Buscar neste blog

sábado, 25 de xaneiro de 2020

O Armenteira Veteranos e o Carballo da Portela A.C.D. repártense os puntos nun partido con moitas alternativas

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - CARBALLO DA PORTELA A.C.D. - 3 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro, Richi;  Martín, Charles, José Pérez, Marcial; Rubén e Galiñanes. Tamén xogaron Javi González, Jorge Dávila e Manolo.
GOLES: 1-0. Minuto 22. José Pérez. 1-1. Minuto 28. José Luis Blanco, de penalti. 2-1. Minuto 56. Galiñanes. 2-2- Minuto 62. Rubén Canosa. 3-2. Minuto 66. Rubén. 3-3. Minuto 73. Pablo Castro.
ÁRBITRO: García Luis. Mostrou cartóns amarelos a José Pérez, Galiñanes e Moncho por parte do Armenteira Veteranos e a José Manuel González por parte do Carballo da Portela A.C.D.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns quince espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo que nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol, debido sobre todo a que a superficie de area fora removida cunha rede nas horas anteriores á disputa do partido.
.
 CRÓNICA
O Armenteira Veteranos perdeu de novo a oportunidade de atoparse co triunfo. Dende o pasado 23 de novembro, cando vencera ao Zacande-Terras de Curro, non coñece a vitoria o cadro que capitanea José Luis Galiñanes. No encontro deste sábado ante o Carballo da Portela A.C.D. os verdinegros ben puideron levarse a vitoria, oportunidades tiveron para conseguilo, pero tamén é certo que, especialmente no segundo período, o triunfo estivo preto de caír do lado visitante. Tras uns primeiros minutos de tanteo, no que ningún dos dous conxuntos era quen de facerse claramente co dominio, o Armenteira Veteranos foi asentándose sobre o terreo de xogo e pouco a pouco comezou a aproximarse con maior frecuencia polos arredores da meta defendida por Aitor Pérez. No minuto 26 José Pérez, tocando suavemente o coiro no primeiro pau, colaba o balón cara o fondo da rede dos de Barro. Sentíase cada vez máis cómodo o equipo local, que a pesares de sufrir a notable ausencia do mancado Jorge Castro, incluso se vía con posibilidades de incrementar a vantaxe. Pero uns minutos despois, Óscar Barreiro derrubaba a un atacante visitante na área e García Luis decretaba penalti. A pena máxina sería transformada por José Luis Blanco, un futbolista habituado a visitar o campo de O Leixo, aínda que no papel de adestrador, en concreto con clubes como o Meaño F.C. ou a E.F.B. Vilanova. O tanto da igualada deu confianza aos de Barro, que trataban de buscar un fútbol dinámico e insistían nos envíos en profundidade cara uns extremos que se pegaban á liña de cal. Dispuxo nesta parte do encontro o Armenteira Veteranos tamén dalgunha ocasión máis, pero non sería ata a segunda metade cando os verdinegros tomarían novamente vantaxe. Despois de varias aproximacións con perigo, Galiñanes resolvía con elegancia ante Aitor Pérez. Co dous a un no marcador, o Armenteira Veteranos parecía emprender o camiño cara a vitoria. Xa sen Charles nin José Pérez sobre o campo, aos que un evento privou de disputar a segunda metade, os verde e negros eran donos do mediocampo, con Javi González e Martín como encargados da creación do xogo, favorecidos ademais polas continuas imprecisións nos pases do Carballo da Portela A.C.D. Con todo, as dúbidas e a falta de contundencia á hora de despexar un balón permitiron que Pablo Castro, dende fóra da área, empalmara un lanzamento ante o que nada puido facer Sirra. O esférico pasou rozando o pau esquerdo ante a desesperación local. Axiña respondeu o Armenteira Veteranos e Rubén, moi activo na punta de ataque na tarde deste sábado, culminou unha acción individual con disparo coa perna esquerda que volvía poñer por diante aos seus. O público local xa pensaba celebrar a vitoria e os verdinegros buscaban animarse entre eles e confiaban en non cometer erros que arruinasen un triunfo que semellaban ter no peto. Unha polémica decisión dun moi pouco acertado García Luis, ao anular un tanto por suposta posición antirregulamentaria de Marcial, cando o de O Marco partía dende unha situación máis atrasada que os defensores rivais, enervou os ánimos contra o colexiado por parte dos futbolistas de A Armenteira, que ían ver escapar outra ocasión propicia para acadar os tres puntos. Sería tras unha falta no borde da área, magníficamente executada por Rubén Canosa, que permitiu que os visitantes acadasen a igualada. Non se rendiron os futbolistas locais, e non deixaron de intentalo nos últimos minutos, como tampouco fixo o Carballo da Portela A.C.D. que disfrutou asimesmo dalgunha ocasión de relativa claridade nunha recta final do encontro no que os dous equipos, sen apenas recambios no banco de suplentes, acusaban o cansanzo, relaxando a presión, e concedendo amplos espazos ao adversario. Finalmente o resultado non se moveu e o tres a tres final deixou medianamente satisfeitos aos futbolistas dun e doutro equipo. Suma un punto máis ao seu casilleiro o Armenteira Veteranos, ata acadar a cifra de oito, que o mantén na décimo novena posición, precisamente a un punto do rival da próxima xornada, o Santomé S.D., que recibirá aos de O Leixo, o sábado, 1 de febreiro, nas instalacións deportivas de Chan do Piñeiro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario