Buscar neste blog

domingo, 3 de decembro de 2017

Segunda vitoria consecutiva do Armenteira C.F. feminino tras superar con claridade ao Cultural Areas

O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou este domingo a terceira vitoria da temporada, a segunda de forma consecutiva, despois de superar por tres goles a cero ao Cultural Areas no campo de O Leixo. Foi nunha xélida tarde nun encontro na que as rapazas que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado se amosaron claramente superiores, manexando en todo momento o control do xogo, ante un rival que apenas inquedou a meta que nesta ocasión defendeu Belén. E foi tamén a primera vez na súa curta historia deste equipo na que remata un partido sen recibir un gol. O cadro técnico local presentou un once inicial con Belén baixo paus, Fátima, Patricia, Alessandra e Lara en defensa, Naomi, Diana e Sofía na liña de medios, Banesa e Paula polos costados e Ana Martínez como referencia en ataque. Dominando dende o inicio o gol chegaría axiña para o Armenteira C.F. Unha internada de Paula pola banda esquerda rematou coa balón do fondo das mallas das do val do Tea ao impactar o despexe dunha defensa nas pernas da extremo de Pontevedra e rebasar a saída da meta Iria Fernández. Case vinte minutos despois Sofía, tras recurtar e acomodar o corpo, colocaba o segundo tanto cun disparo dende a frontal. Coa tranquilidade do resultado e a comodidade da situación que se observaba sobre o terreo de xogo as rapazas do clube verdinegro aínda puideron aumentar a súa vantaxe. Pero isto non ocorrería ata o segundo período cando outra vez Paula aproveitaba un balón dentro da área rival para poñer o tres a cero. Houbo oportunidades para que as locais sumasen máis tantos, quizais a máis clara estivo nos pés de Rocío, pero a fortuna non estivo do lado da extremo de As Pereiras e o resultado xa non se movería. Con este triunfo o conxunto que adestra Marcial Prado ascende ata a décimo quinta posición, con nove puntos. O próximo domingo agarda unha nova cita para seguir progresando e acumulando puntos no casilleiro, e será ante a S.C.D. Pontecaldelas, undécima clasificada con dezaoito puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario