Buscar neste blog

domingo, 10 de decembro de 2017

Aceptable imaxe do equipo infantil do Armenteira C.F. ante a S.D. Amanecer no campo Municipal de Zacande

O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por cero goles a tres no partido disputado na tarde deste sábado ante a S.D. Amanecer. Foi nun encontro que tivo que disputarse finalmente no campo Municipal de Zacande debido á intensa néboa que cubría o campo de O Leixo e a falta de suministro de auga nestas instalacións deportivas. As xestións da Xunta Directiva e o acordo co clube visitante permitiron que o partido se trasladase ata Zacande e a xornada se desenvolvese con normalidade para este equipo. No terreo deportivo foi o conxunto verdinegro deu unha aceptable imaxe, competindo en todo momento cun cadro que ocupa o liderato do grupo e dispoñendo incluso de ocasións para poder levarse polo menos un punto. O corpo técnico que forman Luis e Alba Barral presentou un once inicial con Sergio Casal en portería, Migui, Xoán, Adri e Fran en defensa, unha liña de tres na zona central do mediocampo composta por Carlos, Íñigo e Hugo, Manu Meixús polo costado dereito, Junior polo esquerdo e Mosteiro como futbolista máis avanzado. Mantivo o tipo o Armenteira C.F. nos primeiros minutos. A iniciativa correspondía aos de San Vicente de O Grove pero con orde e intensidade defensiva resistían os locais. Unha combinación en ataque culminada por Alejandro Cameselle adiantaría aos mecos no minuto 10. Pouco despois de novo Alejandro Cameselle nunha incursión pola banda esquerda lograba o segundo tanto para a S.D. Amanecer. Unha clara ocasión de Javi foi quizais a mellor oportunidade para os de A Armenteira neste primeiro período, pero o de Valboa non tivo fortuna ante a saída do gardamallas Jairo Lis. Tras a reanudación un penalti cometido polos visitantes e desperciado por Fran puido variar o desenlace do encontro. Con todo, o Armenteira C.F. seguiu insistindo e buscando a meta contraria, pero sen o acerto necesario. Un lanzamento de falta de Migui, outro de Íñigo e un saque rápido sen tempo a que a defensa da S.D. Amanecer se organizase, pero que nin Íñigo, nin Hugo nin Migui conseguiron enviar ao fondo da rede foron algunhas das ocasión das que disfrutou o conxunto que adestra Luis Barral. Non fallaría Hugo Dopico, que mediante un zapatazo colocaba o cero tres co que se chegaría ao minuto 80. Con este resultado o Armenteira C.F. continúa na sétima plaza con quince puntos, á espera do partido que o medirá a próxima fin de semana ao Umia C.F. no campo de A Bouza, en Barrantes. Os vermellos están situados na terceira posición con vintenove puntos e parten como favoritos nun derbi de rivalidade que este ano cobra un significado especial debido ao acordo de colaboración que esta temporada se estableceu entre estas dúas entidades.


O Armenteira C.F. alevín continúa a súa racha vitoriosa en Poio

O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu por dous goles a tres no partido que disputou na mañá deste sábado no campo de A Reiboa ante a E.D. Poio "B". Foi nun encontro igualado por fases, pero no que o cadro que dirixen Luis e Alba Barral impuxo a súa superioridade física e a capacidade de desequilibrio dalgúns dos seus xogadores. O equipo verdinegro presentou un once inicial con Sergio Matilde en portería, Álex Grigorio, Andrés e Sara Otero en defensa, Brais Santamaría, Ainhoa e Mateo na liña de medios e Aldara na punta de ataque. Sería precisamente a dianteira de O Freixo a que adiantaría aos visitantes a recibir un balón en longo e superar ao Meta Adrián Vicente. A reacción dos de Poio veu co tanto de Iván González, tras unha acción na que se aproveitou da falta de contundencia defensiva do Armenteira C.F. No segundo período a tónica continuou sendo a mesma. O dominio e as ocasións correspondían principalmente aos de A Armenteira. Nos pés de Aldara estiveron as oportunidades máis claras, mentres que polos locais o máximo perigo estivo nunha volea que sobrepasou a Sergio Matilde e que sacou Álex Grigorio sobre a liña de gol. Unha xogada individual con perfecta finalización de Brais Santamaría e un disparo dende a frontal do propio futbolista de Sisán puxeron en franca vantaxe aos visitantes. O gol de Hayden Lee xusto antes do asubío final apretou un marcador que fai que o equipo alevín do Armenteira C.F. acade o triunfo consecutivo á espera de recibir a visita a próxima fin de semana da A.J. Lérez "B", que ocupa a segunda posición con vinteún puntos, fronte ao sétimo posto, con catorce puntos, da escadra que adestran Luis e Alba Barral.


