Buscar neste blog

domingo, 28 de xaneiro de 2018

Inicio da segunda fase con vitoria para o Armenteira C.F. benxamín

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. -  E.D. POIO "B"- 4-2
ARMENTEIRA C.F.: Marcos; Dani Otero, Lucas Otero, Brais González; Darío, Óscar, Brais Charlín; e Ángel. Tamén xogaron Irene e Nico.
GOLES: 1-0. Minuto 15. Lucas Otero. 2-0. Minuto 17. Brais Charlín. 2-1. Minuto 23. Luis Eduardo Aboal. 3-1. Minuto 27. Brais Charlín. 4-2. Minuto 32. Óscar. 4-2. Minuto 47. Breixo Cochón.
ÁRBITRO: Hernández Pérez. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada da segunda fase da Terceira benxamín. Grupo 62, disputado na mañá do sábado, nunha mañá fresca e primaveral, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo benxamín do Armenteira C.F. comezou con bo pé a segunda fase da competición tras superar por catro goles a dous á E.D. Poio "C" no partido disputado na mañá deste sábado no campo de  O Leixo. O conxunto que adestran Jonathan Crespo e Juanma García mostrouse claramente superior e incluso foi merecedor dun resultado máis contundente o primeiro rival ao que tivo que facer fronte na segunda fase da Terceira autonómica benxamín, na que o cadro de A Armenteira foi encadrado no grupo 62. Con maior poderío físico e con futbolistas máis desequilibrantes os locais tiveron o control durante practicamente os cincuenta minutos de xogo. Na primeira metade, o Armenteira C.F. tardou en reflectir no marcador a superioridade que amosaba sobre a superficie de terra de O Leixo. Lucas Otero, cun tremento zurdazo nun lanzamento de falta inaguraba o marcador. O dous a cero chegaría en similares circunstancias, pero neste caso correspondería a Brais Charlín executar de forma maxistral tamén outro lanzamento de falta ante o que nada puido facer tampouco o meta Hugo Barragáns. A relaxación e a baixada de ritmo dos locais permitiu que a E.D. Poio "C" comezase a achegarse ás inmediacións da área defendida por Marcos. Luis Eduardo Aboal, aproveitando unha serie de erros defensivos acurtaba distancias. A aposta polo toque e a fluidez coa que trataban de mover o coiro os visitantes facía que a preocupación se fose extendendo entre a afección local. Aínda que apareceu a figura de Óscar, en proceso de recuperación tras a lesión que sufriu no último partido da primeira fase e dúbida ata última hora. O centrocampista de Vilariño plantouse na área tras levarse varios rexeitamentos e poñía no marcador a que semellaba ser a sentenza. Un gol de Breixo Cochón xa a tres minutos do final non suporía ningunha amenaza para que os tres puntos se quedasen en A Armenteira. Esta vitoria sitúa a escadra que dirixe Jonathan Crespo na quinta posición, a cal procurará defender a próxima fin de semana ante un dos rivais máis potentes do grupo, a A.D. Arousa F-7, ao que o equipo verdinegro xa se enfrontou na primeira fase, vencendo daquela os vilagarciáns por un gol a catro.


Vitoria arrolladora do Armenteira C.F. xuvenil ante o Unión Dena C.F.

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. -  UNIÓN DENA C.F. 5-2
ARMENTEIRA C.F.: Roberto Torres; Gabriel, Bufi, Jona, Valo; Cris Cores, André, Mathias, Cristian Abal; Hilias e Alberto. Tamén xogaron Dimitar, Roberto Trigo, Josiño, David Piñeiro e Rubén.
GOLES: 1-0. Minuto 11. Cristian Abal. 2-0. Minuto 26. Cristian Abal. 3-0. Minuto 48. Cristian Abal. 4-0. Minuto 50. Alberto. 5-0. Minuto 57. Hilias, de penalti. 6-0. Minuto 60. Mathias. 7-0. Minuto 63. Mathias. 7-1. Minuto 90. César Rial.
ÁRBITRO: Fontán Otero. Mostrou cartón amarelo a Cristian Abal por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima xornada a Segunda autonómica xuvenil disputado no campo de A Bouza, en Barrantes, antes uns cincuenta espectadores, nunha tarde fresca e sobre un terreo de xogo en excelentes condicións para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. logrou unha arrolladora vitoria por sete goles a un ante o Unión Dena C.F. no partido disputado na tarde deste sábado no campo de A Bouza, en Barrantes. É o segundo triunfo consecutivo, despois dos agónicos tres puntos acadados a pasada fin de semana no campo de Monte Redondo ante a S.D. Chispa. A superioridade do cadro verdinegro e a comodidade do resultado indican con claridade cal foi o argumento do partido. Dende o inicio o Armenteira C.F. mantivo o dominio, pero non puido abrir a lata dos de Meaño ata o minuto 11, cando Cristian Abal se valía da súa punta de velocidade para plantarse ante Evaristo González e colocar o un a cero. Un remate co abdome do propio extremo de Vilariño a centro de Alberto ampliaba vantaxe, e novamente Cristian Abal poñía o tres a cero co que se chegaba ao descanso. Na segunda metade o argumento apenas variou. O conxunto local dominaba e achegábase unha e outra vez á meta do Unión Dena C.F. Entre as moitas ocasións desperdiciadas viñeron os goles que conformaron a vitoria máis abultada que lograron os de Valentín Estévez "Tilín" no que vai de temporada. Alberto tras unha extraordinaria carreira, Hilias transformando un penalti cometido sobre Cristian Abal e Mathias en dúas ocasións, unha delas tras un lanzamento de falta no que contou coa inestimable colaboración do meta visitantes, acadarían os sete goles cos que os verdinegros deleitaron á súa fiel e sufridora afección. A falta de contundencia á hora de despexar un balón permitiu ao Unión Dena conseguir o gol da honra no último intre do encontro. Sería por mediación de César Rial, un futbolista que no seu día estivo na órbita do Armenteira C.F., co che chegou incluso a realizar algún adestramento e a que a piques estivo de incorporarse ao clube de O Leixo. Con esta vitoria a escadra que dirixe "Tilín" sitúase na décima posición, con vintetrés puntos, posición que terá a oportunidade de mellorar na visita da próxima fin de semana ao campo Mari Paz Vilas Dono, onde se medirá a un rival directo, o C.D. Bamio, oitavo clasificado e con só un punto máis ca os de A Armenteira.


xoves, 25 de xaneiro de 2018

A segunda fase comeza tamén para o equipo benxamín do Armenteira C.F.

O equipo benxamín do Armenteira C.F. comeza este sábado a segunda fase da Terceira autónomica benxamín, e fárao no campo de O Leixo ante a E.D. Poio "C". Segundo deparou o calendario que a Real Federación Galega deu a coñecer a pasada fin de semana os nenos e nenas que dirixen Jonathan Crespo e Juanma García quedarán encadrados no grupo 62A, no que ademais dos poienses figuran equipos como a A.D. Arousa F-7, a A.X. Saraiba do Mar "B", a E.F.B. Vilanova "B", o Atlético Arousana ou o Unión Dena C.F., todos eles conxuntos cos que compartiu grupo na primeira fase. Foi precisamente o criterio de clasificación nesta primeira parte da competición o que seguiu a institución que preside Rafael Louzán para distribuír os novos grupos, tratando de fomentar deste xeito a igualdade e o equilibrio entre os equipos. A traxectoria nesta primeira fase parece colgar o cartel de favoritos a Unión Dena C.F., A.D. Arousa F-7, E.F. Portero 2000 "B" e C.D. Soutomaior "B", aínda que os de A Armenteira queren seguir refrendando a enorme progresión demostrada dende o inicio da temporada e parten coa ambición de loitar por situarse nos postos altos da táboa. Para confirmar estas aspiracións, e, sobre todo, para seguir aprendendo e disfrutando dun deporte nunha categoría na que os resultados ocupan un lugar secundario, a próxima cita será este sábado 27 de xaneiro no campo de O Leixo a partires das 12:30 horas.




sábado, 20 de xaneiro de 2018

Axustada vitoria do Armenteira C.F. xuvenil tras un partido de infarto en Corón

FICHA TÉCNICA
S.D. CHISPA - ARMENTEIRA C.F. -  5-6
ARMENTEIRA C.F.: Roberto Torres; Gabriel, Bufi, Valo; Dimitar, Jona, Mathias; Cris Cores, Hilias, Cristian Abal; e Alberto. Tamén xogaron Sergio García e Josiño.
GOLES: 1-0. Minuto 18. Andrés Leiro. 1-1. Minuto 25. Cristian Abal. 1-2. Minuto 29. Dimitar. 1-3. Minuto 32. Hilias. 2-3. Minuto 38. Ramiro González. 2-4. Minuto 51. Cristian Abal. 3-4. Minuto 67. Joaquín González. 3-5. Minuto 73. Alberto. 4-5. Minuto 75. Andrés Leiro. 5-5. Minuto 84. Joaquín González. 5-6. Minuto 89. Mathias
ÁRBITRO: Padierna Quintero. Mostrou cartóns amarelos a Bufi, Cristian Abal, Sergio García, Hilias e Gabriel por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada da Segunda autonómica xuvenil. Grupo 9, disputado no campo Municipal de Monte Redondo, en Corón, ante uns cincuenta espectadores nunha tarde fresca, baixo unha chuvia fina e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. logrou unha importante e motivadora vitoria no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de Monte Redondo ante o conxunto local da S.D. Chispa. Pasaron xa tres meses dende o último triunfo a domicilio da escadra verdinegra. Fora naquela épica e contundente vitoria por un tanto a cinco ante o C. Juventud Cambados "B" no campo de O Pombal. Dende entón unha mala xeira de xogo e resultados condenadon ao conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" a unha traxectoria descendente que o levou das posicións privilexiadas á parte baixa da táboa. O triunfo ante o Moraña C.F. a finais do pasado decembro permitiu recuperar minimamente a moral, pero houbo que agardar a este sábado para volver disfrutar unha vitoria como visitante. Foi nun encontro emocionante, tolo, con moitas variacións no marcador e cun final de infarto, no que unha cabezada de Mathias outorgou os tres puntos aos de Armenteira. O resultado definitivo de cinco goles a seis, máis propio de deportes como o tenis, é o mellor resumo do que foi o partido. Curiosamente, e en contraste co ocorrido este sábado, na cita que medira a estes dous conxuntos na primeira volta, no que era o primeiro partido de liga, ningún dos dous equipos lograra anotar. Jonathan Crespo, momentaneamente á fronte da escadra xuvenil do Armenteira C.F. presentou un plantexamento claramente ofensivo. As numerosas baixas en defensa , unida á súa recoñecida mentalidade ofensiva, condicionaron a estratexia que deseñou o técnico de Valga. Esta arriscada aposta parecía ter éxito nos primeiros minutos. O Armenteira C.F. controlaba o xogo, que se desenvolvía fundamentalmente na parcela defendida polos de Corón e gozaba das mellores oportunidades. Pero nun dos primeiros ataques dos locais Andrés Leiro enviaba ao fondo das mallas o primeiro disparo á portería do seu equipo. Non desistiu o conxunto verdinegro e seguindo buscando a meta adversaria. Con intensidade na recuperación e buscando a entrada por banda de Cristian Abal e Cris Cores, axiña atoparon recompensa ao seu traballo. Sería precisamente Cristian Abal tras recibir un balón na área pequena o que poría a igualada. Dimitar, aproveitando unha asistencia en carreira superaba a Guillermo Núñéz para colocar o un a dous. O un a tres sería obra de Hilias, que xa antes dera aviso con excelente chut que fora sacada da escadra polo meta local. O mediapunta de orixe magrebí culminaba unha xogada colectiva cruzando o coiro ao fondo das mallas dende a zona esquerda da área. Un penalti cometido por Bufi permitía acurtar distancias á S.D. Chispa antes do descanso. No segundo período a emoción continuou sendo a nota dominante. Os tantos de Cristian Abal e Alberto, poñían no marcador un esperanzador tres a cinco, que o baixón físico e as excesivas confianzas defensivas malgastaron e alentaron a unha S.D. Chispa que, a falta de cinco minutos, era quen de lograr a igualada. Apoiados polos ánimos que viñan dende as bancaras e coa moral pletórica da remontada a piques estiveron de sentenciar, e, en varias ocasións, o balón paseouse por diante da meta de Roberto Torres, aínda que por fortuna para os verdinegros, a puntería non acompañou neste caso aos vilanoveses. Cando o encontro semellaba condenado ao empate, un libre indirecto magnificamente colgado por Gabriel, que o colexiado obrigou a repetir, amonestando incluso ao lateral de Cabanelas, acabaría cun perfecto testarazo de Mathias para dar un agónico e traballado triunfo ao Armenteira C.F. Con esta vitoria o cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín" ascende ao décimo posto, con vinte puntos. A próxima cita para os verdinegros será case con total seguridade o domingo 28 de xaneiro, no campo de A Bouza, en Barrantes, ante o Unión Dena C.F., décimo cuarto clasificado, con tres puntos.







Remontada imperfecta do Armenteira C.F. alevín ante a E.F. Portero 2000 "B"

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - E.F. PORTERO 2000 "B"-  2 - 4
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Sara Otero; Brais Santamaría, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Ainhoa, Ramón e Brais Charlín.
GOLES: 0-1. Minuto 3. Matías García. 0-2. Minuto 31. Diego Martínez. 1-2. Minuto 34. Brais Charlín. 2-2. Minuto 47. Brais Charlín. 2-3. Minuto 48. José Fernando Busto. 2-4. Minuto 50. Brais Sánchez
ÁRBITRO: Fernández Aboal. Non mostrou ningún cartóns nin a un nin a outro equipo.
INCIDENCIAS: Partido da décimo segunda xornada da Terceira alevín. Fútbol-8. Grupo 61, disputado no campo Municipal de Zacande ante uns corenta espectadores nunha mañá fresca e sobre un terreo de xogo nunhas condicións máis ca aceptables.

CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. non foi quen de puntuar no partido que o mediu na mañá deste sábado á E.F. Portero 2000 "B". Foi nun encontro equilibrado, no que os rapaces e rapazas que dirixiu Luis Barral foron de menos a máis, remontando a vantaxe inicial dos pontevedreses, pero no que a posibilidade de sumar polo menos un punto se escapou nuns últimos dous minutos tremendamente crueis para o conxunto verdinegro. Saiu a E.F. Porteiro 2000 "B" coa intención de exhibir un estilo que a caracteriza como unha das escolas de fútbol de máis renome na provincia. O xogo combinativo, con pase, control e movemento parecían prever que probablemente se levarían os tres puntos con comodidade. Para refrendar estas previsións Matías García culminaba unha xogada colectiva para poñer o cero un con só tres minutos disputados. Pero o Armenteira C.F. conseguiu refacerse, e, en base, á entrega, á loita e á súa superioridade nos balóns divididos comezou a achegarse cada vez con máis frecuencia aos dominios do meta André Ortego. Un disparo de Mateo, ao que respondeu cunha gran intervención o gardamallas visitante e os saques de curruncho foron as ocasión de maior claridade para os verdinegros neste primeiro período. Tras a reanudación a entrada de Brais Charlín, un futbolista de categoría alevín, e que sen dúbida é unhas das grandes perlas da canteira de O Leixo, revolucionou o encontro. Cunha enorme movilidade, visión de xogo e desmarque o atacante de Silván convertiuse no principal protagonista da reacción do equipo local. Nos seus pés estivo a posibilidade de recurtar distancias rematando por enriba do longueiro despois dunha magnífica asistencia de Brais Santamaría. Pero non erraría na seguinte ocasión da que dispuxo, e tampouco cando a tres minutos do final ao finalizar unha excelente combinación ao primeiro toque na que tamén interviron Brais Santamaría e Aldara. A desesperación do corpo técnico e da afección do equipo capitalino, que vían como os verdinegros ameazaban con remontar un resultado que, a tenor do observado nos intres iniciais, semellaba ía ser favorable, tornouse en alegría cando nos dous últimos minutos, dous contragolpes, que non puideron ser contrarrestrados por unha defensa verdigegra que pecou de falta de contundencia, remataron en sendos goles ante a resignación do técnico Luis Barral e dun grupo de xogadores e xogadoras que con toda xustiza crían merecer un mellor trato por parte da fortuna. Tras esta xornada a escadra verde e negra permanece na oitava posición, con catorce puntos, á espera da visita que a próxima fin de semana realizará de novo ata a capital da provincia para medirse á A.D. Sagrado C.F. "C", que ocupa a sétima praza, con vinteún puntos.




martes, 16 de xaneiro de 2018

A devoción, a festa e a tradición congréganse en torno a San Antonio Abad o 17 e o 18 de xaneiro

A parroquia de A Armenteira volve vestirse de festa. Será este mércores 17 e o xoves 18 de xaneiro co motivo da celebración dunha das súas festas máis tradicionais e singulares, o San Antonio Abad. A capela situado ao pé da estrada que conduce ao famoso mosteiro cisterciense abrirá as súas portas, os dous únicos días que o fai ao ano, para recibir aos veciños e veciñas e aos devotos en xeral que ano tras ano non fallan á súa cita cun festexo de tanta raigame nun pobo que se resiste a perder as súas esencias rurais e que se aferra a unhas costumes que veñen practicando dende séculos. Conta a historia, en parte tinguida de lenda, que este santo, que viviu aló polas terras de Exipto aló polos séculos III e IV despois de Cristo, abandonou os seus bens para retirarse a unha ermida. Alí continuou a súa vida monacal recibindo a comunidades de monxes, que acudían na procura de consello e exemplo de piedade cristiá, chegando a vivir ata os 105 anos de idade. Xeralmente represéntase acompañado dun porquiño, do que se lle atribúe a súa curación. Dende a antigüidade os campesiños encomendábanse a San Antonio Abal, ao que popularmente tamén se denomina como San Antón, para que protexese aos seus animais fronte aos ataques dos depredadores e das enfermidades. Moito mudou a situación en A Armenteira e en xeral na contorna nas últimas décadas, e a economía de base agraria característica daqueles tempos deu paso a outra na que o campo e as actividades agrícolas e gandeiras teñen un papel minoritario. As vacas, elemento básico do sustento familiar no pasado, desapareceron da paisaxe da parroquia e na actualidade a súa presenza é case anecdótica, existindo algún exemplar nalgún domicilio que se rebela contra as imposicións do progreso ou ben aparecen formando parte da iniciativa emprendora dalgún gandeiro novo que trata de buscar novas posibilidades de explotación dos recursos rurais. Maior resistencia a estes cambios ofrecen cabalos, cabuxas, ovellas, porcos, galos ou galiñas, que por motivos de ocio ou porque o seu coidado se adapta mellor ao modo de vida das xentes dos tempos actuais, seguen mantendo un censo notable entre o gando parroquiano. Xunto a eles animais de compañía, as comunmente coñecidas como mascotas, como os cans, os gatos, diversas especies de animais exóticos compoñen unha poboación deste mundo animal que non nada que envexar en canto a número á que existía no pasado. Por este motivo, e empeñadas en conservar a tradición, as xentes da parroquia e dos arredores acudirán sobre o mediodía deste mércores e deste xoves á capela de San Antonio Abad para participar nos oficios relixiosos, na procesión e nas poxas dos produtos que as xentes entregan como ofrenda ao santo, e que soen consistir en animais vivos ou distintos produtos do campo. Con particular fervor se vive este festexo no pequeno lugar de San Amedio, ao que os modernos métodos de control administrativo borraron da sinalización para agregalo ao veciño lugar de Vilar, un fervor e unha devoción que non é moito menor en Castiñeira, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras ou Gondes, todos eles situados ao norte da capela, nos que tradicionalmente se celebraba o San Antonio, fronte aos outros lugares da parroquia, nos que nos fogares este festexo non se realizaba, pero si se facía o luns de Pascua, o día grande da Romaría das Cabezas. Como tamén marca a tradición o primeiro día, o 17 de xaneiro, era o que se denominaba como o "día do cocido", mentres que o día seguinte era o "día dos callos", por ser estes os manxares típicos que reunían en torno a unha mesa a familiares e invitados en cada unha desas datas. Con todo, e a pesares de todas esas transformacións nos modos de vida e nas costumes da xente, o San Antonio Abad non perde o seu aroma e un ano máis volverá a congregar a fieis, devotos, veciños e veciñas e festeiros en xeral na que será a primeira cita no panorama festivo de A Armenteira en 2018.




O equipo infantil do Armenteira C.F. xa coñece o calendario da segunda fase

A Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer a última hora deste luns o calendario da segunda fase da Segunda autonómica infantil. Liga Pizza Móvil, na que participa o equipo de categoría infantil do Armenteira C.F. A composición dos grupos realizouse en función da clasificación na primeira fase, na cal o equipo que dirixen Luis e Alba Barral finalizou na oitava posición, co cal foi encadrado nun grupo cos equipos que remataron na zona media esta primeira parte da competición. En concreto, o cadro verdinegro quedará situado no grupo 62, xunto a conxuntos cos que compartiu a primeira fase como a E.D. Arousa S.D. "B", o Vilalonga F.C., a E.F.B. Vilanova ou a S.D. Puentearnelas. Xunto a eles estarán no grupo equipos das comarcas de Ulla, Pontevedra ou O Morrazo. Os desprazamentos máis longos serán Ponte Sampaio, a onde pertence a A.X.D. Verdugo, e Domaio, onde terán que visitar ao Domaio F.C. O feito de que esta competición se dispute a unha soa volta evitá outras viaxes de relativa distancia como sería Aldán, lugar ao que pertence o Rápido Bahía C.F., que se desprazará a O Leixo o 24 de febreiro. Para comezar a liga os rapaces que adestra Luis Barral terán que medirse a un dos conxunto que a priori parte como un dos favoritos para alzarse co título de campión, a E.D. Arousa "B", á que deberán rendir visita ao campo de A Pelada, en Faxilde, o próximo domingo a partires das 12:00 horas. Ademais dos arousáns, tendo en conta os resultados e a clasificación da primeira fase, Atlético Cuntis e Salgueiriños C.F. "C" parecen figurar entre os máximos favoritos.


domingo, 14 de xaneiro de 2018

Clara vitoria do Armenteira C.F. infantil para finalizar a primeira fase da liga

FICHA TÉCNICA
CATOIRA S.D. - ARMENTEIRA C.F. 1 - 6
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Casal, Migui, Adri, Xoán, Fran; Íñigo, Hugo, Carlos; Manu Meixús, Júnior e Mosteiro. Tamén xogaron Javi, Sara Rey, Anabel, Jeffrey e Jose Domínguez.
GOLES: 1-0. Minuto 18. Hugo de Jesús. 1-1. Minuto 21. Manu Meixús. 1-2.  Minuto 30. Mosteiro. 1-3. Minuto 33. Migui. 1-4. Minuto 39. Mosteiro. 1-5. Minuto 54. Mosteiro. 1-6. Minuto 76. Mosteiro
ÁRBITRO: Maceira Pena. Non mostrou ningún cartóns nin a un nin a outro equipo.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta da primeira fase da Segunda infantil. Liga Pizza Móvil. Grupo 11., disputado no campo de As Lombas ante pouco máis de trinta espectadores nunha mañá fría, cuberta de brétema e sobre un terreo de xogo de céspede artificial notablemente desgastado.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. despediu a primeira fase da Segunda autonómica infantil cunha clara vitoria sobre o Catoira S.D. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de As Lombas. Foi un triunfo cómodo para os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral, que, con todo, estiveron lonxe do seu mellor nivel. Faltos de intensidade, relaxados na presión defensiva e imprecisos na circulación do balón a vitoria baseouse principalmente na superioridade na definición, na eficacia no corte en defensa e na velocidade polos extremos e na punta de ataque, onde Mosteiro volveu ser o futbolista máis determinante dos verdinegros. Tras uns minutos de tanteo, na que o Catoira S.D. tratou de asumir o dominio, un gol anulado a Íñigo por fóra de xogo cando este rematou sobre a liña de gol unha asistencia de Manu Meixús tería como réplica un contragolpe deficientemente defendido polo Armenteira C.F. que culminou Hugo de Jesús ante a saída de Sergio Casal. Buscou refacerse o conxunto de O Leixo, recurrindo á súa arma máis poderosa, os balóns en profundidade cara a Manu Meixús e a Júnior nos costados, e principalmente cara a Mosteiro. A falta de acerto nos pases e nos controis impedían que esa teórica superioridade se plasmase no marcador, e houbo que agardar a que Manu Meixús, tras unha internada pola banda dereita, cruzase o coiro ante Yago Meira para colocar a igualada. Mosteiro, tras recibir un balón en profundidade, encargábase de poñer o un a dous. Outra espectacular internada, neste caso do lateral Migui, era finalizada por el mesmo para marcar distancias co un a tres, e, de novo Mosteiro, sacaría proveito da súa velocidade para situar o un a catro co que se iría ao descanso. No segundo período o Armenteira C.F. administrou con comodidade a vantaxe. Sen brillantez no xogo, as escasas aproximacións dos locais foron solventadas con éxito por Xoán e Adri na zona de centrais e polas intervencións dun Sergio Casal bastante seguro baixo paus. Nos minutos finais a insistencia de Mosteiro tivo premio, e o dianteiro de San Martiño anotaría dous novos tantos. Con este triunfo o Armenteira C.F. remata esta primeira fase na oitava posición, con vinteún puntos. Agora queda agardar á configuración dos grupos, que se fará en función da clasificación dos equipos nesta primeira fase, e do calendario da segunda fase, que probablemente se dea a coñecer esta semana, aínda que xa se intúen algún dos rivais aos seguramente terá que enfrontarse o cadro que adestra Luis Barral. E.D. Arousa S.D. "B", Vilalonga F.C., E.F.B. Vilanova, S.D. Pontearnelas, C. Xuventú Sanxenxo, Atlético Cuntis, A.X.D. Verdugo ou Domaio F.C. son algúns dos clubes aos que con toda probalidade terá que medirse a escadra verdinegra nesta nova competición.








