Buscar neste blog

sábado, 26 de febreiro de 2022

O triunfo escápaselle nos minutos finais ao Armenteira C.F. feminino en O Mosteiro

                                                                FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA C.F.-CLUB DEPORTIVO AGAELA- 2 - 2
ARMENTEIRA C.F: Lola; Sara Torres, Luci; Cris, Anabel; e Antía. Tamén xogaron Paula Sineiro e Carla.

GOLES: 1-0. Minuto 20. Inés Nieto. 1-1. Minuto 28. Cris, de penalti. 2-1. Minuto 35. Valeria Oliveira. 2-2. Minuto 38. Luci. 2-3. Minuto 41. Cris. 3-3. Minuto 54. Valeria Oliveira. 4-3. Minuto 58. Valeria Oliveira.

ÁRBITRO: Aboufaris Boufaris. Non mostrou cartóns ás xogadoras nin ao corpo técnico de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada da segunda fase do grupo 1B Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, ante uns corenta espectadores, nunha soleada e despexada, cunha temperatura temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. estivo a piques de traer os tres puntos da súa visita ao campo Municipal de Meis. Pouco lle faltou ao cadro que dirixe Marcial Prado para alcanzar un triunfo que, ao tenor do visto sobre o campo de fútbol de O Mosteiro, podería facer xustiza ao ocorrido ao longo dos sesenta minutos de xogo. Nunha tarde de sábado soleada e cun excelente ambiente de fútbol no Municipal de Meis, e coa música de fondo das comparsas do desfile de Entroido que tiña lugar ao mesmo tempo polas rúas da capital do Concello de Meis, os equipos femininos da liga de fútbol-7 do C.D. Mosteiro e do Armenteira C.F. víanse as caras nun partido por terceira ocasión na temporada. Nas anteriores ocasións o triunfo caera do lado das de O Mosteiro, que de novo partían como claras favoritas, tendo en conta ademais as importantes ausencias coas que se presentaban as visitantes. Sen Alba por motivos laborais, e Rocío, Noelia, Sara Rey e Paula Padín por diversos problemas de saúde, parecía agardarse un triunfo cómodo para o cadro local. Nos primeiros minutos o C.D. Mosteiro decidiu asumir esa condición de favorito e fíxose coa posesión do balón e co control do xogo, aínda que non atopaba a forma de facer dano á defensa verdinegra. Pero, as mozas do Armenteira C.F., que este sábado estreaban a segunda equipación, unha vistosa camisola celeste patrocinada, ao igual que a equipación titular, pola empresa Desguaces Leiro, comezaron a deixarse ver polas inmediacións da meta local. A sociedade formada por Cris e Luci, dúas rapazas incorporadas recentemente ás filas da entidade verdinegra, cunha calidade que sobresae sobre o nivel medio da liga, eran a principal fonte de perigo das de A Armenteira. Os primeiros disparos a porta do partido correron a cargo de Cris, aínda que sería o C.D. Mosteiro o que se adiantaría no marcador. Foi tras unha combinación ofensiva local, no que Inés Nieto se atopa co balón na área e, case tropezando, arrastra o pé para enviar o coiro ao fondo das mallas defendidas por Lola. Non tardou en reaccionar o Armenteira C.F. e, nunha nova combinación entre Cris e Luci, esta última e derrubada na área por unha defensora do C.D. Mosteiro. A perfecta execución da pena máxima por parte de Cris servía para igualar o encontro. Na segunda metade a situación de equilibrio mantívose. Como na primeira metade, o C.D. Mosteiro dominaba a posesión, mentres que o Armenteira C.F. era quen armaba accións de maior perigo. Valeria Oliveira, tras recibir soa ante Lola, situaba de novo por diante ás locais pero, pouco despois, unha nova creación da sociedade Cris-Luci volver poñer o equilibrio no marcador. Unha excepcional asistencia de Cris deixaba soa a Luci ante Nuria Cores, para que a de Poio definise cunha gran mestría. Eran os mellores minutos do Armenteira C.F., que se vía con posibilidades de levarse os tres puntos e así, pouco despois, tras unha falta cometida sobre Antía, cando esta gañara unha disputa a unha rival nun envío en profundidade, Cris colocaba en vantaxe ás visitantes. A potencia do lanzamento foi tal que o coiro saiu rebotado cara o terreo de xogo, de xeito que entre o público houbo quen creu que o disparo non foi entre os tres paus. O pánico extendíase entre as xogadoras e a afección local, que se vían sorprendidos por un rival ao que venceran con facilidade nas dúas anteriores ocasións nas que se enfrontaran nesta campaña, e que, de saír derrotadas neste sábado de Entroido, perderían case todas as opcións de achegar ao título desta segunda fase da liga. Pero desta volta a fortuna aliaríase co cadro de O Mosteiro. Nunha xogada desgraciada, un balón sen apenas complicacións esvaraba das mans e colábase entre as pernas de Lola, permitindo que unha atenta Valeira Oliveira lograse o tres a tres. Xa cando o encontro chegaba á súa fin, un pelotazo cara a área do Armenteira C.F. que as zagueiras verdinegras non logran despexar de primeiras, e que acaba coa pelota botando na área, entre sucesivos despexes, permite que novamente Valeria Oliveira, que se asomaba libre de marca polo costado esquerdo, batese a Lola para culminar a remontada local. Aínda que as de A Armenteira trataron á desesperada de alcanzar canto menos o empate nas últimas accións, isto non foi posible, e o triunfo quedaría en O Mosteiro. A boa imaxe deixada polas verdinegras no Municipal de Meis contrastaba coa decepción dun resultado adverso, que consideraban inxusto. Pagou moi caros os seus erros o Armenteira C.F., que queda na quinta posición, con cinco puntos. Na próxima xornada a formación verdinegra deberá recibir no campo de O Leixo ao Tyde F.C. "B", que ocupa a cuarta posición, con nove puntos.







sábado, 19 de febreiro de 2022

Importante triunfo do Armenteira Veteranos ante o Godos C.F. nun partido de gran intensidade

                                                                 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS-GODOS C.F. VETERANOS - 3 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Moncho; Rubén, Javi González, José Pérez, Júnior; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Richi, Marcial, Marcos, Rafa, Manolo, Cacabelos e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 19. Carlos Mella. 1-1. Minuto 34. José Pérez. 2-1. Minuto 61. Jorge Castro. 3-1. Minuto 90. Jorge Castro.

ÁRBITRO: Carballal Pérez. Mostrou cartón amarelo a Luis Manuel Fernández por parte do Godos C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos sacou adiante un dos partidos máis determinantes dos que tiña que afrontar no que resta de temporada. Era un partido clave porque visitaba o campo de O Leixo un dos máis directos rivais do cadro verdinegro, o sempre esixente e correoso Godos C.F. Veteranos. Se no partido de ida o encontro rematara en táboas tras unha intensa batalla futbolística entre os dous equipos, neste caso a vitoria caiu do lado dos de A Armenteira, e tamén foi nun encontro de gran intensidade. A tarde do sábado presentábase soleada no alto de O Busto, nun escenario ideal para disfrutar dunha xornada de fútbol. E o partido non defraudou. Desde o primeiro minuto ambos os dous conxuntos entregáronse ao máximo, cun gran desgaste físico. Con todo, o xogo desenvolvíase nas zonais centrais do campo e as ocasións tardaron en chegar. Tras unhas tímidas aproximacións do Armenteira Veteranos, sería o equipo visitante o que se encargaría de estrear o marcador. Foi tras unha acción de ataque dos de Caldas, na que houbo unha serie de despexes, que deron co coiro nos pés de Carlos Mella que, sen deixar caer o balón, empalmou unha portentosa volea que se colou pola escadra esquerda da meta defendida por Sirra. Abatido polo gol encaixado, custoulle repoñerse ao Armenteira Veteranos pero, guiado por Javi González e José Pérez desde a zona de mediocentros e coa presenza sempre amenazante de Jorge Castro na dianteira, os de O Leixo comezaron a gañar terreo e a deixarse ver polos arredores da portería do Godos C.F. Veteranos. A solidez da defensa visitante rompeuse cando José Pérez, despois de recoller un rexeitamento cara ao interior da área dos de Godos, enganchou un potente disparo ante o que nada puido facer o gardamallas Julián Carballo. O equilibrio no marcador ben o puido romper o veloz atacante Daniel Ospina, se que colocou polo centro da zaga verdinegra e se plantou man a man con Sirra, pero o cancerbeiro de Couso, sobervio unha vez máis, logrou evitar o gol. Tras a reanudación, o equilibrio persistiu no xogo, con alternativas por parte de ambos os dous bandos. Tras avisar por mediación de Jorge Castro e Rubén, con sendas oportunidades, sería o propio Jorge Castro, despois dunha rápida acción colectiva, na que recibiu unha magnífica asistencia de Suso, o que colocaría por diante ao Armenteira Veteranos. A lesión de Moncho, que se uniu á de Víctor, que nin sequera puido saltar ao terreo de xogo, e á de Marcial, que tivo que abandonar o campo tamén con problemas físicos, debilitaron á formación verde e negra, que viu ademais como Sirra, ao que reclamaban as obrigas laborais, tiña que irse do campo, cedendo a testemuña baixo os paus a Javi González. A merma de efectivos, xunto coa presión e as continuas acometidas do Godos C.F. Veteranos fixeron sufrir á defensa local, que tiña que se tiña que multiplicar para parar os ataques rivais. Sen ser capaz de manter a posesión, e en base a un fútbol excesivamente directo, o Armenteira Veteranos trataba de deter as entradas polos costados dun cadro rival máis fino á hora de manexar o balón. Pero, coma sempre, o contragolpe vou ser letal para os de O Leixo e, como non, con Jorge Castro como gran referencia. Houbo que agardar ao tempo engadido, aspecto no que o colexiado Carballal Pérez estivo xeneroso, engadindo aproximadamente uns cinco minutos, para que unha arrancada de Jorge Castro, cos de Godos emborcados sobre a meta local, rematase cunha fantástica definición por parte do dianteiro de Vilar. Unha vitoria por tres tanto a un, ante un rival directo, que permite que o Armenteira Veteranos supere na clasificación ao seu opoñente deste sábado, pero que, debido a que o equipo verdinegro lle correspondeu a xornada de descanso nada máis comezar a segunda volta e que, polo tanto, conta cun partido disputado menos ca a maioría dos equipos do grupo, manteñen aos de A Armenteira na quinta posición, con vinte puntos. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos deberá rendir visita a outro rival directo, como Os Raposos, terceiro clasificado, con vintetrés puntos, de xeito que, de vencer en Noalla, igualarían a puntuación do seu adversario e poderían superalo na clasifación en base ao gol average.



sábado, 12 de febreiro de 2022

Contundente triunfo do Armenteira Veteranos en Baltar de Arriba ante o Dorrón C.F. Veteranos

 

                                                                     FICHA TÉCNICA


DORRÓN C.F. VETERANOS-ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 5
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Óscar Barreiro, Moncho; Rubén, Javi González, José Pérez, Martín; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Júnior, Manolo e Marcial.

GOLES: 0-1. Minuto 2. Jorge Castro. 0-2. Minuto 13. Rubén. 0-3. Minuto 63. Marcial. 0-4. Minuto 71. Jorge Castro, de penalti. 0-5. Minuto 89. Javi González. 

ÁRBITRO: Suárez Méndez. Mostrou cartón amarelo a Benito Rey por parte do Dorrón C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo terceira xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de Baltar de Arriba, en Sanxenxo, ante uns quince espectadores, nunha tarde-noite fresca e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou unha contundente vitoria no partido disputado este sábado, 12 de febreiro, no campo de Baltar de Arriba ante o Dorrón C.F. Veteranos. Era o primeiro partido da segunda volta da liga para o equipo verde e negra eante un rival dunha parroquia colindante co que o Armenteira Veteranos sempre tivo unha especial rivalidade. O encontro foi cómodo para os de A Armenteira, que axiña se adiantaron no marcador e que pouco a pouco foron impoñendo a súa autoridade e a superioridade sobre o terreo de xogo. A nota de cor púxoa a enfervorizada afección que desprazou desde Dorrón a Baltar, que en todo momento estivo animando ao seu equipo, a pesares de que o marcador non era favorable aos intereses do conxunto que xogaba como local. Nada máis comezar Jorge Castro, nunha das súas clásicas arrincadas polo centro da defensa rival, quedábase ante o meta José Ramón Burgos, e colocaba en vantaxe ao Armenteira Veteranos. Concentrados e con confianza sobre o terreo de xogo, perfectamente dirixidos desde a zona de creación por Javi González e José Pérez os de A Armenteira fixéronse claros dominadores do xogo. Nunha acción combinativa, Rubén recibe unha asistencia de Jorge Castro desde a liña de fondo para poñer o cero a dous. A vantaxe no marcador provocou unha certa relaxación nos visitantes, que cederon algo de terreo na parte final do primeiro período, permitindo que o Dorrón C.F. Veteranos se aproximase algo ás inmediacións da meta defendida por Sirra, aínda que sen poñer en excesivos apuros ao gardamallas de Couso. No segundo período parecía que os de Dorrón querían asumir o control do xogo, e trataban de inquedar á defensa verdinegra. Ademais, o Armenteira Veteranos xa non contaba coa presenza de José Pérez, ao que as obrigas laborais obrigaron a abandonar o partido no tempo de descanso. As imprecisións e os desaxustes tácticos dos futbolistas visitantes non eran aproveitados por un cadro local bastante falto de pegada que sufría cada vez que os de A Armenteira realizaban unha xogada de contragolpe, nas que a figura de Jorge Castro resultaba tremendamente intimidante para os defensores locais. Tras dispoñer de varias ocasións para ampliar distancia no marcador, Marcial poría o tres a cero nun grave erro da defensa do Dorrón C.F., na que un defensor, despois de interceptar un ataque verdinegro, cedeu o balón a Marcial na área pequena, e o futbolista de O Marco non perdoaría. Os minutos finais foron un auténtico paseo para o Armenteira Veteranos, que incluso se permitiu o luxo de combinar, triangular e de deixar un variados repertorio de recursos técnicos, que non foron do agrado da afección de Dorrón que, ao tempo animaba aos seus xogadores, increpaba e lanzaba algúns apupos aos futbolistas visitantes. Chegarían dous tantos máis para o Armenteira Veteranos na recta final do encontro. Primeiro sería Jorge Castro, ao converter unha pena máxima cometida polo meta José Ramón Burgos sobre Javi González, e despois sería o propio Javi González, xa no minuto 89, o encargado de pechar a conta goleadora verdinegra cun potente lanzamento desde fóra da área, imposible de alcanzar para o cancerbeiro local. Con estes tres puntos o Armenteira Veteranos sitúase na sexta posición da táboa con dezasete puntos. Na próxima fin de semana a escadra verdinegra deberá recibir no campo de O Leixo ao Godos C.F. Veteranos, un equipo que atopa na quinta posición, con dezaito puntos, é dicir, un posto por enriba e cun punto máis que os de A Armenteira, na que será unha cita clave de cara ás súas aspiracións na liga, ante un rival que sempre resultou particularmente complicado para o Armenteira Veteranos.


Un reforzado Armenteira C.F. feminino empata ante o Club Deportivo Agaela e suma tres xornadas consecutivas sen perder

                                                                      FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA C.F.-CLUB DEPORTIVO AGAELA- 2 - 2
ARMENTEIRA C.F: Lola; Sara Torres, Ana; Luci, Alba, Sara Rey; e Cris. Tamén xogaron Paula Sineiro, Anabel, Antía e Carla.

GOLES: 0-1. Minuto 11. Olalla Corbo. 1-1. Minuto 18. Cris. 2-1. Minuto 45. Cris. 1-1. Minuto 47. Sarai Sobral.

ÁRBITRO: Crespo Trujillo. Non mostrou cartóns ás xogadoras nin ao corpo técnico de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada da segunda fase do grupo 1B Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, ante uns vinte espectadores, nunha noite fresca e despexada, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de terra nunhas condicións aceptables.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. encadena xa tres partidos consecutivos sen coñecer a derrota. Tras o empate do pasado venres ante o San Roque Casablanca e a vitoria do sábado ante o Cultural Areas, nesta xornada, tamén en horario nocturno e novamente en venres, o cadro verdinegro logrou un valioso empate ante un dos rivais máis poderosos do grupo, o Club Deportivo Agaela. As de Cangas do Morrazo, que venceran claramente por cero goles a cinco no partido da primeira fase que tivera lugar no campo de O Leixo, atopáronse na noite deste venres, 11 de febreiro, Armenteira C.F. cambiado, máis potente, cunha convocatoria de once xogadores, pese ás baixas por motivos médicos de Rocío, Paula Padín e Noelia Oubiña, e reforzado coas incorporación de Luci e Cris, dúas fichaxes incorporadas recentememte e que contribuíron a dar un importante salto de calidade ao equipo. O encontro foi entretido, con alternativas por parte de ambos os dous bandos, no que aínda que quizais as locais dispuxeron de máis oportunidades de gol, o resultado final de empate pode considerarse como xusto. Tras uns primeiros minutos de tanteo, Olalla Corbo conseguía adiantar ao Club Deportivo Agaela cun disparo desde a zona dereita do costado de ataque das de Cangas. Non se amilaron as verdinegras, e seguiron buscando a portería visitante. Con Cris como futbolista máis adiantada, o Armenteira C.F. era quen de poñer en apuros a liña defensiva do Club Deportivo Agaela. Froito dese traballo, unha acción de Cris, na que se colou polo centro da zaga canguesa, servía para poñer a igualada. Tras a reanudación a tónica do partido continou sendo a mesma. Un potente disparo de Cris desde fóra da área, ante o que nada puido facer a gardamallas Elena Alves, colocaba por diante ás futbolista do clube e negro. Pouco lle durou a alegría ás locais, xa que tras unha acción de ataque na que deixaron a defensa desguarnecida, unicamente con Ana protexendo a zona, Sarai Sobral iniciaba unha arrancada e plantábase soa ante Lola para situar o dous a dous no marcador. Na recta final do encontro houbo ocasións para ambos os dous equipos, pero tanto Lola como a meta visitante Elena Alves interviron con éxito ante as acometidas rivais. A intensidade dos minutos finais deixou minadas ás xogadoras locais, pois tanto Sara Rey como Cris tiveron que retirarse mancadas do terreo de xogo, debido aos fortes golpes que sufriron na disputas de balón coas futbolistas do Club Deportivo Agaela, moito máis experimentadas e acostumadas ao fútbol de contacto. Con este empate o Armenteira C.F. feminino sitúase no quinto posto da táboa clasificatoria, con cinco puntos, á espera de rendir visita na próxima fin de semana ao Campo de San Pedro para medirse ao Marín C.F., segundo clasificado, con dez puntos.




domingo, 6 de febreiro de 2022

O equipo feminino do Armenteira C.F. logra o primeiro triunfo da temporada tras superar ao Cultural Areas en O Leixo

                                                                     FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA C.F.-CULTURAL AREAS- 2 - 0
ARMENTEIRA C.F: Lola; Sara Torres, Ana; Sara Rey, Alba, Anabel; e Antía. Tamén xogaron Paula Sineiro e Carla.

GOLES: 1-0. Minuto 40. Alba. 2-0. Minuto 44. Alba.

ÁRBITRO: Rey Aguiar. Non mostrou cartóns ás xogadoras nin ao corpo técnico de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da segunda fase do grupo 1B Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, ante uns vintecinco espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de terra algo dura e irregular.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou a primeira vitoria da temporada 2021/2022 tras vencer por dous tantos a dous ao Cultural Areas. O cadro que dirixe Marcial Prado sumou os seus primeiros tres puntos da campaña nunha fin de semana intensa de fútbol para as rapazas que lucen as cores verdinegras. O venres, o Armenteira C.F. feminino desprazouse ata Vigo onde, no campo do Complexo Deportivo Armando Cajaraville de Samil, se mediu ao San Roque Casablanca, nun encontro que rematou con empate a cero goles, pero que será lembrado pola grave lesión de Noelia Oubiña. A futbolista verdinegra sufriu unha torcedura de xeonllo cando se dispoñía a rematar a portería ante a presenza da gardamallas local, provocándolle unha forte dor, que a mantivo tendida sobre o terreo de xogo aproximadamente unha hora, tempo que tardou en chegar unha asistencia médica, seguida minutos despois por unha ambulancia medicalizada. Este feito causou unha tremenda indignación tanto na expedición do Armenteira C.F. como do San Roque Casablanca, que telefoneaban unha e outra vez aos números 061 e 112, recibindo como resposta que non había ambulancias dispoñibles nese momento para a área sanitaria de Vigo. A falta das probas que se lle realizarán ao longo desta semana, todo indica que Noelia será baixa durante unhas cantas xornadas.

No referido ao partido do sábado, as rapazas do Armenteira C.F. souberon facer fronte tanto ao cansanzo acumulado nas súas pernas despois do partido disputado o día anterior, como á oposición dun Cultural Areas que trataba de inaugurar o seu casilleiro de puntos na presente temporada. Cun esquema no que Marcial Prado adiantou a posición de Alba á zona de mediocampo, para aproveitar así a pegada da futbolista vilanovesa, o cadro verdinegro tardou en tomarlle o pulso ao encontro. Intentaba combinar e xerar fútbol o Cultural Areas, pero atopábase cun Armenteira C.F. ordenado e sólido en defensa, que de cando en vez buscaba a meta rival nas escasas opcións de contragolpe que puido armar durante a primeira metade. Tras a reanudación, o conxunto local foi encontrándose pouco a pouco máis cómodo sobre o campo, e con Alba como principal referente ofensivo, comezou a inquedar a meta defendida por Miriam González. Os potentes lanzamentos de Alba eran repelidos para gardamallas do cadro de Ponteareas, ata que, no minuto 40, conseguiu empalmar un disparo ante o que nada poido facer a cancerbeira visitante. O coiro foi con tanta forza que rebotou cara o terreo de xogo desde o lateral dereito da rede. Escasos minutos despois, de novo un potente lanzamento desde fóra da área de Alba poñía o dous a cero no marcador. Soubo administrar o Armenteira C.F. esta cómoda vantaxe nos minutos restantes, e nas poucas ocasións que o equipo visitante se presentou ante a meta de Lola, ben a gardamallas de Vilariño, ou ben a defensa, resolveron as situacións con solvencia. O triunfo foi recibido con especial alegría entre as xogadoras, corpo técnico e Xunta Directiva, xa que ademais de representar o primeiro da temporada, serviu para homenaxear a Noelia Oubiña, a cal seguiu con atención desde o seu domicilio o desenvolvemento do encontro, e nada máis coñecer o resultado quixo mostrar a súa satisfacción a través das redes internas de mensaxería. Con esta vitoria a escadra verdinegra colócase na cuarta posición, con catro puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao Club Deportivo Agaela de Cangas do Morrazo, un dos máximos favoritos a optar ao campionato nesta segunda fase da liga.





domingo, 30 de xaneiro de 2022

O Armenteira Veteranos cae pola mínima tras quedarse en inferioridade en Berdón

                                                                     FICHA TÉCNICA


AF7 BAR MADIA LEVA-ARMENTEIRA VETERANOS - 1-0
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Castro, Carlos Muniz, Óscar Barreiro; Rubén, José Pérez, Javi González, Martín, Júnior; e Jorge Castro. Tamén xogaron Jorge Dávila, Marcos, Marcial, Galiñanes e Rafa.

GOLES: 1-0. Minuto 70. Borja Doval. 

ÁRBITRO: Caeiro Abalo. Mostrou cartóns amarelos a Jorge Dávila, Galiñanes, Moncho, Javi González e, por partida dobre a Carlos Castro, por parte do Armenteira Veteranos, e a David Pérez e Pablo Nine por parte do AF7 Bar Madia Leva.

INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante uns quince espectadores, nunha tarde-noite fresca e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos perdeu a oportunidade de auparse ao terceiro posto da táboa tras perder na tarde-noite deste sábado, 29 de xaneiro, ante o AF7 Bar Madia Leva no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa. De vencer, o cadro verdinegro colocaríase nos postos de honra do grupo A da Terceira Galicia, e nunhas condicións inmellorable para manter esa posición privilexiada, xa que todos os seus potenciais rivais acudirán a O Leixo como visitantes na segunda volta da liga. Foi tras un partido entretido, igualado, no que calquera dos dous conxuntos puido levarse a vitoria e no que quizais o máis xusto fose que rematase cun reparto de puntos. Pero houbo un feito determinante que marcou o rumbo do encontro e ese foi a expulsíón de Carlos Castro por dobre cartón amarelo a vinte minutos para o final. De feito, nada máis quedarse en inferioridade numérica os de A Armenteira recibiron o primeiro e único tanto que Sirra encaixou este sábado en terras vilagarcianas. A tónica do partido foi case a mesma desde o inicio. O AF7 Bar Madia Leva, un equipo con bos peloteiros e que aposta polo fútbol combinativo e o bo trato do balón, trataba de construír as xogadas combinando desde a defensa e, despois de traspasar a segunda liña do Armenteira Veteranos, buscaba con envíos en diagonal as costas dos laterais verdineiros, unha arma que dominan perfectamente nun campo dunha anchura considerable como o de Berdón. Borja Doval, posiblemente o futbolista de maior calidade dos vilagarciáns, e que fai apenas tres anos formaba parte do plantel do C.D. Mosteiro na Segunda Autonómica de categoría de afeccionados, actuaba como arquitecto do xogo do cadro local. Por el pasaban practicamente todas as accións de ataque e era o que trazaba a maior parte dos envíos en longo en dirección a uns extremos que abrían o campo pegados á marca de banda. Con todo, o Armenteira Veteranos mostrábase sólido e ordenado e, de cando en vez, armaba perigosas ofensivas de contraataque. Foi así como Jorge Castro dispuxo da primeira gran ocasión do encontro, aínda que neste caso o artilleiro de Vilar non estivo atinado, como tampouco o estivo José Pérez escasos minutos despois, nunha ocasión aínda máis clara, na o balón bicou o lateral do poste dereito da meta do AF7 Bar Madia Leva. Pese a que o dominio do esférico correspondía aos locais o Armenteira Veteranos gozaba das oportunidades máis claras, e de novo Jorge Castro, Rubén ou Martín cun lanzamento de longa distancia, que repelou o porteiro José Luis Piñeiro, ben puideron adiantar aos de A Armenteira. Adoecía de falta de pegada o AF7 Bar Madia Leva, que non conseguía poñer en apuros a Sirra. A gran ocasión para os vilagarciáns neste primeiro período estivo nunha pena máxima decretada polo colexiado Caeiro Abalo tras deixarse caer ao chan un atacante local ao sentir o leve contacto sobre unha media por parte da bota dun defensor do Armenteira Veteranos. Desperdiou a ocasión Pablo Nine ao enviar o coiro contra o poste dereito da meta de Sirra. Coa igualada no marcador o rumbo do partido continou sendo similar no segundo período. O Armenteira Veteranos mantíñase ben plantado sobre o terreo de xogo intentando recuperar rápido o balón para sorprender nun contragolpe. As accións de perigo dos locais reducíanse a disparos desde fóra da área, ante os cales Sirra se mostraba moi seguro. Cando o partido parecía camiñar cara un empate, en dúas accións case seguidas nas que o sempre contundente Carlos Castro actuou con gran intensidade, e nas que cometeu falta, foron sancionadas con sendos cartóns amarelos por Caeiro Abalo. Cun futbolista menos sobre o terreo de xogo a misión de lograr os tres puntos complicábase para o Armenteira Veteranos. Apenas dous minutos despois da expulsión de Carlos Castro, unha gran xogada individual de Borja Doval, na que penetra polo centro da defensa ata a área tras irse de varios rivais e verse favorecido por unha serie de rexeitamentos, remate cun toque sutil do futbolista vilagarcián que finaliza no fondo das mallas de Sirra. Non fixo caso o colexiado ás protestar dos futbolistas do Armenteira Veteranos, que se queixaban de que o atacante local se levou o balón coa man nun deses rexeitamentos, e o tanto subiu ao marcador. Tratoron os verdinegros de alcanzar canto menos a igualada nos minutos finais e incluso dispuxeron dunha clara ocasión nos pés de Jorge Castro, na que o control se lle escapou ao dianteiro de Vilar, pero finalmente os tres puntos acabaron quedando en Berdón. Con esta derrota, o Armenteira Veteranos mantense na quinta posición, con catorce puntos. A próxima xornada será de descanso para os de O Leixo, o que aproveitarán para repoñer forzas antes de medirse ao Dorrón C.F. Veteranos no que será o primeiro partido da segunda volta para a formación verde e negra.

sábado, 22 de xaneiro de 2022

O Armenteira Veteranos supera á S.D. Puentearnelas nun partido non demasiado brillante

  FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA VETERANOS-S.D. PUENTEARNELAS - 4 - 72
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Muñiz, Marcos, Richi; Rubén, Martín, Júnior, Marcial; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Jorge Dávila, Rafa, Javi González, Óscar Barreiro e Carlos Castro.

GOLES: 1-0. Minuto 5. Jorge Castro. 2-0. Minuto 31. Rubén. 2-1. Minuto 40. Guillermo Borrageiros. 3-1. Minuto 48. Manuel Mouriño, en propia meta. 3-2. Minuto 72. César Fariña. 4-2. Minuto 75. Jorge Castro. 

ÁRBITRO: Otero Otero. Mostrou cartóns a Richi e Carlos Castro por parte do Armenteira Veteranos e a Rafa Fernández por parte da S.D. Puentearnelas.

INCIDENCIAS: Partido da décima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo cunha superficie dura, compacta e irregular, a causa dos últimos partidos e adestramentos que tiveron lugar con choiva e co campo embarrado.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos venceu por catro tantos a dous á S.D. Puentearnelas no partido disputado na tarde deste sábado, 22 de xaneiro, no campo de O Leixo. Foi tras un encontro no que os locais demostraron ter máis potencial e máis recursos que ofrecer, pero no que non exhibiron unha especial brillantez. Saiu o Armenteira Veteranos coa intención de poñer terra de por medio desde os primeiros minutos. As obrigas laborais obrigaban a Sirra, o gardamallas verdinegro, a abandonar o encontro no descanso. Por este motivo o cadro local quería irse ao período de lecer coa maior vantaxe posible, dada a importancia que ten no equipo o que é, sen lugar a dúbidas, un dos mellores cancerbeiros da categoría. Con confianza no seu xogo, que combinaba o control da zona do mediocampo e o envío de balóns en longo buscando a presenza de Jorge Castro en ataque, o Armenteira Veteranos foi claro dominador durante a primeira media hora de xogo. A velocidade de Marcial e Rubén polos extremos, os apoios de Galiñanes na media punta e o perigo constante de Jorge Castro atopaban fisuras unha e outra vez na zaga dos de Pontearnelas. Non tardaría en chegar a primeira ocasión, nunha internada de Marcial polo costado esquero, que remata cun lanzamento ao lateral do pau. No minuto 5, Jorge Castro recibe un balón en profundidade e tras superar ao porteiro e perder ángulo de disparo, cun tremendo sangue frío, é quen recortar ata dar cun oco polo que colocar o balón no fondo das redes visitantes. Seguiu ofrecendo bo fútbol o equipo verdinegro nesta parte inicial do encontro, e o propio Jorge Castro dispuxo de varias oportunidades que ben puideron deixar o partido listo para sentenza. De novo Jorge Castro, tras saír vencedor dunha disputa cun defensor rival, pon en bandexa o balón a Rubén, que non falla ante Julio Cores. A vantaxe de dous goles parecía desesperar aos futbolistas da S.D. Puentearnelas, que non ocultaban o descontento coa situación sobre o terreo de xogo, con discusións e reproches mutuos. No medio dunha destas discusións, unha perda de balón nun ataque dos locais, orixinou un contraataque, no que César Fariña, cheo de rabia, conduciu o coiro a gran velocidade pola banda esquerda ata enviar un centro á área verdinegra que acaba rematando a gol Guillermo Borrageiros ante a pasividade da defensa local. Na reanudación, xa sen Sirra baixo os paus do Armenteira Veteranos, e con Javi González como porteiro de circunstancias, axiña os locais volveron tomar vantaxe. Manuel Mouriño, intentando curtar a traxectoria do balón tras un lanzamento de falta executado por Martín, despista a Julio Cores, e o esférico acaba bicando as redes da portería visitante. A renda parecía novamente suficiente para que a segunda metade fose relativamente plácida para a escadra verde e negra. Pero pouco a pouco os de A Armenteira foron caíndo nun fútbol espeso e con demasiadas imprecisións. Con todo, houbo que agardar ao minuto 72 para que os de Pontearnelas, no segundo lanzamento a portería que realizaban no partido, volvesen reducir distancias. Sería noutro contragolpe, no que César Fariña volveu imprimir un ritmo vertixinoso, ata adentrarse na área e empalmar un potente disparo ante o que nada puido facer Javi González. Pero apenas tres minutos despois, un testarazo de Jorge Castro tras un saque de córner, ampliaba outra vez a vantaxe para os de A Armenteira. O gol non mellorou as sensacións dos locais, que se mostraban desorientados sobre o campo e deixaban excesivos espazos entre liñas, o que era aproveitado polos xogadores da S.D. Puenternelas para tratar de levar perigo cara a meta local, buscando sobre todo as entradas por banda. Na recta final do encontro os visitantes dispuxeron de varias oportunidades, algunha delas de relativa claridade, pero non estiveron moi atinados no remate. Houbo tempo tamén para algunha acometida do Armenteira Veteranos. Unha internada de Richi pola esquerda, a xeito de lateral brasileiro, e unha carreira de Marcial corpo a corpo cun central da S.D. Puentearnelas, foron algunhas das accións coas que se pechou un encontro que acabaría deixando os tres puntos en O Leixo. Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición, con catorce puntos. A próxima fin de semana, o equipo verdinegro visitará o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde se medirá ao AF7 Bar Madia Leva, que ocupa a terceira posición, con dezasete puntos, no que será un partido clave de cara a dilucidar cales as aspiracións dos de A Armenteira na liga, xa que, de vencer, lograrían acceder á parte nobre da táboa.