xoves, 7 de decembro de 2017

O Armenteira C.F. confirma o 24 de decembro como data para a súa tradicional xuntanza de Nadal

A Xunta Directiva do Armenteira C.F. confirmou oficialmente o día 24 de decembro como data de celebración da súa tradicional xuntanza me Nadal. Este acto, que se ven celebrando durante os últimos anos, contará nesta ocasión con varias novidades. Entre elas estarán o horario, xa que se desenvolverá durante a mañá e o mediodía, e o escenario elixido, que con toda probabilidade serán as instalacións deportivas de O Leixo, que se acondicionarán especialmente para o evento. Ademais, este ano decidiron darlle un novo enfoque, fusionando a sesión das fotografías oficiais, que se realizaba durante os primeiros meses da temporada, e o banquete de Nadal. A intención da entidade que preside Martín Casais é manter o carácter familiar do evento, reunindo a todas aquelas persoas que dunha maneira ou outra están ligadas ao clube. Con xa 22 anos de historia e consolidado como un dos referentes no panorama futbolístico a nivel comarcal o Armenteira C.F. afánase en conservar as tradicións, como é o caso das xuntanzas de Nadal, ao tempo que reafirma a súa aposta por iniciativas novidadosas e atractivas de cara o público. O acto de presentación, os torneos de verán, as fotografías oficiais ou a xuntanza de Nadal, serán o precedente dunha serie de eventos que a Xunta Directiva ten previsto realizar ao longo desta temporada e que terán como colofón a celebración da COPA ARMENTEIRA, un torneo de categoría sénior feminina que tivo un gran éxito na súa primeira edición. E todo é posible grazas ao esforzo e ao traballo da Xunta Directiva e da ampla colaboración que sempre atopan entre os membros do clube, todos eles xa inmersos nos preparativos para unha Noiteboa que este 2017 vai ser máis verdinegra ca nunca.


martes, 5 de decembro de 2017

Silván volve vestirse de festa polo San Nicolau

O lugar de Silván celebra esta semana unhas festas que xa son toda unha tradición no concello de Meis e na comarca de O Salnés en xeral. Son as festas na honra de San Nicolau que o mércores 6 e o xoves 7 de decembro vestirán de gala este lugar en plena ladeira do Monte Castrove e que se divide en dúas partes, unha pertencente á parroquia de San Salvador de Meis e outra á de A Armenteira, separadas por un pequeno regato, afluente do río Armenteira, que ten a súa desembocadura entre os lugares de Couso e O Batán. Serán dous días de intensos festexos nos que a pequena capela que hai no lugar e o campo da festa que se sitúa nas proximidades congregará a centos de devotos e festeiros. Os actos comezarán a mañá do mércores día 6 co pasarrúas a cargo da Banda Escola Municipal de Meis e continuarán con misas solemnes dende as 10:00 ás 12:00 horas, seguida neste neste último caso dunha procesión polos arredores da capela. Xa pola noite haberá unha verbena coas orquestras Israel e Trobadores como protagonistas. O xoves día 7 os festexos continuarán cunha misa solemne a partires das 12:30 horas, tras a cal se efectuarán as tradicionais e singulares poxas. O peche a este programa festivo virá á noite coa verbena a cargo das orquestras Trébol e Garibaldi e un espectáculo aéreo acrobático por parte de Acrolúa de Madrid. Dende a Comisión de Festas convidan a participar nunhas festas que, a pesares da crise e de todas as dificultades que afrontan este tipo de eventos, pervive e ano tras ano renova a súa aposta pola devoción, a diversión e a convivencia entre as xentes da contorna.





domingo, 3 de decembro de 2017

Segunda vitoria consecutiva do Armenteira C.F. feminino tras superar con claridade ao Cultural Areas

O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou este domingo a terceira vitoria da temporada, a segunda de forma consecutiva, despois de superar por tres goles a cero ao Cultural Areas no campo de O Leixo. Foi nunha xélida tarde nun encontro na que as rapazas que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado se amosaron claramente superiores, manexando en todo momento o control do xogo, ante un rival que apenas inquedou a meta que nesta ocasión defendeu Belén. E foi tamén a primera vez na súa curta historia deste equipo na que remata un partido sen recibir un gol. O cadro técnico local presentou un once inicial con Belén baixo paus, Fátima, Patricia, Alessandra e Lara en defensa, Naomi, Diana e Sofía na liña de medios, Banesa e Paula polos costados e Ana Martínez como referencia en ataque. Dominando dende o inicio o gol chegaría axiña para o Armenteira C.F. Unha internada de Paula pola banda esquerda rematou coa balón do fondo das mallas das do val do Tea ao impactar o despexe dunha defensa nas pernas da extremo de Pontevedra e rebasar a saída da meta Iria Fernández. Case vinte minutos despois Sofía, tras recurtar e acomodar o corpo, colocaba o segundo tanto cun disparo dende a frontal. Coa tranquilidade do resultado e a comodidade da situación que se observaba sobre o terreo de xogo as rapazas do clube verdinegro aínda puideron aumentar a súa vantaxe. Pero isto non ocorrería ata o segundo período cando outra vez Paula aproveitaba un balón dentro da área rival para poñer o tres a cero. Houbo oportunidades para que as locais sumasen máis tantos, quizais a máis clara estivo nos pés de Rocío, pero a fortuna non estivo do lado da extremo de As Pereiras e o resultado xa non se movería. Con este triunfo o conxunto que adestra Marcial Prado ascende ata a décimo quinta posición, con nove puntos. O próximo domingo agarda unha nova cita para seguir progresando e acumulando puntos no casilleiro, e será ante a S.C.D. Pontecaldelas, undécima clasificada con dezaoito puntos.


sábado, 2 de decembro de 2017

Melloría de imaxe sen premio para o Armenteira C.F. xuvenil en Berdón

O equipo xuvenil do Armenteira C.F. caiu derrotado por tres goles a un no partido da Segunda autonómica xuvenil no seu grupo 9, disputado na tarde deste sábado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante a A.D. Arousa F-7. Foi nun encontro con fases de dominio alterno, no que o cadro verdinegro desperdiciou claras ocasións de gol que foron determinantes no rumbo posterior do encontro, e no que os discípulos de Valentín Estévez "Tilín" melloraron a imaxe respecto dos últimos partidos de liga, aínda que non foi suficiente sequera para arrincar un punto das instalacións deportivas de Trabanca Badiña. O técnico cambadés do Armenteira C.F. presentou un once inicial con Marin en portería, Gabriel, Sergio Nogueira, Diego Berreco e Valo en defensa, Dimitar, Jona, Mathias e Cristian Abal no mediocampo, Hilias na mediapunta e Alberto como futbolista máis adiantado. Nos primeiros minutos foi o conxunto local o que buscou facerse coas rendas do xogo, pero non tardou moito o Armenteira C.F. en sacudirse ese dominio e comezar a rondar con perigo a meta defendida por Rubén Cochón. Unha gran asistencia de Alberto a Cris Abal deixaba a este nunha posición inmellorable para inaugurar o marcador, pero non foi o día do extremo de Vilariño. Pouco despois, nunha xogada similar, o dorsal 10 verdinegro volvía errar ante a meta vilagarciana. Un remate a reviravolta de Alberto era respostado cunha sobervia parada do gardamallas da A.D. Arousa F-7. En cambio, non fallaría o conxunto amarelo nunha rápida transición defensa-ataque nacida nunha perda de balón de Dimitar e habilmente conducida por Iker Iglesias polo costado esquerdo ata centrar ao segundo pau á cabeza de Yago Campos, que enviaba suavemente o balón ao interior da mallas defendidas por Marin. De novo sería Iker Iglesias, sen dúbida o futbolista máis desequilibrante dos locais, o que culminaría unha internada pola banda esquerda para situar o dous a cero no marcador. A piques de chegar ao descanso, a pasividade defensiva do Armenteira C.F. permitiría combinar na área aos visitantes e acadar o terceiro tanto por mediación de Fernando Brea. Tratou de impulsar unha reacción "Tilín" cun golpe de efecto na segunda metade. Colocou unha defensa con tres xogadores, Roberto Trigo e Jona nos lados e Diego Berreco no centro, e adiantou liñas na procura dunha remontada que, de producirse, sería épica. Con todo, o fútbol desenvolvíase na metade defendida polos de A Armenteira ata que, ben polo talento individual dos xogadores ou mediante algún balón longo, fixeron acto de presenza nas inmediacións da área adversaria. Este esforzo tería a súa recompensa tras un libre indirecto excelentemente colgado por Jona que caiu na cabeza dun Diego Berreco que cabeceou ao fondo da rede. A subida de moral deste tanto fixo que os verdinegros aumentasen a intensidade e fixeran pensar por uns momentos que a épica aínda era posible. Un disparo de Hilias dende a frontal, con escasa potencia, e que se foi pegado ao pau esquerdo, foi quizais a mellor oportunidade nesta fase do partido, pero xa nada fixo variar a situación, Con esta derrota o Armenteira C.F. continúa no oitavo posto con catorce puntos. A próxima fin de semana deberá recibir a visita no campo de A Bouza, en Barrantes, dun dos conxuntos que a priori contaba con maior potencial do grupo, a E.D. Arousa "B". As esperanzas dos verdinegros deposítanse na recuperación do baixón anímico provocado pola mala racha dos últimos partidos, e no regreso ao equipo do elevado cadro de lesionados, así como na posibilidade de poder contar cos futbolistas que soen acudir co Umia C.F., o equipo A, e que poderían ter unha aportación determinante na tarefa de atopar novamente o camiño da vitoria.













Novo triunfo do equipo alevín do Armenteira C.F. tras superar á A.D. Arousa F-7 en O Leixo

O equipo alevín do Armenteira C.F.venceu por tres goles a dous á A.D. Arousa F-7 no partido da Terceira autonómica alevín, grupo 61, que se disputou na mañá deste luns no campo de O Leixo. Foi nun encontro relativamente equilibrado, no que o cadro que dirixen Luis e Alba Barral non realizou un fútbol brillante, abusando do fútbol directo, pero no que acabou impoñendo a súa superioridade física na disputa dos balóns e a a capacidade de desequilibrio dalgúns dos seus xogadores. O corpo técnico presentou o cinco inicial habitual, con Sergio Matilde en portería, Álex Grigorio, Andrés e Sara Otero en defensa, Brais Santamaría, Ainoha e Mateo na liña de medios e Aldara en ataque. Tras uns primeiros minutos de tanteo, sen un dominador claro, axiña tomaría vantaxe o Armenteira C.F. Sería tras unha combinación entre Brais Santamaría e Aldara, na que esta, sen deixar botar o balón, cruzouno na área pequena para bater ao meta Iván Lucio. Dende entón o conxunto local fíxose co dominio do xogo, podende ampliar vantaxe de materilizar algunha das varias ocasión que tiveron nos seus pés Mateo, Brais Santamaría ou Aldara especialmente. Houbo que agardar ao segundo período  para que Mateo, nunha internada pola banda dereita, pelexase e recuperase un balón que el mesmo perdera, para rematar acadando o segundo tanto para o seu equipo. Con esta cómoda bagaxe o Armenteira C.F. entrou nun clima de relaxación que foi aproveitado polos vilgarciáns, que desperdiciaron algunha oportunidade de bastante claridade, pero que, pola contra, anotaron dous goles nos que a fortuna e o acerto estiveron do seu lado. Primeiro foi unha volea a modo de despexe de Raúl Fachado a que se colaría pola escadra da portería de Sergio Matilde, e despois unha saída do propio Sergio Matilde, na que palmeou o balón na área, deixándolle en bandexa a Iker Fresco para poñer a igualada. Cando parecía que o drama doutros partidos podía repetirse en forma de remontada despois de ter unha diferenza importante no marcador, volvería aparecer Mateo para rematar na área unha xogada colectiva e fixar o resultado final de tres goles a dous. Con esta vitoria a escadra que adestran Luis e Alba Barral mantense na oitava praza con once puntos, á espera da visita que a próxima fin de semana deberán realizar ao campo de A Reiboa para medirse ao conxunto local da E.D. Poio "B".