Buscar neste blog

martes, 5 de decembro de 2017

Silván volve vestirse de festa polo San Nicolau

O lugar de Silván celebra esta semana unhas festas que xa son toda unha tradición no concello de Meis e na comarca de O Salnés en xeral. Son as festas na honra de San Nicolau que o mércores 6 e o xoves 7 de decembro vestirán de gala este lugar en plena ladeira do Monte Castrove e que se divide en dúas partes, unha pertencente á parroquia de San Salvador de Meis e outra á de A Armenteira, separadas por un pequeno regato, afluente do río Armenteira, que ten a súa desembocadura entre os lugares de Couso e O Batán. Serán dous días de intensos festexos nos que a pequena capela que hai no lugar e o campo da festa que se sitúa nas proximidades congregará a centos de devotos e festeiros. Os actos comezarán a mañá do mércores día 6 co pasarrúas a cargo da Banda Escola Municipal de Meis e continuarán con misas solemnes dende as 10:00 ás 12:00 horas, seguida neste neste último caso dunha procesión polos arredores da capela. Xa pola noite haberá unha verbena coas orquestras Israel e Trobadores como protagonistas. O xoves día 7 os festexos continuarán cunha misa solemne a partires das 12:30 horas, tras a cal se efectuarán as tradicionais e singulares poxas. O peche a este programa festivo virá á noite coa verbena a cargo das orquestras Trébol e Garibaldi e un espectáculo aéreo acrobático por parte de Acrolúa de Madrid. Dende a Comisión de Festas convidan a participar nunhas festas que, a pesares da crise e de todas as dificultades que afrontan este tipo de eventos, pervive e ano tras ano renova a súa aposta pola devoción, a diversión e a convivencia entre as xentes da contorna.





Ningún comentario:

Publicar un comentario