sábado, 13 de xaneiro de 2018

O Armenteira Veteranos arrolla en Zacande ao Sisán Veteranos no primeiro partido do ano

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - SISÁN VETERANOS - 7 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Joserra; Portas, Óscar Barreiro, Óscar Muñiz, Marcos; Galiñanes, José Pérez, Javi, Martín; Manueliño e Jorge Castro. Tamén xogaron Carlos, Marcial, Moncho, Pellejo, Jorge Dávila, Manolo Quintáns e Joseíño.
GOLES: 1-0. Minuto 10. José Pérez. 2-0 Minuto 22. Jorge Castro. 3-0 Minuto 27. Jorge Castro. 3-1. Minuto 50. Javier Montenegro. 4-1 Minuto 52. Jorge Castro. 5-1 Minuto 55. Joseíño. 6-1 Minuto 75. Jorge Castro. 7-1. Minuto 86. Jorge Castro.
ÁRBITRO: Caeiro Abalo. Mostrou cartóns amarelos a Rafael Novo e a Fernando Barral por parte do Sisán Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da decimo quinta xornada da Segunda Galicia de Veteranos, Grupo 2, disputado no campo Municipal de Zacande, ante aproximadamente uns vinte espectadores, nunha tarde fría e sobre un terreo de xogo de céspede artificial nunhas condicións máis ca aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos comezou o ano 2018 de forma arrolladora vencendo por sete goles a un ao Sisán Veteranos no partido disputado na tarde deste sábado no campo Municipal de Zacande. Os problemas de suministro de auga no campo de O Leixo obrigaron obrigaron a trasladar o escenario do encontro a un dos dous campos de herba artificial que reúnen as dimensións para a modalidade de fútbol-11 dos que dispón o concello de Meis. A colaboración das autoridades municipais e da Xunta Directiva do Zacande F.C. fixeron posible que tanto o Armefnteira Veteranos como o Armenteira C.F. puidesen seguir desenvolvendo os partidos e os adestramentos con normalidade ante as dificultades que supoñía a falta de abastecemento deste líquido tan esencial no campo de A Armenteira. No que se refire ao encontro, quizais sexa esaxerado falar de paseo para o Armenteira Veteranos, aínda que ben é certo que poucos lembran unha vitoria tan clara e contundente ante un rival de tal entidade. Xa dende o inicio o cadro que esta tarde exerceu de local tomou o dominio. Fronte a un Sisán Veteranos excesivamente confiado na saída do balón e con moitas imprecisións no pase o cadro verdinegro exhibiu unha demostración de intensidade na presión e de superioridade na disputa dos balóns divididos que acabou borrando do campo ao rival. Un disparo de José Pérez dende o borde da área, que desviou un defensor visitante adiantaría aos de A Armenteira. Pouco despois unha arrancada de Jorge Castro era culminada polo propio dianteiro de Vilar, co que principiaba un novo recital pola súa parte. De novo Jorge Castro poría o tres a cero antes de chegar ao descanso. A baixada de intensidade e o despiste ao que contribuiu a falta de iluminación que durante uns intres afectou ás instalación deportivas de Zacande deron algo de alento ao Sisán Veteranos que, nunha xogada a balón parado, aproveitaba a endebleza defensiva deste minutos para anotar por mediación Javier Montenegro o que sería o seu único tanto. Pero os de Ribadumia non puideron ter tempo para a reacción. Jorge Castro, en tres ocasións máis e Joseíño deixarían claro o poderío dun Armenteira Veteranos que deu unha impresión de equipo sólido, solvente, eficaz na recuperación e cunhas transicións defensa-ataque tremendamente veloces. Dentro da excelente actuación a nivel colectivo cabe destacar por enémisa ocasión o papel de Jorge Castro. Ata cinco goles acadou o dianteiro de Vilar, que se convertiu nun auténtico pesadelo para os defensores adversarios. A súa extraordinaria punta de velocidade, a forza no corpo a corpo e a a gran calidade na condución do balón volveron poñer en evidencia que se trata posiblemente do futbolista máis desequilibrante de todos os que compoñen os planteis do equipos deste grupo. Con 24 tantos no que vai de liga Jorge Castro é o abandeirado dun conxunto que tras esta xornada se mantén na undécima posición, con catorce puntos, e que próximo sábado iniciará a segunda volta recibindo ao Godos C.F. Veteranos, que ocupa a duodécima praza, con dez puntos.






domingo, 7 de xaneiro de 2018

Escasas opcións para o Armenteira C.F. feminino ante o C.P. Alertanavia no primeiro partido do ano

FICHA TÉCNICA
C.P ALERTANAVIA - ARMENTEIRA C.F. - 8 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Ángeles; Fátima, Alessandra, Naomi, Lara; Ana Martínez, Tamara, Sofía, Banesa, Paula e Laura. Tamén xogaron Yara e Belén.
ÁRBITRO: Adán Castiñeira. Mostrou cartón amarelo a Fátima por parte do Armenteira C.F.
INCENDENCIAS: Partido da décimo oitava xornada, da Segunda División Feminina, Grupo 3, disputado no campo Pahiño, de Navia, en Vigo, ante uns trinta espectadores, nunha tarde-noite fría e sobre un céspede artificial cun elevado nivel de desgaste.

CRÓNICA
O equipo feminino non puido superar o duro trance que se lle presentaba no primeiro partido do ano 2018. Ben é certo que a tenor da clasificación de ámbolos dous conxuntos o C.P. Alertanavia partía como claro favorito. O equipo vigués acabou derrotando por oito goles a cero ao Armenteira C.F. no encontro que se disputou na tarde deste domingo no campo Pahiño, no barrio vigués de Navia. O cadro que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado presentou un once inicial no que a principal novidade era o debut coa camisola verdinegra de Tamara. A futbolista vilagarciana, con fondas raíces familiares na parroquia de A Armenteira, de onde é orixinaria boa parte da súa familia, era unha das incorporacións máis ansiadas pola entidade verdinegra, que levaba anos perseguindo a súa fichaxe. Tras abandonar as filas da S.D. Puentearnelas Tamara decidiu dar o paso e convertirse na única e gran fichaxe do particular mercado de inverno no que participa o Armenteira C.F. En canto ao partido poucas referencias deixou o cadro verdinegro. Nada máis comezar Belén Campo xa adiantaba ás olívicas. Tratou de manter o tipo a escadra verdinegra. Un lanzamento en carreira de Paula, que saiu desviado, e outro de Sofía que non atopou portería foron as dúas únicas aproximacións das de O Leixo no primeiro período. Pero se por algo pasará á historia a cita deste domingo é pola actuación de Ángeles. Ata dous penalties logrou deter a gardamallas de San Amedio, pero que non foi quen de evitar o tanto de Banchigize Prieto no minuto 35, culiminando dentro da área cun forte disparo unha internada por banda, e o de Paula Briso ao fío do descanso. No segundo período as viguesas seguiron exercendo o dominio, cun Armenteira C.F. cada vez máis canso de presionar e correr tras un coiro que as locais movían cunha fluidez propia dun conxunto de superior categoría. Moi incisivo por banda, destacando as continuas acometidas da lateral dereita Banchigize Prieto, pero cunha relativa falta de acerto na finalización o C.P. Alertanavia acabaría anotando cinco tantos máis e levándose con comodidade o encontro. Houbo tempo en cambio para algunha outra parada de mérito de Ángeles e para que tiveran a oportunidade dende o banquillo Yara e Belén, que aportaron brega en loita en ataque, pero que non chegaron a inquedar a meta defendida por Lidia González. Con este resultado o Armenteira C.F. continúa na décimo quinta posición, con nove puntos, á espera de recibir o próximo domingo, probablemente no campo Municipal de Zacande, ao Arcadia E.F. líder destacado do grupo con corenta e catro puntos.