Buscar neste blog

mércores, 22 de xaneiro de 2020

Armenteira terá un especial protagonismo na edición 2020 de FITUR

FITUR, a Feira Internacional de Turismo, é un evento que se celebra anualmente no IFEMA, a Institución Ferial de Madrid, e que, ao longo de cinco días converterase nun punto de encontro global para os e as profesionais do turismo e na feira líder para os mercados receptivos e emisores de turistas de Iberoamérica. Dende 1981 vén celebrándose a que moitos consideran como unha das feiras máis importantes do mundo no seu sector, que na pasada edición bateu o récord de participación, con 10.487 empresas de 165 países e rexións, 142.642 profesionais e 110.848 visitantes de público xeral. Na edición de 2020, entre o 22 e o 26 de xaneiro, conectaranse os profesionais do turismo cos viaxeiros e viaxeiras, e tratarase de proporcionar un espazo para descubrir as tendencias e as innovacións no sector turístico, atendendo especialmente nesta ocasión ao desenvolvemento sostible e ao coidado e respecto polo medioambiente. Como vén sendo habitual diversos países, entidades e institucións estarán presentes na cidade de Madrid para dar a coñecer os seus recursos turísticos. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, e da secretaria xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, será de novo unha das protagonistas no evento, como tamén o será a Deputación de Pontevedra e Mancomunidade de O Salnés. Un papel relevante terá nesta edición a institución que dende o pasado mes de decembro preside Marta Giráldez, alcaldesa de Meis, como tamén o terá o propio Concello meisino. O xoves, 23 de xaneiro, ás 17:30 horas, no Pavillón 9, situado no stand de Galicia, terá lugar un acto de presentación da Mancomunidade de O Salnés, que irá seguido dos que realizarán o Concello de Cambados e o Concello de Meis, no cal, como non podería ser doutro xeito, a parroquia de A Armenteira ocupará un espazo destacado. Numerosas autoridades políticas e representantes e profesionais do sector turístico acudirán a un evento no que o Concello de Meis estará representado polas concelleiras Araceli Maquieira e María Sancho, ademais da alcaldesa Marta Giráldez, que intervirá no acto de presentación, expoñendo os valores, os servizos e as posibilidades que ofrece este territorio á xente que nos visita. Ao mesmo tempo, durante os cinco días que dura a feira, no stand da Mancomunidade de O Salnés, as persoas que asistan poderán contemplar vídeos promocionais e recibir material audivisual sobre a comarca e os municipios que a compoñen. A Armenteira, como un gran referente a nivel turístico, co seu enorme patrimonio histórico, artístico, cultural e natural, co seu marabilloso mosteiro cisterciense, a denominada a catedral de O Salnés, coa Ruta da Pedra e da Auga  ou cos seus roteiros e paisaxes arredor do monte Castrove constituirá un dos grandes centros de atracción dun evento multinacional que promociona unha das principais fontes de recursos da economía de España, de Galicia, do noso Concello e da nosa parroquia.




Ningún comentario:

Publicar un comentario