Finalmente que os malos augurios en canto ás previsións meteorolóxicas non se cumpriron e este sábado, 15 de febreiro, o campo de O Leixo convertirase no epicentro da billarda polo menos no que respecta a nivel provincial. Segundo indican dende a Concellería de Deportes do Concello de Meis, arredor dun centenar de practicantes desprazaranse ata o campo de fútbol de A Armenteira para disfrutar deste xogo que tanto arraigo conserva ao longo e ancho de Galicia. A partires das 16:00 dará comezo unha competición, a duodécima da Liga Nacional de Billarda, na que ademais dos xogadores e xogadoras habituais, poderán participar todas aquelas persoas que se acheguen ao recinto deportivo. A Conferencia Rías Baixas, promotora do evento, encargarase de prestar o material necesario a quen non dispoña do mesmo, así que o único requisito para introducirse ou perfeccionar a técnica neste deporte popular á acudir con roupa cómoda e con gañas de aprender e pasalo ben. A Liga Nacional de Billarda, a Concellería de Deportes do Concello de Meis e o Armenteira C.F., que tamén colabora activamente no acto, convidan aos veciños e veciñas e aos amantes dos xogos e as tradicións populares a unha tarde que sen dúbida será histórica e especial.
Buscar neste blog
venres, 14 de febreiro de 2020
mércores, 12 de febreiro de 2020
Benestar Animal resolve un novo caso de abandono de cans en A Armenteira
A Concellería de Benestar do Concello de Meis tivo que resolver este mércores, 12 de febreiro, un novo caso de abandono de cans na parroquia de A Armenteira. Na noite anterior, o departamento que dirixe María Sancho recibiu a alerta do achádego dun grupo de cánidos no lugar de O Busto. En concreto foron seis animais, dúas femias adultas e catro cachorros, os que foron abandonados nas instalacións deportivas de O Leixo. Esta conmovedora estampa foi a que se atoparon o adestrador e as compoñentes do equipo feminino do Armenteira C.F. cando chegaron ao campo para adestrar. A carón dun dos colectores de lixo que hai nas instalacións foran depositadas as mascostas, coa única compaña dunha morea de penso. Nada máis advertir a presenza dos animais informaron á Xunta Directiva, que contactou co Concello de Meis para que determinase a maneira de actuar. Así, seguindo as pautas establecidas para este tipo de casos, persoal municipal desprazouse ata o campo de O Leixo a primeira hora da mañá deste mércores para recoller os cans e entregalos no Centro de Acollida e Adopción de Animais (CAAN) que a Deputación Provincial de Pontevedra posúe en A Armenteira. Lamentablemente, o abandono de animais, principalmente cans, na parroquia de A Armenteira, e particularmente no entorno do campo de fútbol de O Leixo, vén sendo un feito frecuente nos últimos anos. Na maioría das ocasións os animais que se abandonan son femias con crías, as cales, a causa do frío e da falta de alimento, non sempre logran manterse con vida ata o momento en que son recollidos polos responsables do Concello. Dende a Concellería de Benestar Animal lembran que este tipo de actuacións teñen a consideración de delito, polo cal, no momento no que se teña coñecemento das mesmas débese comunicar ás autoridades competentes e presentar a pertinente denuncia. En España, segundo o Código Penal, o abandono de animais en condicións nas que poida perigar a súa vida ou a súa integridade física pode ser castigado cunha pena de multa de un a seis meses, que na práctica se traduce en sancións económicas que poden ir dende os 450 ata os 4.320 euros, e cunha inhabilitación especial de tres meses a un ano para o exercicio de calquera tipo de profesión, oficio ou comercio que poida ter relación cos animais, ou incluso coa privación da tenencia destes seres vivos.
sábado, 8 de febreiro de 2020
O Armenteira Veteranos golea en O Leixo a un debilitado Noalla Veteranos
FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - NOALLA VETERANOS - 8 - 0
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Richi; Manolo, Charles, Javi González, Marcial; Martín e Yumas. Tamén xogaron Rubén, Moncho, Javi Limeres e Rafa.
GOLES: 1-0. Minuto 11. Marcial. 2-0. Minuto 16. Richi. 3-0. Minuto 36. Javi Limeres. 4-0. Minuto 56. Javi González. 5-0. Minuto 58. Manolo. 6-0. Minuto 60. Javi González. 7-0. Minuto 83. Rubén. 8-0. Minuto 88. Rubén.
ÁRBITRO: Otero Otero. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, de A Armenteira, ante uns dez espectadores, nunha tarde soleada e temperada e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos por fin volveu atoparse coa vitoria. E foi unha vitoria con maiúsculas. Oito goles a cero endosou o cadro que capitanea José Luis Galiñanes ao Noalla Veteranos. A escasa oposición dun debilitado rival e a paciencia e a seriedade coa que afrontou un partido no que partía como claro favorito, explican o sucedido na tarde deste sábado no campo de O Leixo. Con baixas tan notorias como Sirra, José Pérez ou Jorge Castro, o Armenteira Veteranos evitou todo tipo de confianzas, pese a que a clasificación e o feito de que os de Noalla se presentasen en inferioridade numérica, parecían indicar que ía ser un partido cómodo. Antes de comezar gardouse un emotivo minuto de silenzo polo pasamento do pai do futbolista do Armenteira Veteranos José Pérez, e pai tamén de Cristina, presidenta do Armenteira C.F. nos catro primeiros anos de andaina do clube na categoría sénior. Nada máis poñerse a rodar o balón o partido tomaría un rumbo que non variaría ata o final. Dominaban os locais, que trataban de tocar e trenzar xogadas elaboradas, algo ao que que non están demasiado acostumados. O coiro circulaba dun lado a outro, de banda a banda, con Javi González na zona central como perfecto director de orquestra. Aparentaban non ter présa os verdinegros á hora de buscar un primeiro tanto que ninguén dubidaba que non tardaría en chegar. Pero había que abrir a lata. E foi tras unha falta na que Javi González foi derrubado no borde da área, e que Marcial, un dos especialistas do equipo a balón parado, enviaba ao fondo da rede defendida por José Carlos Gonzalo. Con vantaxe no marcador xa todo parecía máis fácil para os de A Armenteira. Richi tras unha xogada individual polo carril esquerdo, na que superou a varios adversarios, empalmaba un disparo dende a frontal da área ante o que nada puido facer o meta visitante. Ía soltándose o Armenteira Veteranos, que apenas sufría en defensa, pero que non quería ningún tipo de confianzas mentres o encontro non estivera totalmente sentenciado. Unha gran xogada de Javi González remataba co balón no segundo pau, e Javi Limeres só tiña que empurrar o esférico cara o fondo da portería. Despois duns minutos de relativa relaxación, o cadro verdinegro volvía ampliar a diferenza no segundo período. Primeiro Javi González, e apenas dous minutos despois Manolo, en xogadas de factura similar, acadaban dous novos tantos. Sen tempo a que o Noalla Veteranos puidese ter sequera unha tímida reacción, outra vez Javi González, era o encargado de colocar o seis a cero. O mediocentro de Couso, xogou a pracer este sábado e volveu deixar mostras da súa enorme clase, con detalles que encandilaron ao escaso público que se congregou nas bancadas de O Leixo. Dos seus pés saíron case todas as accións de perigo dos locais, aínda que na recta final do encontro quen cobraría protagonismo sería Rubén. O atacante de Vilar, moi activo no encontro, encargaríase de anotar os últimos goles da tarde. Culminando en velocidade unha xogada colectiva e mediante un zapatazo a un lanzamento de falta, Rubén parecía querer lembrar a aquel mozo que, na súa etapa como futbolista do Armenteira C.F. na categoría sénior, era un verdadeiro puñal pola banda e un pesadelo para os rivais nos golpeos a balón parado. Decidiu non prolongar en exceso Otero Otero, ante as súplicas dun Noalla Veteranos que disputou con dez homes boa parte do choque. Con este triunfo o Armenteira Veteranos sitúase na décimo sétima posición, con doce puntos. O enfrontamento da próxima xornada será especial para o conxunto verdinegro, xa que tras varias temporadas sen poder facelo volverá medirse ao Dorrón C.F. Veteranos. O campo de O Revel, escenario habitual dos partidos como local do equipo da parroquia veciña mentres non rematen as obras que dotarán de céspede artificial ao campo de O Cruceiro, albergará un apaixoante "derbi de O Castrove", ao que nesta ocasión os verdinegros acuden con tres puntos máis na clasificación que o rival do sábado, 15 de febreiro.
venres, 7 de febreiro de 2020
A Liga Nacional de Billarda chega a A Armenteira o sábado, 15 de febreiro
A parroquia de A Armenteira volverá ser escenario doutro importante evento deportivo. O sábado, 15 de febreiro, o campo de O Leixo acollerá a duodécima xornada da Liga Nacional de Billarda, na que está previsto que compitan arredor de cen participantes. Esta competición ten a súa orixe na Mariña luguesa, onde un grupo de persoas comezaron a traballar para recuperar un dos xogos populares máis tradicionais en Galicia, e que se fora deixando de practicar durante as últimas décadas. Deste xeito, a partires do ano 2003 comezaron a organizarse torneos que acabaron dando lugar á creación da Liga Nacional de Billarda, co que pouco a pouco están conseguindo normalizar a práctica dunha actividade física, lúdica, cultural e deportiva de gran arraigo na nosa terra e que só se conservaba na memoria da xente de maior idade. Dividida en tres conferencias, a Conferencia Norleste, a Conferencia Noroeste e Conferencia Rías Baixas, a competición é unha liga aberta, na que calquera pode participar ou incorporarse ao longo da temporada, e disputa unha serie de xornadas durante o ano ata que, ao final da temporada celébrase a Final Liga Nacional de Billarda, á que unicamente terán acceso aquelas persoas que lograron clasificarse polas súas respectivas conferencias. Como soe ser habitual, a organización, para facilitar a participación, encargarase de prestar o material necesario a quen non dispoña do mesmo, co cal persoas interesadas, provistas de chándal ou roupa cómoda, soamente terán que inscribirse no propio campo de O Leixo para disfrutar dunha xornada que se iniciará ás 16:00 horas e que se prolongará ata a noitiña. Coa promoción e colaboración do Armenteira C.F. e da Concellería de Deportes do Concello de Meis, que dirixe María Sancho, este evento convertirá a A Armenteira nunha das capitais dos xogos populares e atraerá a un numeroso grupo de practicantes e curiosos a un entorno tan privilexiado como é o das instalacións deportivas de O Leixo e os seus arredores.
sábado, 1 de febreiro de 2020
O Armenteira Veteranos rescata un punto en San Tomé de Piñeiro nun partido que cría ter sentenciado
FICHA TÉCNICA
SANTOMÉ S.D. - ARMENTEIRA VETERANOS - 3 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Óscar Barreiro, Carlos Castro, Charles, Richi; Manolo, Javi, José Pérez, Marcial; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Javi Limeres, Jorge Dávila e Yumas.
GOLES: 0-1. Minuto 1. Manolo. 0-2. Minuto 3. José Pérez. 1-2. Minuto 31. Luis Manuel Renda. 2-2- Minuto 56. Luis Manuel Renda. 3-2. Minuto 70. Luis Manuel Renda. 3-3. Minuto 86. Marcial.
ÁRBITRO: Arís Arribas. Mostrou cartóns amarelos a Miguel Pereira por parte do Santomé S.D. e a Jorge Dávila por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de Chan de Piñeiro, de San Tomé de Piñeiro no Concello de Marín, ante uns dez espectadores, nunha tarde fresca e chuviosa, e sobre un terreo de xogo que nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol pese a chuvia que caíu ao longo do día.
.
.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos deixou escapar de novo a posibilidade de lograr unha vitoria. Desta volta foi nun partido con sensacións contrapostas, xa que, tras un inicio fulgurante, o cadro de O Leixo cría ter sentenciado o encontro nos primeiros minutos, mentres que ao final, despois de permitir a remontada da S.D. Santomé, acabou dando por bo o punto conseguido tras o gol de Marcial nos últimos minutos. Todo se puxo de cara para os verdinegros. Nada máis sacar de centro unha xogada pola banda esquerda remataba co balón no segundo pau, onde Manolo, rodeado de defensores rivais, conectaba un certeiro disparo que batía ao meta local Benito González. E apenas dous minutos despois, un lanzamento bombeado dende fóra da área de José Pérez sorprendía cun efecto de folla seca ao gardamallas marinense e colábase polo centro da portería pegado ao longueiro. Parecía que o encontro ía discurrir de forma cómoda para o Armenteira Veteranos. O control do xogo, a posesión e as continuas aproximacións á área adversaria facían pensar que o terceiro tanto non tardaría en chegar, e con el o ansiado triunfo para un conxunto que leva máis de dous meses sen levarse os tres puntos. Nesta ocasión tampouco sería. Co paso dos minutos a relaxación dos visitantes e a tímida reacción do S.D. Santomé comezaban a indicar que o encontro ía ter emoción. Pouco a pouco o Armenteira Veteranos cedía a posesión e mostraba dúbidas e certa debilidade defensiva ante as escasas chegadas do rival. Nunha xogada individual, na que logrou burlar a varios adversarios, Luis Manuel Renda, empalmaba un disparo dende o vértice dereito da área, e o coiro, tras bater contra o corpo de Sirra, acababa no fondo da rede. O toque de atención fixo espertar ao cadro visitante, que tomou novamente o control da situación nos última fase do primeiro período, e preto estivo de acadar o terceiro tanto, especialmente tras unha serie de remates que lograron repeler entre o porteiro e os defensas marinenses, e nos que deu a impresión de que o balón rebasaba a liña de gol. De nada valeron as reclamacións de Javi Limeres, autor do últimos lanzamentos. Acusaba o Armenteira Veteranos os problemas físicos que leva arrastrando dende fai unhas xornadas o seu goleador Jorge Castro, que non era quen de sacar proveito da súa velocidade nin podía entrar plenamente na disputas cos rivais. Nada máis iniciarse o segundo período Yumas tivo na súa cabeza a sentencia, pero o testarazo do futbolista de Couso foise lixeiramente desviado do pau dereito defendido por Benito González. Foi a primeira das varias ocasións das que disfrutaron os visitantes nesta segunda metade. Un mal entendemento entre Sirra e Charles, na que o defensor cabeceou o balón cara a portería, pillando a media saída ao meta de Couso, deixou o balón nos pés de Luis Manuel Renda, que non desperdiciaba a oportunidade para colocar a igualada. Este infortunio non foi motivo para que o Armenteira Veteranos se rendise, a pesar da súa falta de acerto nos metros finais. Quen tampouco se rendía era Luis Manuel Renda que, tras recibir un balón en profundidade pola zona esquerda do ataque, desfacíase dos defensores, e mediante un lanzamento axustado ao pau longo da meta de Sirra, situaba o tres a dous no marcador. Deprimidos, desesperados, os visitantes parecían ver unha vez máis como se lle escapaba un partido que tiveran nunha situación favorable. Pola contra o Santomé S.D., motivados e co ánimo ao máximo despois da remontada, víase en condicións de acatar o cuarto tanto e de deixar sen opcións ao adversario. Superou esta breve crise o Armenteira Veteranos e un centro dende a banda esquerda, que non foi quen de atallar o meta local, chegou a Marcial, e o extremo de O Marco enganchou unha volea a media altura que foi directa ás mallas marinenses. Non houbo tempo para moito máis, e o reparto de puntos deixaba medianamente safisteitos a ambolos dous conxuntos. O Santomé S.D. continúa na décimo sétima posición, con dez puntos, mentres que o Armenteira Veteranos sitúase un posición por debaixo, cun punto menos que os de San Tomé de Piñeiro. Na próxima xornada a escadra verde e negra recibirá no campo de O Leixo ao Noalla Veteranos, pechacancelas do grupo, con menos dous puntos.
sábado, 25 de xaneiro de 2020
O Armenteira Veteranos e o Carballo da Portela A.C.D. repártense os puntos nun partido con moitas alternativas
FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - CARBALLO DA PORTELA A.C.D. - 3 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS - CARBALLO DA PORTELA A.C.D. - 3 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro, Richi; Martín, Charles, José Pérez, Marcial; Rubén e Galiñanes. Tamén xogaron Javi González, Jorge Dávila e Manolo.
GOLES: 1-0. Minuto 22. José Pérez. 1-1. Minuto 28. José Luis Blanco, de penalti. 2-1. Minuto 56. Galiñanes. 2-2- Minuto 62. Rubén Canosa. 3-2. Minuto 66. Rubén. 3-3. Minuto 73. Pablo Castro.
ÁRBITRO: García Luis. Mostrou cartóns amarelos a José Pérez, Galiñanes e Moncho por parte do Armenteira Veteranos e a José Manuel González por parte do Carballo da Portela A.C.D.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns quince espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo que nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol, debido sobre todo a que a superficie de area fora removida cunha rede nas horas anteriores á disputa do partido.
.
.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos perdeu de novo a oportunidade de atoparse co triunfo. Dende o pasado 23 de novembro, cando vencera ao Zacande-Terras de Curro, non coñece a vitoria o cadro que capitanea José Luis Galiñanes. No encontro deste sábado ante o Carballo da Portela A.C.D. os verdinegros ben puideron levarse a vitoria, oportunidades tiveron para conseguilo, pero tamén é certo que, especialmente no segundo período, o triunfo estivo preto de caír do lado visitante. Tras uns primeiros minutos de tanteo, no que ningún dos dous conxuntos era quen de facerse claramente co dominio, o Armenteira Veteranos foi asentándose sobre o terreo de xogo e pouco a pouco comezou a aproximarse con maior frecuencia polos arredores da meta defendida por Aitor Pérez. No minuto 26 José Pérez, tocando suavemente o coiro no primeiro pau, colaba o balón cara o fondo da rede dos de Barro. Sentíase cada vez máis cómodo o equipo local, que a pesares de sufrir a notable ausencia do mancado Jorge Castro, incluso se vía con posibilidades de incrementar a vantaxe. Pero uns minutos despois, Óscar Barreiro derrubaba a un atacante visitante na área e García Luis decretaba penalti. A pena máxina sería transformada por José Luis Blanco, un futbolista habituado a visitar o campo de O Leixo, aínda que no papel de adestrador, en concreto con clubes como o Meaño F.C. ou a E.F.B. Vilanova. O tanto da igualada deu confianza aos de Barro, que trataban de buscar un fútbol dinámico e insistían nos envíos en profundidade cara uns extremos que se pegaban á liña de cal. Dispuxo nesta parte do encontro o Armenteira Veteranos tamén dalgunha ocasión máis, pero non sería ata a segunda metade cando os verdinegros tomarían novamente vantaxe. Despois de varias aproximacións con perigo, Galiñanes resolvía con elegancia ante Aitor Pérez. Co dous a un no marcador, o Armenteira Veteranos parecía emprender o camiño cara a vitoria. Xa sen Charles nin José Pérez sobre o campo, aos que un evento privou de disputar a segunda metade, os verde e negros eran donos do mediocampo, con Javi González e Martín como encargados da creación do xogo, favorecidos ademais polas continuas imprecisións nos pases do Carballo da Portela A.C.D. Con todo, as dúbidas e a falta de contundencia á hora de despexar un balón permitiron que Pablo Castro, dende fóra da área, empalmara un lanzamento ante o que nada puido facer Sirra. O esférico pasou rozando o pau esquerdo ante a desesperación local. Axiña respondeu o Armenteira Veteranos e Rubén, moi activo na punta de ataque na tarde deste sábado, culminou unha acción individual con disparo coa perna esquerda que volvía poñer por diante aos seus. O público local xa pensaba celebrar a vitoria e os verdinegros buscaban animarse entre eles e confiaban en non cometer erros que arruinasen un triunfo que semellaban ter no peto. Unha polémica decisión dun moi pouco acertado García Luis, ao anular un tanto por suposta posición antirregulamentaria de Marcial, cando o de O Marco partía dende unha situación máis atrasada que os defensores rivais, enervou os ánimos contra o colexiado por parte dos futbolistas de A Armenteira, que ían ver escapar outra ocasión propicia para acadar os tres puntos. Sería tras unha falta no borde da área, magníficamente executada por Rubén Canosa, que permitiu que os visitantes acadasen a igualada. Non se rendiron os futbolistas locais, e non deixaron de intentalo nos últimos minutos, como tampouco fixo o Carballo da Portela A.C.D. que disfrutou asimesmo dalgunha ocasión de relativa claridade nunha recta final do encontro no que os dous equipos, sen apenas recambios no banco de suplentes, acusaban o cansanzo, relaxando a presión, e concedendo amplos espazos ao adversario. Finalmente o resultado non se moveu e o tres a tres final deixou medianamente satisfeitos aos futbolistas dun e doutro equipo. Suma un punto máis ao seu casilleiro o Armenteira Veteranos, ata acadar a cifra de oito, que o mantén na décimo novena posición, precisamente a un punto do rival da próxima xornada, o Santomé S.D., que recibirá aos de O Leixo, o sábado, 1 de febreiro, nas instalacións deportivas de Chan do Piñeiro.
