertirse na "casa común" de todos os veciños e veciñas para darlle forma e presentar ante as administracións competentes as demandas, as propostas e as ideas que estes lles plantexen e de desenvolver todo o tipo de actividades en beneficio da parroquia e da súa xente.







Ningún comentario:

Publicar un comentario