Buscar neste blog

sábado, 2 de decembro de 2017

Melloría de imaxe sen premio para o Armenteira C.F. xuvenil en Berdón

O equipo xuvenil do Armenteira C.F. caiu derrotado por tres goles a un no partido da Segunda autonómica xuvenil no seu grupo 9, disputado na tarde deste sábado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante a A.D. Arousa F-7. Foi nun encontro con fases de dominio alterno, no que o cadro verdinegro desperdiciou claras ocasións de gol que foron determinantes no rumbo posterior do encontro, e no que os discípulos de Valentín Estévez "Tilín" melloraron a imaxe respecto dos últimos partidos de liga, aínda que non foi suficiente sequera para arrincar un punto das instalacións deportivas de Trabanca Badiña. O técnico cambadés do Armenteira C.F. presentou un once inicial con Marin en portería, Gabriel, Sergio Nogueira, Diego Berreco e Valo en defensa, Dimitar, Jona, Mathias e Cristian Abal no mediocampo, Hilias na mediapunta e Alberto como futbolista máis adiantado. Nos primeiros minutos foi o conxunto local o que buscou facerse coas rendas do xogo, pero non tardou moito o Armenteira C.F. en sacudirse ese dominio e comezar a rondar con perigo a meta defendida por Rubén Cochón. Unha gran asistencia de Alberto a Cris Abal deixaba a este nunha posición inmellorable para inaugurar o marcador, pero non foi o día do extremo de Vilariño. Pouco despois, nunha xogada similar, o dorsal 10 verdinegro volvía errar ante a meta vilagarciana. Un remate a reviravolta de Alberto era respostado cunha sobervia parada do gardamallas da A.D. Arousa F-7. En cambio, non fallaría o conxunto amarelo nunha rápida transición defensa-ataque nacida nunha perda de balón de Dimitar e habilmente conducida por Iker Iglesias polo costado esquerdo ata centrar ao segundo pau á cabeza de Yago Campos, que enviaba suavemente o balón ao interior da mallas defendidas por Marin. De novo sería Iker Iglesias, sen dúbida o futbolista máis desequilibrante dos locais, o que culminaría unha internada pola banda esquerda para situar o dous a cero no marcador. A piques de chegar ao descanso, a pasividade defensiva do Armenteira C.F. permitiría combinar na área aos visitantes e acadar o terceiro tanto por mediación de Fernando Brea. Tratou de impulsar unha reacción "Tilín" cun golpe de efecto na segunda metade. Colocou unha defensa con tres xogadores, Roberto Trigo e Jona nos lados e Diego Berreco no centro, e adiantou liñas na procura dunha remontada que, de producirse, sería épica. Con todo, o fútbol desenvolvíase na metade defendida polos de A Armenteira ata que, ben polo talento individual dos xogadores ou mediante algún balón longo, fixeron acto de presenza nas inmediacións da área adversaria. Este esforzo tería a súa recompensa tras un libre indirecto excelentemente colgado por Jona que caiu na cabeza dun Diego Berreco que cabeceou ao fondo da rede. A subida de moral deste tanto fixo que os verdinegros aumentasen a intensidade e fixeran pensar por uns momentos que a épica aínda era posible. Un disparo de Hilias dende a frontal, con escasa potencia, e que se foi pegado ao pau esquerdo, foi quizais a mellor oportunidade nesta fase do partido, pero xa nada fixo variar a situación, Con esta derrota o Armenteira C.F. continúa no oitavo posto con catorce puntos. A próxima fin de semana deberá recibir a visita no campo de A Bouza, en Barrantes, dun dos conxuntos que a priori contaba con maior potencial do grupo, a E.D. Arousa "B". As esperanzas dos verdinegros deposítanse na recuperación do baixón anímico provocado pola mala racha dos últimos partidos, e no regreso ao equipo do elevado cadro de lesionados, así como na posibilidade de poder contar cos futbolistas que soen acudir co Umia C.F., o equipo A, e que poderían ter unha aportación determinante na tarefa de atopar novamente o camiño da vitoria.













Ningún comentario:

Publicar un comentario