Buscar neste blog

sábado, 22 de xaneiro de 2022

O Armenteira Veteranos supera á S.D. Puentearnelas nun partido non demasiado brillante

  FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA VETERANOS-S.D. PUENTEARNELAS - 4 - 72
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Muñiz, Marcos, Richi; Rubén, Martín, Júnior, Marcial; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Jorge Dávila, Rafa, Javi González, Óscar Barreiro e Carlos Castro.

GOLES: 1-0. Minuto 5. Jorge Castro. 2-0. Minuto 31. Rubén. 2-1. Minuto 40. Guillermo Borrageiros. 3-1. Minuto 48. Manuel Mouriño, en propia meta. 3-2. Minuto 72. César Fariña. 4-2. Minuto 75. Jorge Castro. 

ÁRBITRO: Otero Otero. Mostrou cartóns a Richi e Carlos Castro por parte do Armenteira Veteranos e a Rafa Fernández por parte da S.D. Puentearnelas.

INCIDENCIAS: Partido da décima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo cunha superficie dura, compacta e irregular, a causa dos últimos partidos e adestramentos que tiveron lugar con choiva e co campo embarrado.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos venceu por catro tantos a dous á S.D. Puentearnelas no partido disputado na tarde deste sábado, 22 de xaneiro, no campo de O Leixo. Foi tras un encontro no que os locais demostraron ter máis potencial e máis recursos que ofrecer, pero no que non exhibiron unha especial brillantez. Saiu o Armenteira Veteranos coa intención de poñer terra de por medio desde os primeiros minutos. As obrigas laborais obrigaban a Sirra, o gardamallas verdinegro, a abandonar o encontro no descanso. Por este motivo o cadro local quería irse ao período de lecer coa maior vantaxe posible, dada a importancia que ten no equipo o que é, sen lugar a dúbidas, un dos mellores cancerbeiros da categoría. Con confianza no seu xogo, que combinaba o control da zona do mediocampo e o envío de balóns en longo buscando a presenza de Jorge Castro en ataque, o Armenteira Veteranos foi claro dominador durante a primeira media hora de xogo. A velocidade de Marcial e Rubén polos extremos, os apoios de Galiñanes na media punta e o perigo constante de Jorge Castro atopaban fisuras unha e outra vez na zaga dos de Pontearnelas. Non tardaría en chegar a primeira ocasión, nunha internada de Marcial polo costado esquero, que remata cun lanzamento ao lateral do pau. No minuto 5, Jorge Castro recibe un balón en profundidade e tras superar ao porteiro e perder ángulo de disparo, cun tremendo sangue frío, é quen recortar ata dar cun oco polo que colocar o balón no fondo das redes visitantes. Seguiu ofrecendo bo fútbol o equipo verdinegro nesta parte inicial do encontro, e o propio Jorge Castro dispuxo de varias oportunidades que ben puideron deixar o partido listo para sentenza. De novo Jorge Castro, tras saír vencedor dunha disputa cun defensor rival, pon en bandexa o balón a Rubén, que non falla ante Julio Cores. A vantaxe de dous goles parecía desesperar aos futbolistas da S.D. Puentearnelas, que non ocultaban o descontento coa situación sobre o terreo de xogo, con discusións e reproches mutuos. No medio dunha destas discusións, unha perda de balón nun ataque dos locais, orixinou un contraataque, no que César Fariña, cheo de rabia, conduciu o coiro a gran velocidade pola banda esquerda ata enviar un centro á área verdinegra que acaba rematando a gol Guillermo Borrageiros ante a pasividade da defensa local. Na reanudación, xa sen Sirra baixo os paus do Armenteira Veteranos, e con Javi González como porteiro de circunstancias, axiña os locais volveron tomar vantaxe. Manuel Mouriño, intentando curtar a traxectoria do balón tras un lanzamento de falta executado por Martín, despista a Julio Cores, e o esférico acaba bicando as redes da portería visitante. A renda parecía novamente suficiente para que a segunda metade fose relativamente plácida para a escadra verde e negra. Pero pouco a pouco os de A Armenteira foron caíndo nun fútbol espeso e con demasiadas imprecisións. Con todo, houbo que agardar ao minuto 72 para que os de Pontearnelas, no segundo lanzamento a portería que realizaban no partido, volvesen reducir distancias. Sería noutro contragolpe, no que César Fariña volveu imprimir un ritmo vertixinoso, ata adentrarse na área e empalmar un potente disparo ante o que nada puido facer Javi González. Pero apenas tres minutos despois, un testarazo de Jorge Castro tras un saque de córner, ampliaba outra vez a vantaxe para os de A Armenteira. O gol non mellorou as sensacións dos locais, que se mostraban desorientados sobre o campo e deixaban excesivos espazos entre liñas, o que era aproveitado polos xogadores da S.D. Puenternelas para tratar de levar perigo cara a meta local, buscando sobre todo as entradas por banda. Na recta final do encontro os visitantes dispuxeron de varias oportunidades, algunha delas de relativa claridade, pero non estiveron moi atinados no remate. Houbo tempo tamén para algunha acometida do Armenteira Veteranos. Unha internada de Richi pola esquerda, a xeito de lateral brasileiro, e unha carreira de Marcial corpo a corpo cun central da S.D. Puentearnelas, foron algunhas das accións coas que se pechou un encontro que acabaría deixando os tres puntos en O Leixo. Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición, con catorce puntos. A próxima fin de semana, o equipo verdinegro visitará o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde se medirá ao AF7 Bar Madia Leva, que ocupa a terceira posición, con dezasete puntos, no que será un partido clave de cara a dilucidar cales as aspiracións dos de A Armenteira na liga, xa que, de vencer, lograrían acceder á parte nobre da táboa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario