Buscar neste blog

domingo, 10 de decembro de 2017

Aceptable imaxe do equipo infantil do Armenteira C.F. ante a S.D. Amanecer no campo Municipal de Zacande

O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por cero goles a tres no partido disputado na tarde deste sábado ante a S.D. Amanecer. Foi nun encontro que tivo que disputarse finalmente no campo Municipal de Zacande debido á intensa néboa que cubría o campo de O Leixo e a falta de suministro de auga nestas instalacións deportivas. As xestións da Xunta Directiva e o acordo co clube visitante permitiron que o partido se trasladase ata Zacande e a xornada se desenvolvese con normalidade para este equipo. No terreo deportivo foi o conxunto verdinegro deu unha aceptable imaxe, competindo en todo momento cun cadro que ocupa o liderato do grupo e dispoñendo incluso de ocasións para poder levarse polo menos un punto. O corpo técnico que forman Luis e Alba Barral presentou un once inicial con Sergio Casal en portería, Migui, Xoán, Adri e Fran en defensa, unha liña de tres na zona central do mediocampo composta por Carlos, Íñigo e Hugo, Manu Meixús polo costado dereito, Junior polo esquerdo e Mosteiro como futbolista máis avanzado. Mantivo o tipo o Armenteira C.F. nos primeiros minutos. A iniciativa correspondía aos de San Vicente de O Grove pero con orde e intensidade defensiva resistían os locais. Unha combinación en ataque culminada por Alejandro Cameselle adiantaría aos mecos no minuto 10. Pouco despois de novo Alejandro Cameselle nunha incursión pola banda esquerda lograba o segundo tanto para a S.D. Amanecer. Unha clara ocasión de Javi foi quizais a mellor oportunidade para os de A Armenteira neste primeiro período, pero o de Valboa non tivo fortuna ante a saída do gardamallas Jairo Lis. Tras a reanudación un penalti cometido polos visitantes e desperciado por Fran puido variar o desenlace do encontro. Con todo, o Armenteira C.F. seguiu insistindo e buscando a meta contraria, pero sen o acerto necesario. Un lanzamento de falta de Migui, outro de Íñigo e un saque rápido sen tempo a que a defensa da S.D. Amanecer se organizase, pero que nin Íñigo, nin Hugo nin Migui conseguiron enviar ao fondo da rede foron algunhas das ocasión das que disfrutou o conxunto que adestra Luis Barral. Non fallaría Hugo Dopico, que mediante un zapatazo colocaba o cero tres co que se chegaría ao minuto 80. Con este resultado o Armenteira C.F. continúa na sétima plaza con quince puntos, á espera do partido que o medirá a próxima fin de semana ao Umia C.F. no campo de A Bouza, en Barrantes. Os vermellos están situados na terceira posición con vintenove puntos e parten como favoritos nun derbi de rivalidade que este ano cobra un significado especial debido ao acordo de colaboración que esta temporada se estableceu entre estas dúas entidades.


Ningún comentario:

Publicar un comentario