mércores, 22 de xaneiro de 2020
Armenteira terá un especial protagonismo na edición 2020 de FITUR
FITUR, a Feira Internacional de Turismo, é un evento que se celebra anualmente no IFEMA, a Institución Ferial de Madrid, e que, ao longo de cinco días converterase nun punto de encontro global para os e as profesionais do turismo e na feira líder para os mercados receptivos e emisores de turistas de Iberoamérica. Dende 1981 vén celebrándose a que moitos consideran como unha das feiras máis importantes do mundo no seu sector, que na pasada edición bateu o récord de participación, con 10.487 empresas de 165 países e rexións, 142.642 profesionais e 110.848 visitantes de público xeral. Na edición de 2020, entre o 22 e o 26 de xaneiro, conectaranse os profesionais do turismo cos viaxeiros e viaxeiras, e tratarase de proporcionar un espazo para descubrir as tendencias e as innovacións no sector turístico, atendendo especialmente nesta ocasión ao desenvolvemento sostible e ao coidado e respecto polo medioambiente. Como vén sendo habitual diversos países, entidades e institucións estarán presentes na cidade de Madrid para dar a coñecer os seus recursos turísticos. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, e da secretaria xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, será de novo unha das protagonistas no evento, como tamén o será a Deputación de Pontevedra e Mancomunidade de O Salnés. Un papel relevante terá nesta edición a institución que dende o pasado mes de decembro preside Marta Giráldez, alcaldesa de Meis, como tamén o terá o propio Concello meisino. O xoves, 23 de xaneiro, ás 17:30 horas, no Pavillón 9, situado no stand de Galicia, terá lugar un acto de presentación da Mancomunidade de O Salnés, que irá seguido dos que realizarán o Concello de Cambados e o Concello de Meis, no cal, como non podería ser doutro xeito, a parroquia de A Armenteira ocupará un espazo destacado. Numerosas autoridades políticas e representantes e profesionais do sector turístico acudirán a un evento no que o Concello de Meis estará representado polas concelleiras Araceli Maquieira e María Sancho, ademais da alcaldesa Marta Giráldez, que intervirá no acto de presentación, expoñendo os valores, os servizos e as posibilidades que ofrece este territorio á xente que nos visita. Ao mesmo tempo, durante os cinco días que dura a feira, no stand da Mancomunidade de O Salnés, as persoas que asistan poderán contemplar vídeos promocionais e recibir material audivisual sobre a comarca e os municipios que a compoñen. A Armenteira, como un gran referente a nivel turístico, co seu enorme patrimonio histórico, artístico, cultural e natural, co seu marabilloso mosteiro cisterciense, a denominada a catedral de O Salnés, coa Ruta da Pedra e da Auga ou cos seus roteiros e paisaxes arredor do monte Castrove constituirá un dos grandes centros de atracción dun evento multinacional que promociona unha das principais fontes de recursos da economía de España, de Galicia, do noso Concello e da nosa parroquia.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)











