A Xunta Directiva do Armenteira C.F. confirmou oficialmente o día 24 de decembro como data de celebración da súa tradicional xuntanza me Nadal. Este acto, que se ven celebrando durante os últimos anos, contará nesta ocasión con varias novidades. Entre elas estarán o horario, xa que se desenvolverá durante a mañá e o mediodía, e o escenario elixido, que con toda probabilidade serán as instalacións deportivas de O Leixo, que se acondicionarán especialmente para o evento. Ademais, este ano decidiron darlle un novo enfoque, fusionando a sesión das fotografías oficiais, que se realizaba durante os primeiros meses da temporada, e o banquete de Nadal. A intención da entidade que preside Martín Casais é manter o carácter familiar do evento, reunindo a todas aquelas persoas que dunha maneira ou outra están ligadas ao clube. Con xa 22 anos de historia e consolidado como un dos referentes no panorama futbolístico a nivel comarcal o Armenteira C.F. afánase en conservar as tradicións, como é o caso das xuntanzas de Nadal, ao tempo que reafirma a súa aposta por iniciativas novidadosas e atractivas de cara o público. O acto de presentación, os torneos de verán, as fotografías oficiais ou a xuntanza de Nadal, serán o precedente dunha serie de eventos que a Xunta Directiva ten previsto realizar ao longo desta temporada e que terán como colofón a celebración da COPA ARMENTEIRA, un torneo de categoría sénior feminina que tivo un gran éxito na súa primeira edición. E todo é posible grazas ao esforzo e ao traballo da Xunta Directiva e da ampla colaboración que sempre atopan entre os membros do clube, todos eles xa inmersos nos preparativos para unha Noiteboa que este 2017 vai ser máis verdinegra ca nunca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario